Á espera dos vindeiros récords de temperatura: a síndrome da ra posta a ferver

Evolución da temperatura media en Galicia nas últimas seis décadas e anomalías mensuais de temperatura dende o 2020 sobre unha imaxe que alude á parábola da ra e a auga a ferver © Montaxe: Praza.gal Imaxe: James Lee (CC-BY-SA)

A síndrome da ra fervida ten sido empregada como metáfora para alertar da incapacidade dos seres humanos ou das sociedades de percibir un perigo que non é súbito senón que medra gradualmente. Coma o cambio climático e o quencemento global

A síndrome da ra fervida funciona como unha metáfora que exemplifica como as persoas imos aceptando, mediante a adaptación, a situacións que resultan perigosas ou destrutivas. A analoxía compara así o supostamente diferente comportamento das ras se caen nunha pota con auga fervendo (da que intentarán saír inmediatamente) ou se se atopan nun recipiente con auga que se pon ao lume e se vai quentando lentamente ata finalmente ferver; neste caso, en cambio, a ra irá afacéndose á nova temperatura ata morrer.

Aínda que a base da parábola xerou controversia (distintos experimentos amosaron que a ra que se atopa en auga que quence lentamente acabará tentando escapar cando a temperatura sexa excesiva), a metáfora ten sido empregada para alertar da incapacidade dos seres humanos ou das sociedades de percibir un perigo que non é súbito senón que medra gradualmente. Tamén en relación ao cambio climático, e de feito Al Gore empregou esta referencia no seu famoso documental Unha verdade incómoda, gañador de dous Oscar.

A temperatura media entre 2022 e 2025 moveuse entre os 14,7 e os 14,9 graos, máis dun grao por riba da media do período 1980-2010 e case dous graos máis que os valores máis habituais nas décadas dos 70 e 80 do pasado século

Os datos non menten. O cambio climático, provocado pola acción humana, é unha realidade dende hai décadas e xa estamos a sufir os seus efectos. Sobe a temperatura media -lentamente, coma se estivesemos nunha pota a ferver- e aumentan os fenómenos meteorolóxicos extremos -secas, récords de temperaturas, chuvias torrenciais...- cada vez máis frecuentes e cada vez máis extremos.

Esta semana que remata todo oeste de Europa sufriu un episodio de temperaturas inusualmente altas para o mes de maio. Reino Unido, Francia, Alemaña, Bélxica ou Irlanda bateron os seus récords para este mes, con 35 graos acadados en Londres, 37 no sur de Francia ou máis de 30 en Alemaña. En Galicia os valores acadados esta semana non supuxeron máximas históricas, pero estiveron preto

Nos últimos seis anos, en 48 de 72 meses as temperaturas medias situáronse por riba da media, as máis das veces en valores moi ou extradamente cálidos para a época do ano

Cando si se baten eses récords xorde a alarma. Na segunda metade do mes de xuño do pasado ano, as temperaturas en Ourense superaron os 40 graos en catro xornadas e durante dúas semanas os termómetros non baixaron dos 30 graos. No resto de Galicia, con valores máis reducidos, a situación foi semellante. Levamos anos de récords sucesivos, o que non quere dicir que estas marcas históricas se batan todos os meses. 

Pero, de novo, os datos amosan unha realidade incómoda para moitos e desmenten os falaces argumentos dos negacionistas (interesados ou dirixidos) do cambio climático. Os catro últimos anos foron os máis cálidos da serie histórica en Galicia, como se ve no gráfico anterior. A temperatura media entre 2022 e 2025 moveuse entre os 14,7 e os 14,9 graos, máis dun grao por riba da media do período 1980-2010 e case dous graos máis que os valores máis habituais nas décadas dos 70 e 80 do pasado século. 

As causas do quencemento global están tamén claras -nomeadamente o uso de carbón, petróleo e gas para xerar electricidade, calor ou para mover vehículos de combustión- e as solucións están igualmente enunciadas e aceptadas á espera da súa aplicación.

"Eu nótoo especialmente ao remate do verán, parece que cada vez tarda máis en comezar o outono. E non me refiro á chuvia, porque ao final máis ou menos vai chovendo o mesmo, pero si en relación ás temperaturas. Outubro é cada vez máis cálido e ultimamente mesmo novembro rexistra temperaturas máis altas", di David Domínguez (Redmeteo)

David Domínguez, responsable das contas de Redmeteo en X e Instagram, comenta en conversa con Praza.gal as elevadas temperaturas vividas en Galicia e na maior parte do oeste de Europa, salientando que o fenómeno foi particularmente no norte: "por exemplo en Mondoñedo si se bateu o récord de temperatura máxima para o mes de maio, con niveis que se cadra non se van acadar nin en agosto".

Domínguez subliña que "o que se sae da norma non é bo, nin as chuvias excesivas e a sucesión de días grises que tivemos no inverno, nin a calor excesiva que vivimos nos meses máis cálidos".

O gráfico anterior amosa as anomalías de temperatura rexistradas mes a mes en Galicia dende o ano 2020. Como se ve, predominan as cores vermellas, correspondentes aos meses extremadamente cálidos e cálidos. As excepcións son os meses con temperaturas normais ou frías. No pasado ano 2025 destacaron os datos do mes de xuño, xa comentado, cunha anomalía de 2,8 graos. Pero tamén os de xaneiro (1,8 graos por riba da media das últimas décadas.

