Peores incendios e temporais, máis eucalipto e menos marisco: a crise climática que xa afronta Galicia

Estrada afectada por un temporal en Galicia CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

A intensa sucesión de borrascas que está a sufrir a península Ibérica, e especialmente Galicia, nas últimas semanas fan que o país bata récords de precipitacións, ventos e alertas. Fortes temporais azoutan seguido desde este outono, con avisos continuos amarelos ou laranxas en terra e no mar e mesmo inéditos vermellos pola cantidade de auga que se acumula en pouco tempo nalgunhas zonas. 

Expertos sinalan o enfraquecemento do vórtice polar e o quecemento dos mares como as causas do aumento da intensidade e da continuidade das borrascas

Cos solos galegos xa ao límite e as autoridades mantendo vixilancia especial sobre varios ríos ante o risco de máis inundacións, novas borrascas ameazan con alongar unha situación que ten —tamén— no cambio climático boa parte da explicación. Ou iso é o que consideran moitos expertos, que advirten que aínda que non é o quecemento global o que causa este continuo tren de borrascas, si muda condicións na atmosfera para acabar provocando máis intensidade nas precipitacións e na crueza dos temporais. 

Son moitos os meteorólogos e científicos que apuntan o enfraquecemento do vórtice polar (unha gran zona de baixas presións e aire moi frío que no inverno se sitúa sobre o Ártico) e o excepcional quecemento dos mares, que emiten grandes cantidades de humidade á atmosfera, como a combinación perfecta que provoca esta intensidade e continuidade de borrascas

As lapas arrasando un monte no interior de ourense, en agosto de 2025 CC-BY-SA Bombeiros da Coruña

Cando o vórtice polar se debilita, algo que se adoita relacionar co quecemento do Ártico, o aire frío que normalmente quedaría confinado en latitudes altas baixa cara a latitudes medias, alterando a denominada corrente de chorro, autoestrada de vento que se descolga cara ao sur e provoca a chegada constante de borrascas cara á península Ibérica, e que impactan de cheo en Galicia as máis das veces. 

Un estudo de Transición Ecolóxica advirte que España se enfronta a 141 "riscos climáticos" e sinala os perigos en Galicia, como incendios máis graves e temporais máis duros

Esta situación chega só uns meses despois de que Galicia sufrise o verán máis cálido desde que hai datos comparables, con longas secas e clima extremo que favoreceron a expansión dos que foron os incendios máis grandes, importantes e devastadores da historia do país. E cos catro últimos anos confirmados xa como os máis calorosos da serie histórica

Son consecuencias do cambio climático, dun impacto que provoca que España se enfronte a 141 "riscos climáticos", como advertiu o Ministerio para a Transición Ecolóxica ao presentar o pasado outubro as conclusións dun documento científico e técnico que servirá de base para as políticas de adaptación ao quecemento global. Daquela aínda non publicado na súa totalidade, o informe —agora completo— advirte dun escenario complexo, tamén en Galicia, con afectacións económicas, na saúde, sobre a biodiversidade e un maior risco de incendios graves e de temporais máis duros

Respecto, precisamente, aos temporais, o informe coordinado pola Oficina Española de Cambio Climático (OECC) e titulado Evaluación de riscos e impactos derivados do cambio climático en España (ERICC-2025) advirte da intensificación destes fenómenos, ademais do aumento do nivel medio do mar e da erosión costeira, un escenario que afecta especialmente a Galicia, a comunidade autónoma con máis quilómetros de costa. 

"Áreas con elevada exposición de temporais"

Máis en concreto, o documento sitúa o país como un dos máis en risco pola "perda de funcionalidade ou operatividade de infraestruturas de protección portuarias" polo "aumento da intensidade e frecuencia dos eventos de nivel de mar, ondada e vento extremo" ante a localización de moitos peiraos en "áreas con elevada exposición de temporais". 

Tamén se advirte do risco que Galicia corre ante a suba do nivel do mar por ter "infraestruturas críticas situadas en cotas baixas, como redes de transporte, plantas enerxéticas ou equipamentos sanitarios e educativos que poderían verse afectadas pola alteración permanente do borde litoral".  E alerta da "concorrencia de factores" que aumentan a perigosidade dos "temporais atlánticos de inverno", como cando estes "coinciden con pleamares astronómicas, o que intensifica o nivel do mar alcanzado por forzamentos atmosfericos", circunstancia que sofren Galicia, Asturias, Cantabria e o País Vasco. 

Temporal marítimo no paseo marítimo da Coruña, desde San Roque CC-BY-SA Concello da Coruña

Ademais, o aumento de precipitacións extremas e de "chuvias torrenciais", aínda que ameacen máis o suroeste da península, tamén impacta en Galicia, unha das comunidades autónomas con máis zonas inundables xunto a Catalunya, Comunitat Valenciana, Andalucía, Castilla y León ou Castilla-La Mancha. 

