Confirmado: o cambio climático intensificou as últimas chuvias torrenciais en Galicia

Chuvia en Galicia e dous detalles do estudo do WWA CC-BY-SA Xunta / Montaxe: Praza.gal

Logo duns poucos días de tregua, as chuvias regresaron a Galicia este mércores, nun comezo de ano no que abondan os dedos das mans para contar os días sen precipitacións no país. A sucesión de borrascas (Goretti, Harry, Ingrid, Leonardo, Marta, Nils ou Oriana), a súa persistencia e a intensidade da auga caída provocou nas primeiras semanas deste 2026 unha "situación extraordinaria", segundo destacou a Xunta. 

Os valores de precipitación media en xaneiro duplicaron os habituais neste período e Meteogalicia tivo que activar por primeira vez na súa historia —máis de 25 anos— un aviso vermello por chuvias, que nos primeiros 44 días do ano rexistraron máis de 14.300 hectómetros cúbicos no país. Houbo inundacións, paralización do transporte ferroviario ou de ría, desvíos de voos, accidentes, graves afectacións ao marisqueo ou ríos desbordados, e o 112 xestionou máis de 7.600 incidencias relacionadas cos temporais, mobilizando os seus servizos en máis de 21.000 ocasións. Noutras partes do Estado os problemas causaron varias mortes, ao igual que no norte do Portugal, onde a emerxencia foi tamén extrema. 

Río desbordado en Galicia a comezos de 2026 CC-BY-SA Xunta

A sucesión inusual de borrascas e a súa forza foi sinalada, aínda sen análises detalladas nin concluíntes, por numerosos expertos como unha das consecuencias do quecemento global polo enfraquecemento do vórtice polar (unha gran zona de baixas presións e aire moi frío que no inverno se sitúa sobre o Ártico) e polo excepcional quecemento dos mares. Agora, o primeiro estudo científico sobre esta situación excepcional confirma as sospeitas: o cambio climático provocado polo ser humano aumentou a intensidade das chuvias torrenciais en Galicia

A World Weather Attribution conclúe que o cambio climático provocado polo ser humano aumentou a intensidade das chuvias torrenciais en Galicia

A conclusión xorde da pescuda levada a cabo pola World Weather Attribution (WWA), unha rede científica que dende hai unha década analiza as ligazóns coa crise climática en eventos extremos como vagas de frío e calor, riadas, secas ou incendios forestais. Esta comunidade de investigación internacional vén de divulgar a súa primeira análise sobre as chuvias extremas en España, Portugal e o norte de Marrocos, centrándose nas zonas máis afectadas, tamén Galicia. 

Os e as investigadoras de WWA estudaron a probabilidade e intensidade das precipitacións máis fortes "en dúas rexións que abranguían as zonas máis afectadas": o norte de Portugal e noroeste de España (onde se inclúe Galicia), por unha banda, e o sur de Portugal e o suroeste de España, xunto co norte de Marrocos, por outra. 

Os datos baseados en observacións indican que os días con maior precipitacións en ambas áreas "son agora un terzo máis chuviosos, aproximadamente, que antes de que o planeta se quentase 1,3 graos centígrados". E tamén que hai "un claro aumento na intensidade" destes eventos de chuvia extrema nunha xornada: dun 36% máis de auga na rexión sur e dun 29% na rexión norte, xa que logo, en Galicia e no norte de Portugal.

Os eventos de precipitacións extrema en Galicia e no norte de Portugal son case un 30% máis chuviosos que antes de que o planeta se quentase 1,3º

No caso desta área, que abrangue o país e o norte portugués, a investigación achou que houbo un aumento de arredor do 11% na intensidade da chuvia que "pode atribuírse directamente ás emisións de carbono". E fíxoo logo de que os e as investigadoras, "para identificar a influencia humana neste cambio" nas choivas, combinasen os aumentos observados nas precipitacións con simulacións de modelos climáticos. 

O estudo aclara que, mentres en Galicia e no norte de Portugal ese aumento de máis do 11% nas precipitacións é directamente atribuíble ao aumento das emisións de carbono, na rexión sur analizada os modelos climáticos "non reproduciron a tendencia observada". 

Temporal na costa galega CC-BY-SA Xunta

"Isto é exactamente o que supón o cambio climático: os padróns meteorolóxicos que antes eran máis manexables agora estanse a converter en desastres máis perigosos", explica Friederike Otto, profesora de Ciencias Climáticas no Centro de Política Ambiental do Imperial College de Londres e unha das autoras do estudo. "Ben sexa o aumento do 11% que puidemos atribuír directamente ás actividades humanas, como a queima de combustibles fósiles, ben as tendencias moito máis elevadas que observamos sobre o terreo ao longo de décadas, estamos seguros de que a crise climática fai que estas intensas chuvias sexan máis severas", engade. 

