Un estudo liderado desde Galicia polo investigador Dominic Royé atopa evidencias que relacionan o exceso de calor nocturna cun incremento do risco de mortalidade a nivel global
Co cambio climático estamos a experimentar un aumento das temperaturas xeneralizado, pero as temperaturas mínimas están a aumentar moito máis rápido que as máximas. “Polo que as noites son cada vez máis cálidas que os días, a respecto da temperatura en si”, sinala Dominic Royé, investigador Ramón y Cajal na Misión Biolóxica de Galicia do Consello Superior de Investigacións Científicas (MBG-CSIC) e autor principal dun estudo que mostra unha asociación entre as noites de calor e o risco de mortalidade a nivel global.
O estudo, publicado na revista Environment International, non só aporta novas evidencias sobre que o exceso de calor nocturna contribúe especificamente ao risco de mortalidade relacionado coa calor, que ata agora só se contemplaba durante as horas do día, senón que ademais mostra como non é necesario que se trate dunha noite tropical –na que a temperatura non baixa dos 20ºC en ningún momento– porque apenas unhas horas de exceso de temperatura pola noite abondan para incrementar o risco de mortalidade.

“Se cadra permaneces nunha temperatura mínima de 19º, sen lograr os 20º das noites tropicais, pero se permaneces nesa temperatura cinco ou seis horas estás por enriba do limiar. A idea é que non só afecta canto é o exceso de temperatura que houbo durante a noite, senón tamén canto tempo dura ese exceso”, detalla Royé, doutor en Xeografía física e especialista no cambio climático e nos seus vínculos coa saúde.
"A idea é que non só afecta canto é o exceso de temperatura que houbo durante a noite, senón tamén canto tempo dura ese exceso", sinala Royé
Royé lembra que o corpo humano precisa baixar o ritmo durante a noite, diminuír as pulsacións. Cando unha noite calorosa chega a continuación dun día no que as temperaturas tamén foron altas o corpo pide ese descanso que non é doado atopar. Neste sentido, o investigador apunta que as persoas con patoloxías crónicas ou enfermidades cardiovasculares teñen un maior risco nestes casos.
“Se ao mesmo tempo o noso sistema termoregulador está en marcha e está intentando manter a temperatura correcta funcionalmente para o organismo, para regular a temperatura interna e impedir a calor, iso fai que o sistema cardiovascular traballe moito e que medre a presión arterial. E iso é estrés para o ser humano, que incrementa os riscos para a saúde”, debulla Royé.
Para lograr estas conclusións analizaron máis de 14 millóns de mortes en 178 cidades de 44 países no período comprendido entre os anos 1990 e 2018, empregando datos horarios de temperatura e modelos estatísticos avanzados. “Certificamos que o maior risco está na zona do Mediterráneo”, indica Dominic Royé, quen incide en que “este coñecemento é esencial para definir estratexias de saúde pública e orientar iniciativas de adaptación”.
A Coruña, Pontevedra e Ourense son as cidades galegas que entran no estudo e é esta última a que ten maior incidencia
Segundo este traballo, que se enmarca na rede global Multi-Country Multi-City Collaborative Research Network (MMC) e contou coas achegas de máis de 40 institucións de diferentes países, o exceso de calor nocturna foi “xeograficamente coherente”, pois os valores máis altos se observaron na conca mediterránea, cunha mediana de exceso de calor nocturna diaria de 30º C ata >70 °C. “A análise revela que as noites calorosas están asociadas cun incremento de ata un 3% na mortalidade, e que a calor nocturna ten un efecto independente da diurna, polo que precisa de medidas preventivas específicas”, detalla Royé.
No estado Español a fracción atribuíble máis grande téñena Granada con 3,56%, Madrid con 3,45% eCórdoba con 3.44% en exceso de calor nocturno. A Coruña, Pontevedra e Ourense son as cidades galegas que entran no estudo e é esta última a que ten maior incidencia, con aproximadamente un 1,7%; mentres que Pontevedra e A Coruña estarían nun 0,8%.
O autor principal do estudo aclara que os limiares que se empregan son relativos e dependen das características de cada zona. Por iso, destaca, para os seus limiares estas temperaturas máis altas durante a noite en Galicia teñen un efecto bastante importante. “O problema é que as noites son cada vez máis calorosas. As noites con 25 graos de temperatura mínima chegaron primeiro ao Mediterráneo pero xa están aparecendo tamén en Galicia. A diferenza, por dicilo así, é que no Mediterráneo o mar actúa como un factor multiplicador porque está cada vez máis quente. En Galicia, como estamos na fachada atlántica, aínda temos a vantaxe de que o Atlántico é moito máis frío”, razoa Royé.
"Hai que ter moito coidado porque se está usando o termo 'refuxio climático' como un reclamo turístico e non debe selo porque á fin e ao cabo as temperaturas están subindo", defende o científico
Nas conclusións do estudo apostan por incluír a calor nocturna nos sistemas de alerta temperá, desenvolver refuxios climáticos urbanos e incrementar as zonas verdes. Así mesmo, sinalan que se deben garantir condicións térmicas axeitadas en vivendas, hospitais e residencias de maiores. En definitiva, pretenden que os plans de prevención consideren a calor nocturna como un risco específico a ter en conta.
Dominic Royé tamén advirte do concepto de “refuxio climático” asociado a Galicia, que se está a estender e que promove o propio Goberno da Xunta. “A respecto de Sevilla, Córdoba ou Granada o clima en Galicia é moito máis suave, si; e empregando esa perspectiva pode converterse nun refuxio climático. Pero hai que ter moito coidado porque se está usando o termo como un reclamo turístico e non debe selo porque á fin e ao cabo as temperaturas están subindo. Para o clima galego o cambio é moi grande e iso supón un dano para os ecosistemas, para a paisaxe e para o que é Galicia en si. En magnitude o efecto é diferente ao doutros lugares, pero iso non quita que haxa cambios”, defende o científico.