Galicia sufriu o verán máis cálido dende que hai datos

Evolución da anomalía da temperatura media no verán en Galicia sobre unha imaxe dun solpor en Pontevedra © Montaxe: Praza.gal Imaxe: Luis Pereiro (CC-BY)

A temperatura media foi de 21,4 grados, 2,3 graos superior ao período de referencia (1981-2010)

Nunca fixo tanta calor, cando menos nas épocas recentes. Ano tras ano Galicia -e a maior parte do planeta- rexistra novos récords de temperatura, nun proceso de cambio climático que se acelera e que leva a indicadores extremos, medias máis elevadas e fenómenos meteorolóxicos cada vez máis prexudiciais para a saúde. 

Este mércores a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, presentou o informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia sobre o verán meteorolóxico que vén de rematar -o período que abrangue os meses de xuño, xullo e agosto-. Nestes tres meses a temperatura media foi de 21,4 grados, 2,3 graos superior ao período de referencia (1981-2010) e superando todos os valores existentes na serie histórica, que comeza no ano 1961. Tamén as temperaturas mínimas foros as máis elevadas dende que hai rexistros.

Evolución da anomalía da temperatura media no verán en Galicia en relación ao normal no período de referencia 1981-2010 ©

En canto ás precipitacións, o verán de 2026 pode considerarse, en conxunto, seco, cunha precipitación media acumulada de 94 litros por metro cadrado, o que supón un 22% menos do habitual

O mes de xuño foi extremadamente cálido alcanzando os 20,4 graos, 2,6 graos por riba do habitual, o que o converte no segundo mes de xuño máis cálido desde 1961. Neste mes, destacaron os episodios cálidos entre os días 11 e 14 e, sobre todo, entre o 20 e o 24, que estiveron asociados á chegada frecuente de masas de aire moi cálido procedentes do sur. 

En xullo a temperatura media foi de 22,5 graos, 2,8 graos superior ao frecuente neste período, o que o converte no mes de xullo máis cálido desde que hai rexistros. 

Agosto foi un mes con dúas partes moi diferenciadas: os primeiros días estiveron marcados por situacións anticiclónicas e por un episodio cálido especialmente destacado entre os días 10 e 18, pero na última semana do mes houbo un cambio importante coa entrada dun episodio frío entre os días 23 e 29. Con todo, cunha 
temperatura media de 21,4 graos, 1,5 graos por riba do habitual, o agosto que vimos de rematar pode considerarse tamén un mes moi cálido.

Os veráns levan sendo anormalmente cálidos en Galicia en 10 dos últimos 12 anos, pero nunca cunha diferenza tan grande en relación aos valores esperables para esta época do ano

En canto ás precipitacións, o verán de 2026 pode considerarse, en conxunto, seco, cunha precipitación media acumulada de 94 litros por metro cadrado, o que supón un 22% menos do habitual. Tamén aquí houbo diferenzas entre meses, cun xuño e xullo moi secos e un agosto, en cambio, moi húmido ao rexistrar 64 litros por metro 
cadrado de precipitación media, o que é un 73% por riba do agardado nesta época. Iso si, esta humidade estivo concentrada na última semana, entre os días 23 e 29.

Os veráns levan sendo anormalmente cálidos en Galicia en 10 dos últimos 12 anos, pero nunca cunha diferenza tan grande en relación aos valores esperables para esta época do ano. 

Anomalía da temperatura media no verán 2026 ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.