O verán deixa récords de máximos en todas as boias de medición que ten Portos do Estado en Galicia, con 23,13º de temperatura na superficie do mar na baliza de Estaca de Bares
As temperaturas da superficie do mar medraron unha media de máis de 0,4 graos centígrados dende o ano 1993 en todo o mundo. Unha tendencia á alza que continúa e que este verán nos deixa récords de máximos en todas as boias de medición que ten Portos do Estado en Galicia.
A auga estaba a 23,13º de temperatura na boia de Estaca de Bares o pasado 13 de agosto ás sete da tarde. Ese mesmo día, pero ás catro da tarde, a boia de Cabo Vilán – Sisargas rexistrou 22,17º. Ambos son valores de récord para estas balizas, que teñen sensores de temperatura dende o ano 2001.
A boia de Cabo Silleiro, a situada máis ao sur do país, acadou o seu récord de temperatura máxima, 21,55º, o 30 de agosto ás nove da noite. A baliza situada en Maó, capital de Menorca (Illes Balears), foi a que rexistrou a cifra máis alta de todas as medicións de Portos do Estado este verán. Un valor récord de 32,36º na auga do mar o pasado 8 de agosto, ás cinco da tarde.
O océano actúa como un regulador climático da Terra, absorbe a maior parte do calor xerado polas accións dos seres humanos e frea o ritmo ao que se vai quentando a superficie terrestre. O quecemento dos océanos fai máis probables as ondas de calor mariñas, que xa se duplicaron dende 1982.
O programa Copernicus da Unión Europea, que estuda o noso planeta e o medio ambiente, destaca que o progresivo quecemento dos océanos, que tardan entre séculos e milenios en responder aos cambios, co conseguinte incremento do nivel do mar, considérase inevitable.
"Normalmente toda a costa atlántica de Galicia e Portugal está protexida nas zonas de afloramento, que actúan como unha sorte de refuxio térmico. Pero, ata cando poderán aguantar?", cuestiona o investigador da UVigo Ramón Gómez Gesteira
"As temperaturas no mar que tivemos este verán é algo que non vivimos nunca. O único que ten de bo é que non custa meterse na auga na praia, porque nos achegamos máis á experiencia do Mediterráneo, pero todo o demais é malo", sinala Ramón Gómez Gesteira, catedrático do departamento de Física aplicada da Universidade de Vigo e investigador do grupo EphysLab do CIM da UVigo.
"Son valores moi elevados. Lembran ao que pasou en 2023, que tamén foi un ano de temperaturas altas dende a primavera, e no mar o que vemos é o efecto do que está a suceder fóra. O que nos vai salvando é que a temperatura da superficie da auga inmediatamente pegada ao litoral é habitualmente un pouco menor polo efecto do que chamamos afloramento", engade Gómez Gesteira.
O mes de xullo foi o terceiro consecutivo cunha calor excepcional en Europa occidental, altas temperaturas que intensificaron a seca e, a medida que os solos secan perden a súa capacidade de refrixeración natural, o que facilita a acumulación de calor.
Isto, segundo os últimos informes dispoñibles de Copernicus, é un claro exemplo de como o cambio climático está a incrementar os episodios dunha calor extrema, onde as temperaturas máximas e a seca se reforzan mutuamente, como salienta a responsable estratéxica do Centro europeo de previsións meteorolóxicas a medio prazo (ECMWF, polas súas siglas en inglés), Samantha Burgess.
De momento, o único que consegue poñerlle freo ao incremento da temperatura superficial do mar, que dende 2023 só sufriu incrementos, é o afloramento. Un fenómeno polo que a auga das capas máis baixas do océano sobe á zona superficial, de maneira que actúa como un sistema de refrixeración natural nas nosas rías.
"Todas as especies que están na parte máis interna da ría, onde as temperaturas son un pouco máis altas, teñen unhas condicións de viabilidade menores"
Ramón Gómez Gesteira resalta que o afloramento salvou a situación esta primavera, cando as temperaturas foron inusualmente elevadas, de maneira incluso "máis escandalosa" para o científico. "Normalmente toda a costa atlántica de Galicia e Portugal está protexida nas zonas de afloramento, que actúan como unha sorte de refuxio térmico. Pero, ata cando poderán aguantar?", cuestiona.
Supervivencia das especies
"En principio, as especies non morren por estar a 22 ou 23 graos, pero si que sofren, porque o seu desenvolvemento vital é óptimo ata os 20 ou 21 graos de máxima", detalla Ramón Gómez Gesteira, que apunta que as especies de valor comercial como poden ser o mexilón, a ameixa ou o berberecho "non se atopan en condicións óptimas e están a sufrir". Pero en distinta medida, no caso da ameixa está resistindo mellor a variedade xapónica, polo que se está apostando máis por ela. No seu caso, ao estar baixo a area logra manterse en valores máis frescos. Mais o mexilón é dos que máis poden sufrir por enriba dos 18º de temperatura no mar, porque tamén ten unha resistencia menor.
O investigador explica que os estudos realizados nos últimos anos dende o EphysLab indican que "todas as especies que están na parte máis interna da ría, onde as temperaturas son un pouco máis altas, teñen unhas condicións de viabilidade menores. É dicir, que se tradicionalmente estaban o 90% do tempo en condicións óptimas, podemos extrapolar co que está a pasar agora, e collendo unha predición de modelos a partir de 2050, hai algunhas que nin o 25% do tempo van estar en condicións óptimas. Morirán? Non podemos afirmalo, o que está claro é que medrarán menos; e iso afectará na súa comercialización".
Outro exemplo que pon Ramón Gómez Gesteira é o da Magallana gigas, cuxa denominación comercial é ostra rizada. "Case non aparecera de maneira natural nas Rías Baixas, estaba presente nas rías do norte, porque para completar todo o seu ciclo biolóxico necesita estar entre os meses de xullo e agosto uns 15 días con temperaturas por enriba dos 18º. Hai dúas décadas sería impensable que puidera completar o seu ciclo nas Rías Baixas e agora a súa presenza é habitual", avanza.
"O mal xa está feito e se non diminuímos seriamente os niveis de emisións de gases de efecto invernadoiro durante dez anos non imos notar ningunha diferenza"
A esta ostra podemos considerala unha especie invasora e, se continúa a ter condicións favorables para proliferar nas nosas rías, podería chegar a mudar a paisaxe. O investigador da Uvigo advirte de que "crean arrecife" porque se van formando como se conformaran unha rocha.
"O mal xa está feito e se non diminuímos seriamente os niveis de emisións de gases de efecto invernadoiro durante dez anos non imos notar ningunha diferenza. O lado bo é que a natureza vaise adaptando, é probable que desaparezan algunhas especies, pero proliferarán outras. Agora temos que adaptarnos e concienciar a poboación, pois aínda hai moito negacionismo do cambio climático", asevera o científico.