"Os veráns, ademais, chegan antes, chegan de golpe e ano tras anos estamos a bater récords en todos os meses", engade, concluíndo que "isto non se pode negar: hai datos, é unha evidencia científica"

En 2024 os extremos marcáronos os meses de xaneiro e novembro, unha mostra de que as subas das temperaturas non atinxen unicamente ao período estival, senón que se dan durante todo o ano, mesmo no inverno e tamén en meses como outubro -extraordinariamente cálido en 2022 e 2023.

Como destaca David Domínguez, os veráns son obxectivamente máis longos, comezando antes (os meses de abril e maio son cada vez máis cálidos e secos) e rematando máis tarde, cuns meses de outubro que estan marcados cada vez máis pola calor e polos incendios. "Eu nótoo especialmente ao remate do verán, pois parece que cada vez tarda máis en comezar o outono. E non me refiro á chuvia, porque ao final máis ou menos vai chovendo o mesmo, pero si en relación ás temperaturas. Outubro é cada vez máis cálido e ultimamente mesmo novembro rexistra temperaturas máis altas", di.

"Os veráns, ademais, chegan antes, chegan de golpe e ano tras anos estamos a bater récords en todos os meses", engade, concluíndo que "isto non se pode negar: hai datos, é unha evidencia científica".

Un grao ou dous poden non parecer moito (de novo a parábola da ra posta a ferver) pero ten implicacións a curto, medio e longo prazo que todos sufrimos na nosa vida diaria

Un grao ou dous poden non parecer moito (de novo a parábola da ra posta a ferver) pero ten implicacións a curto, medio e longo prazo que todos sufrimos na nosa vida diaria. En primeiro lugar pola sucesión de anomalías de temperatura (de baixas e de altas temperaturas, máis frecuentes estas últimas) que fan máis incómodas as nosas vidas e que teñen consecuencias graves para a saúde das persoas máis vulnerables, especialmente as de idade avanzada, pero tamén nenos e nenas e persoas con determinadas patoloxías.

Dende o ano 2015 o Sistema de Vixilancia da Mortalidade diaria (MoMo) do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) monitoriza os excesos de mortalidade en España, realizando estimacións que comparan os falecementos esperados e os reais e analizando as causas destas desviacións, entre elas as temperaturas. Entre o 2015 e o 2025 máis de dúas mil persoas perderon a vida no período estival -entre o 15 de maio e o 30 de setembro- debido ao efecto da calor.

Entre o 2015 e o 2025 máis de dúas mil persoas perderon a vida en Galicia no período estival debido ao efecto da calor. O pasado ano foi o peor da serie, con 397 mortes atribuíbles ás altas temperaturas

O pasado ano foi o peor da serie, con 397 persoas que faleceron debido aos efectos atribuíbles ás altas temperaturas. A maior parte foron persoas de máis de 85 anos (303), especialmente nos meses de agosto e xuño.

Cómpre aclarar que só unha parte destas mortes notifícanse como directamente causadas polas altas temperaturas (por exemplo os golpes de calor). Porén, o efecto negativo das altas temperaturas, sobre todo cando estas se estenden no tempo, provocan un debilitamento da saúde, especialmente en persoas de idade avanzada ou aqueixadas por outras patoloxías.

Os territorios nos que tradicionalmente as temperaturas eran máis altas no verán adoitan estar mellor adaptadas á calor por desenvolver unha serie de hábitos (permanencia en espazos máis frescos nas hora de máis calor), de medidas de protección individual (maior presenza de aire acondicionado, persianas, toldos) e deseños urbanísticos (rúas máis estreitas, fontes, zonas de sombra) que reducen os impactos da calor na saúde.

Bateas na ría de Arousa © Opmega

As temperaturas elevadas están xa a provocar outros efectos evidentes, como o incremento da perigosidade e virulencia dos incendios forestais, e a crise do sector marisqueiro en Galicia, ligado ao incremento da temperatura da auga do mar

Outro efecto claro, ligado ao incremento da temperatura da auga do mar, é a crise que sofre o importante sector marisqueiro en Galicia

As temperaturas elevadas -unidas a outras consecuencias do cambio climático, como períodos prolongados de seca- están xa a provocar outros efectos evidentes, como o incremento da perigosidade e virulencia dos incendios forestais, máis difíciles de controlar e con efectos máis graves. 

Outro efecto claro, ligado ao incremento da temperatura da auga do mar, é a crise que sofre o importante sector marisqueiro en Galicia. Especialmente significativo -polo seu peso económico- é o devalo do mexillón das bateas galegas: 2025 marcou un novo récord negativo nas últimas dúas décadas. O mesmo sucedeu coa ameixa, a volandeira ou a ostra plana, entre outros bivalvos. A contaminación e os efectos do cambio climático, entre as causas.

Incendio forestal CC-BY-SA Xabier.M

Quedamos, pois, á espera dos seguintes récords históricos de temperatura, das anomalías en relación aos valores normais e dos efectos -inmediatos e directos ou a medio prazo e indirectos- dun quencemento global que está a marcar a vida das xeracións actuais e que o fará en maior medida sobre as xeracións vindeiras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.