O incremento no 11% da intensidade das chuvias en Galicia "pode atribuírse directamente ás emisións de carbono", advirte o estudo

Pola súa banda, David García, profesor do Departamento de Matemáticas Aplicadas e Enxeñería Aeroespacial da Universitat de Alacant e outro dos autores do informe, destaca que o volume de auga caída en lugares como Grazalema foi "asombroso". "Que caia en poucos días o equivalente ás precipitacións de todo un ano supón un impacto enorme para as nosas infraestruturas e o noso solo", di quen considera que o estudo da WWA "confirma que o quecemento da atmosfera provocado polas nosas emisións colectivas de carbono está dando lugar a un padrón de chuvias máis extremas e intensas"

"Isto é exactamente o que supón o cambio climático: os padróns meteorolóxicos que antes eran máis manexables agora tórnanse en desastres máis perigosos", di unha das autoras

Na súa investigación, estes e outros investigadores indican tamén que o aumento de precipitacións asociada á variabilidade provocada pola crise climática na Oscilación do Atlántico Norte —fenómeno atmosférico clave no norte do Atlántico que controla o clima flutuando entre a alta presión do anticiclón das Azores e a baixa presión en Islandia— ten tamén o seu influxo, aínda que menor. Contribúe nun 5% adicional na intensidade das chuvias no sur da península Ibérica e de tan só un 2% no caso do norte de Portugal e de Galicia.  

O informe advirte tamén dun "sistema meteorolóxico bloqueado", caracterizado polas altas presións sobre Escandinavia e Groenlandia, que "actuou como unha barreira física na atmosfera, canalizando tormenta tras tormenta cara a Europa occiental", aínda que aclara que a relación entre este bloqueo e o cambio climático é unha área de investigación aínda activa. 

Día de chuvia en Galicia CC-BY-SA Xunta

Ademais, e aínda que o estudo aclara que as augas que rodean a península Ibérica e Marrocos non presentaron temperaturas anormalmente altas, as tormentas de principios de ano si se "viron potenciadas por ríos atmosféricos que extraeron humidade dunha vaga de calor mariña, de forte a severa, máis ao oeste do Atlántico". 

"O quecemento da atmosfera polas nosas emisións colectivas de carbono provoca un padrón de chuvias máis extremas e intensas", di outro dos autores

Ante esta situación, a comunidade investigadora da WWA advirte do "risco crecente" dunhas precipitacións extremas que se "están a converter nunha ameaza cada vez maior para as infraestruturas e as vivendas nas rexións afectadas". Por iso, e aínda que destaca que os Estados teñen "avanzado na xestión de desastres", é necesario "harmonizar mellor os sistemas nacionais e municipais de alerta temperá e investir no desenvolvemento de capacidades locais". 

Ante o aumento na intensidade das chuvias, David García insta os "responsables políticos" a "prepararse e adaptarse para protexer as vidas, os medios de subsistencia e as infraestruturas" destas rexións máis afectadas por estes fenómenos. 

Estrada afectada por un temporal en Galicia CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Chamado aos gobernos

Nunha rolda de prensa este pasado mércores, varios dos autores insistiron na necesidade de que as administracións e a UE no seu conxunto "se adapten" á nova situación de risco que provoca a crise climática e que, no caso de chuvias extremas e inundacións, "leva dez anos" amosando a súa cara máis dura no continente. "Precisamos adaptarnos o máis axiña posible", destacaron sobre as consecuencias do quecemento global que, lembran, "non son un problema que vaia vir senón que xa está aquí e agora". "Precisamos abordalo", indicaron, tras recordar que os fenómenos de "menos chuvia pero máis concentrada" é un horizonte do que a ciencia advirte hai anos e para o futuro máis inmediato. 

"Temos as ferramentas e os coñecementos necesarios para evitar que isto empeore, pero precisamos da vontade de poñelos en práctica máis axiña e cambiar os nosos sistemas sociais para mellor", engade Friderike Otto. "Paga a pena loitar por cada fracción adicional de grao de quecemento ou as chuvias torrenciais non farán máis que empeorar", conclúe unha das investigadoras participantes no estudo da WWA. 

Esta rede científica foi a que levou a cabo tamén unha primeira análise sobre os incendios forestais en Galicia e Portugal e contornas lindeiras como Castilla y León ou Asturias durante o pasado verán. A súa conclusión tamén era clara: están ligados á crise climática e foron máis graves por esta razón.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.