O fútbol esquece o risco climático: golpes de calor, baixas e lesións a máis de 30 graos en Balaídos

Calor en Balaídos durante un partido, nunha foto de arquivo © RC Celta

As elevadas e inusuais temperaturas que provoca o cambio climático mudan (moi pouco a pouco) algúns costumes e horarios asentados. Pero o fútbol profesional semella esquecer os riscos e os problemas asociados á calor en determinados espectáculos, tanto para os seus protagonistas como para os espectadores. Na súa teima por cubrir todas as franxas horarias posibles para un suposto maior consumo televisivo, a Liga segue a programar partidos ás 14 horas —rexeitados maioritariamente polas afeccións— ou a primeiras horas da tarde mesmo en condicións climatolóxicas adversas, a mediados de agosto (cando dá inicio a competición) ou en setembro. 

Na xornada deste domingo, polo menos tres persoas tiveron que ser atendidas e evacuadas da bancada de Tribuna de Balaídos durante o encontro entre o Celta e o Málaga, o dianteiro porriñés do equipo celeste, Pablo Durán, sufriu tamén un golpe de calor que lle impediu disputar o encontro e Iago Aspas unha lesión que o seu adestrador atribúe tamén ás altas temperaturas. De máis de 31º durante o partido, cunha sensación térmica maior e moitas das zonas do estadio a pleno sol. 

Ferran Jutglà, dianteiro do Celta, no partido ante o Málaga en Balaídos © RC Celta

"Hai que darlles os parabéns a todos os xogadores polo esforzo que fixeron e porque se xogaron o seu físico e a súa integridade no partido", advertiu o técnico celeste, Claudio Giráldez, que se queixou do horario coas altas temperaturas previstas. "A Pablo Durán deulle un golpe de calor e non foi quen nin de estar no banco e Iago entra e máncase na primeira acción que ten; estou convencido de que non se tería lesionado noutras circunstancias", engadiu o adestrador, que lembrou que o Celta xogou os dous últimos partidos "a máis de 30 graos". "Non creo que sexa o ideal", insistiu. 

O sol e a calor provocaron que varias persoas fosen atendidas en Balaídos por golpes de calor como o que sufriu o futbolista Pablo Durán, que non puido xogar o partido

Non foi unha crítica illada nin dunha única banda. O adestrador do Málaga, Juan Francisco Funes, alertou de que "un partido ás dúas da tarde, con moitísima calor, non axuda" aos equipos e "desloce o espectáculo deportivo", ademais de provocar problemas nos afeccionados "por moita gorra que poñan". Sería moito mellor para todos, lembrou, "se se disputase, por exemplo, ás nove da noite". Giráldez insistiu en que noutro horario "a xente tería gozado máis, tería vido máis xente —a entrada foi a máis baixa da temporada— e o ambiente tería sido distinto". 

Pero nada mudou. Mentres, a intensa calor si que fixo que a organización do ciclo de concertos Orballo Cultural movesen xa na noite anterior os concertos de Xabier Díaz, De Ninghures, Ortiga e Budiño previstos a partir das 13 horas no Peirao de Transatlánticos de Vigo. Adiáronse en principio para as 16 horas pero as altas temperaturas fixeron que aínda se atrasasen un chisco máis no mesmo día para evitar as peores horas de sol.

Porque a calor foi moi elevada toda a fin de semana. Tamén desde Vigo, familias alertan mesmo das condicións nas que algúns pequenos foron xogar torneos de fútbol na contorna, como en Sanxenxo o pasado sábado. "Choraban e doíanlles os pés porque non había nin aspersores debido ás restricións de uso de auga. Foi un inferno", relata a nai dun cativo que disputou un torneo con varios partidos desde as 9:30 da mañá e ata a tardiña. "O céspede, sintético e sen mollar, queimaba", resume. 

