As borrascas de 2026 en Galicia: máis de 7.600 incidencias e auga para abastecer a poboación máis dun século

As chuvias provocaron a caída dun muro no cemiterio de Bonaval CC-BY-SA Concello de Santiago

Desde que comezou 2026, en tan só catro dos 44 días transcorridos non houbo en Galicia ningún aviso meterolóxico. As sucesivas borrascas que a península Ibérica sofre desde o 1 de xaneiro deron lugar a unha "situación extraordinaria", como destacou este venres a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante unha xornada sobre a xestión dos fenómenos meteorolóxicos adversos na que destacou a boa coordinación dos equipos de predición e xestión de emerxencias do país. 

Nos 44 días deste 2026, en só catro non houbo en Galicia ningún aviso meteorolóxico

Este traballo conxunto entre Xunta, Meteogalicia, Augas de Galicia e a Axencia Galega de Emerxencias, dixo, permitiu "reducir o impacto e os danos" ao conxunto da cidadanía dos temporais rexistrados no que vai de ano e foi "fundamental" para predicir con anticipación a chegada de choivas intensas, o comportamento dos ríos e o risco de inundacións, entre outras cuestións, ademais de para xestionar con eficacia as consecuencias dos temporais. 

Chuvia en Galicia CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Non foron poucas. Segundo destacou Emerxencias, o 112-Galicia xestionou máis de 7.600 incidencias relacionadas cos temporais, mobilizando en máis de 21.000 ocasións os seus servizos. A maioría das incidencias rexistráronse en Pontevedra, con 2.636, seguida da Coruña, con 2.528, de Lugo, con 1.289, e de Pontevedra, con 1.139. En canto á tipoloxía, destacan as árbores e pólas nas estradas e os accidentes. 

O 112 xestionou máis de 7.600 incidencias e mobilizou en máis de 21.000 ocasións os seus servizos

Unha das últimas incidencias importantes tivo lugar en Santiago, logo de que na mañá do pasado xoves se derrubase unha parte do muro do antigo cemiterio de Bonaval, unha estrutura de 15 metros de longo por seis de alto. Segundo as primeiras avaliacións feitas polo Concello, o colapso "debeuse á acumulación de auga no terreo superior, que aumentou o peso e a presión, co conseguinte empuxe sobre un muro de pedra de mampostería”

As chuvias no que vai de ano supoñen a cantidade equivalente necesaria para cubrir o consumo de todos os fogares galegos durante 113 anos

Porque a chuvia caída foi moita nas últimas semanas. Para exemplificar o extraordinario deste río de borrascas que afecta a Galicia, Ángeles Vázquez achegou varios datos, como que o país rexistrou no mes de xaneiro valores de precipitación media que duplicaron os habituais neste período e que o 26 de xaneiro MeteoGalicia activou por primeira vez na súa historia —máis de 25 anos— un aviso vermello por precipitacións en Galicia. 

Nesta liña, as choivas rexistradas en territorio galego desde o 1 de xaneiro superaron os 14.300 hectómetros cúbicos, unha cantidade equivalente á necesaria para cubrir o consumo de auga dos fogares galegos durante 113 anos, tendo en conta que cada galego consume unha media de 128 litros ao día. Só houbo unha xornada, a do 4 de xaneiro, na que non chovese en ningún punto de Galicia. 

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, durante a xoranda sobre a xestión de fenómenos meteorolóxicos adversos CC-BY-SA Xunta

Trátase dun volume de auga inusual que, destacou a conselleira, tiveron que absorber, canalizar e xestionar, entre outros, os encoros, ríos e leitos fluviais da comunidade. De feito, o caudal dos ríos da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa aumentou máis dun 300% a nivel global e a oito meses de rematar o ano hidrolóxico —de outubro de 2025 a setembro de 2026— xa se acadou o 50% das achegas medias históricas.

Plan Inungal activado

Vázquez subliñou tamén que nestes 44 días as estacións de aforo dos ríos emitiron avisos en 231 ocasións, o que derivou no envío de 1.300 correos electrónicos e en 1.300 momentos nos que diferentes equipos foron mobilizados para avisar, comunicar e coordinar. “Cada un deses correos representa unha decisión tomada, unha acción preventiva, unha vida e unha vivenda protexida. Conxugar a tecnoloxía cos equipos humanos é fundamental para ter datos e estar preparados para actuar ante o extraordinario”, asegurou a conselleira.

Na xornada deste veres lembrouse tamén que se mantén activado en fase de preemerxencia o Plan especial ante o risco de inundacións en Galicia (Inungal), o que supón unha vixilancia permanente da rede hidrográfica e constantes actualizacións da listaxe de ríos en seguimento. A situación levou ao 112-Galicia a reforzar tanto o persoal na súa sala de operacións como a capacidade operativa do Grupo de Apoio Loxístico (GALI). 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.