O cambio nas chuvias, o aumento das temperaturas e as secas prolongadas provocan "as condicións propicias" para incendios "máis virulentos e extensos"

Do mesmo xeito o "cambio de réxime de chuvias (maior irregularidade) e o aumento das temperaturas favorece as condicións propicias para que os incendios forestais sexan máis virulentos e extensos", advirten os expertos no informe, que alertan dunha realidade xa vixente: a maior dificultade para extinguilos por "un maior volume de combustíbel exposto a períodos de seca cada vez máis prolongados". Así, o país tivo varias prealertas por seca o pasado ano, mesmo en outubro, abranguendo concellos que sumaban máis de 800.000 habitantes

O estudo sitúa Galicia nas zonas onde "o perigo de incendio se incrementa notablemente", con proxeccións climáticas que apuntan a que a frecuencia de incendios inducidos pola calor aumente nun 14% a finais do século ou mesmo nun 30% no peor escenario e nalgunhas zonas. "Con eventos máis extremos e temporadas de perigo máis longas, que se agarda que se estendan ata xuño e, en menor medida, ata setembro", explican. 

Os numerosos incendios simultáneos que se produciron en distintas zonas de España, di o documento, "favorecidos por vagas de calor extremas e montes cargados de combustible alértannos do potencial para a catástrofe baixo un clima requentado", engade o documento nunha referencia específica ao lume forestal do verán de 2025. 

A vaga de incendios de 2025 en Galicia "alerta do potencial para a catástrofe baixo un clima requentado"

Ademais, advirte de que este é un risco "clave" que afecta especialmente a Galicia, onde outra circunstancia eleva a perigosidade: o número de persoas expostas ao lume pola súa "proximidade á interfeaz urbano-forestal (IUF) e ao tipo de urbanismo predominante". "En rexións como Galicia, onde existe unha importante continuidade entre o bosque e os asentamentos urbanos, a IUF é extensa", alerta. 

Respecto ao impacto das secas, o informe lembra a sufrida especialmente por Galicia e Castilla y León en 2017, "con grandes perdas das colleitas de cereal e un alto impacto na gandaría, así como unha suba considerable do prezo da electricidade", aínda que sinala tamén que os estudos apuntan a unha diminución no número de episodios deste tipo no país fronte á tendencia contraria no nordeste e sur peninsular. 

Plantación de eucaliptos no Ortegal CC-BY-ND Pierre Peetah

Por outra banda, e en canto a impactos máis concretos da crise climática, o documento advirte de que "o territorio climaticamente apto para o eucalipto globulus podería aumentar significativamente no interior de Galicia e reducirse lixeiramente no resto do norte do Estado para o período 2050-2070". 

O informe alerta da expansión do eucalipto globulus no interior de Galicia e da baixada na produción de castaña

Os avisos sobre a expansión desta especie chegan logo de que os últimos datos do inventario forestal cifrasen en case 440.000 as hectáreas de eucalipto en Galicia en 2024, 19.000 máis que en 2023 e 25.000 máis que en 2022 malia unha moratoria que a Xunta flexibilizou aínda máis. 

O informe do Ministerios para a Transición Ecolóxica tamén sinala "o risco de perda de produción de produtos forestais non maderables por cambios nas variables climáticas", situando nese grupo a castaña, produto sobre o que as organizacións agrarias levan anos advertindo da súa precaria situación. 

"O risco de perda de hábitat e función dos soutos aumentará canto maior sexan as emisións de gases de efecto invernadoiro e o conseguinte quecemento global. O aumento do estrés hídrico que este provoca diminúe a produción e a calidade das castañas", advirten varios expertos. 

Ademais, o documento sinala tamén o forte impacto que o cambio climático ten na pesca, o marisqueo e a acuicultura polo aumento de temperatura da auga e a súa acidificación, entre outros factores. 

Crise marisqueira

Así, advirte da incidencia en especies como "a sardiña, o polbo e o mexillón". A grave crise marisqueira, que en Galicia exemplifica como en ningures o devalo da produción na ría de Arousa, é tamén sinalada. "A biomasa de especies marisqueiras como a ameixa babosa, fina e xapónica diminuíu e prevese que o quecemento global agrave esta tendencia" que, segundo os expertos, vese influenciada tamén por "factores adicionais como a contaminación e as mareas vermellas"

"As vagas de calor favorece o crecemento de organismos prexudiciais que afectan negativamente os moluscos, debilitando a súa capacidade de adherencia e provocando perdas na produción, así como a dispoñibilidade de semente de mexillón silvestre", engaden. 

Berberechos mortos na ría de Muros e Noia, neste mes de febreiro CC-BY-NC-SA BNG

Na ría de Muros e Noia, por exemplo, o paso dos sucesivos temporais destas datas provocou que milleiros de berberechos aparecesen mortos pola baixa salinidade das augas. Unha mortaldade de entre o 70% e o 80% que volve pór o sector marisqueiro nunha situación crítica. 

O quecemento global "agrava" o devalo da produción marisqueira en Galicia, agudizado por "factores adicionais como a contaminación e as mareas vermellas"

Por suposto, o informe advirte tamén de toda unha serie de riscos globais na saúde humana e que afectan tamén de maneira especial a Galicia, como o caso das mortes de persoas atribuíbles á calor, con datos que no setembro pasado xa converteran 2025 no ano con máis falecementos atribuíbles ás temperaturas extremas

O impacto na saúde mental e nos traballadores máis expostos á calor durante o seu labor, a perda de biodiversidade, a aparición de novas pragas e enfermidades, a afectación na polinización e os seus efectos no sector agrario, o incremento na demanda enerxética, a incerta dispoñibilidade e o incremento no custo de certas materias primas ou as mudanzas no sector turístico son outras das consecuencias globais da crise climática que Galicia afronta tamén de cara ao futuro. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.