A organización do Orballo Cultural si modificou os horarios dos concertos previstos en Vigo para as 13 horas para evitar as peores horas de calor

"O fútbol profesional xa sabemos o que é; manda a televisión nos horarios e punto, pero ten razón Giráldez: non se pode xogar a esas horas con esas temperaturas", di Víctor Pantera, coordinador e adestrador do Independiente Club de Fútbol, de Vigo, que pide que se "arranxen" as cousas, polo menos no fútbol afeccionado. "O sábado ás catro da tarde vin un partido de xuvenís a 33 graos e o campo sen regar. Unha tolemia. Aos 25 minutos os xogadores estaban desfondados da calor que ía", explica quen avoga por suspender os encontros cando se pase dos 30. "Como non hai datas, danlle para diante, pero estanse permitindo partidos de rapazada ás 13:30 horas neste tempo e os xogadores pásano moi mal, non ten lóxica".

Desde Balaídos, os testemuños de afeccionados celestes coinciden nos problemas coa excesiva calor, que provocou que a xente tirase de auga, gorras e calquera obxecto que fixese a función de abanico. "Estando na zona de Marcador Baixo a calor era insufrible e o sol só nos empezou a dar na segunda parte; non imaxino o que sería os 90 minutos ao sol, como ocorreu en Tribuna", di Hugo, un seareiro, en alusión á bancada onde, precisamente, tiveron que ser atendidas varias persoas. 

Calor durante un encontro do Celta en Balaídos, nunha foto de arquivo © RC Celta

Problemas en varios estadios

"Creo que os horarios do fútbol teñen que favorecer o espectáculo, coidar dos xogadores e da afección. Non se pode xogar a esas horas e pretender que o rendemento dos xogadores sexa o mesmo. Non abonda con facer unha pausa para a hidratación nos partidos. Cómpre repensar o modelo e volver a horarios respectuosos e compatíbeis coa xornada laboral para a afección", reflexiona Aitor Rivas, afeccionado da bancada de Río Alto. 

"Cómpre repensar o modelo e volver a horarios respectuosos e compatíbeis coa xornada laboral para a afección"

Non ocorreu só en Vigo. En Valladolid, no partido de Segunda entre o equipo local e o Real Oviedo, foron sete as persoas asistidas por golpes de calor, esgotouse a auga fría e o club local repartiu máis de 4.000 botellas nun recinto onde, por mor do forte sol e temperaturas de máis de 34º, varias bancadas baleiráronse antes de tempo. O encontro comezou ás 16:15 horas, ao igual que o Cádiz-Las Palmas do sábado, onde tamén houbo problemas asociados ás altas temperaturas. 

Ese mesmo horario foi o elixido para a disputa do Levante-Barcelona en València, onde o partido foi interrompido durante uns minutos para que os servizos médicos atendesen un afeccionado que sufriu un esvaecemento pola calor nunha das bancadas onde o sol petou máis e durante máis tempo. 

O balance das consecuencias das altas temperatura provocadas pola crise climática son xa variadas para o Celta e o seu estadio neste inicio de competición. 

O Celta adiou a primeira xornada polo estado do céspede de Balaídos, afectado por un fungo que creceu con forza por mor das altas temperaturas

Ademais dos problemas deste domingo, con dous xogadores afectados e varios afeccionados atendidos, o primeiro partido de Liga, que debía disputarse o domingo 16 de agosto en Balaídos, foi aprazado para o día 27 polo mal estado do céspede, afectado por un fungo que medrou con moita forza favorecido por altas e inusuais temperaturas.

"Isto é o cambio climático, iso que negan algúns; este fungo creceu desta forma pola elevación das temperaturas, tal e como nos din os técnicos", explicaba daquela o alcalde da cidade, Abel Caballero. "Isto é o que está a pasar no mundo, que saibamos que temos que reaccionar. Que é iso da negación? Esta vez afectoulle ao céspede de Balaídos", resumía. A reacción, polo menos no fútbol profesional, segue sen chegar. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.