O cambio climático está por tras dun terzo das mortes por calor no mundo. Son datos e informacións de alcance global que se fan máis palpables coas súas derivadas máis próximas: 300 días de temperaturas anormalmente altas no conxunto do Estado durante 2022, un 2023 que foi o ano máis cálido en Galicia en seis décadas ou un inverno 2023-24 que rexistrou no noso país as temperaturas máis elevadas dende que hai rexistros comparables.
O Ministerio de Sanidade substitúe as provincias por 'meteozonas' máis específicas para activar as alertas por calor, dezaseis áreas no caso galego
Con todo este pano de fondo o Ministerio de Sanidade vén de presentar a súa campaña para afrontar as altas temperaturas durante o vindeiro verán, que inclúe accións informativas e de concienciación baixo o lema Un verán de coidado e tamén a actualización do Plan de Actuacións Preventivas dos Efectos do Exceso de Temperaturas sobre a Saúde. Entre as novas accións inclúense novos limiares territoriais a partir dos cales activar as alertas por calor.
Fronte a anteriores edicións do plan, no que os territorios de referencia eran as provincias, as novas meteozonas afinan máis o seu ámbito territorial. No caso galego son áreas que cadran coas que emprega MeteoGalicia para monitorizar e activar fenómenos meteorolóxicos adversos, dezaseis agrupacións de concellos que adoitan ter características climatolóxicas semellantes.
As diferenzas entre os limiares de alerta superan os dez graos en función da área de Galicia
Este novo mapa amosa a diversidade climatolóxica dentro de Galicia e unha variación de máis de dez graos centígrados nos limiares de calor que fan saltar as alertas sanitarias. Así, na Mariña o limiar de risco sitúase en 25 graos e medio e en apenas medio grao máis, na Costa da Morte. En pouco máis de 26 graos saltan as alarmas na Coruña, no Ortegal ou na contorna de Santiago.
Mentres, no extremo oposto están concellos situados ás beiras do Miño na provincia de Ourense, incluíndo a capital ourensá, cun limiar de alerta en 37 graos e medio. Por riba dos 37 graos está tamén o nivel de alerta no sur da provincia de Lugo e en máis de 36, os concellos do noroeste da provincia ourensá.
Máis de 300 mortes atribuíbles á calor en 2023
O Ministerio de Sanidade lanza este plan tras un 2023 no que, segundo o Sistema de Monitorización da Mortaldade Diaria (MoMo) do Instituto de Saúde Carlos III, en Galicia se produciron un total de 317 mortes "atribuíbles ao exceso de temperatura". En comparación co resto do Estado, o exceso de mortaldade por este motivo en Galicia é o segundo máis elevado con 121 falecementos, só por tras dos 194 de Madrid e por diante de Andalucía, Catalunya e Castilla y León (44, 52 e 47, respectivamente).
O exceso de mortaldade atribuíble á calor en Galicia foi o segundo máis elevado do Estado en 2023, só por tras de Madrid. Nese verán rexistráronse máis dun cento de alertas por altas temperaturas no noso país
Os datos que manexa o departamento que dirixe Mónica García sitúan o 90% destas mortes en persoas maiores de 70 anos. O maior envellecemento da poboación galega explica, daquela, a maior concentración en Galicia desta circunstancia nun verán coma o de 2023, especialmente cálido.
Durante ese pasado verán do 2023, só atendendo ás capitais de provincia -o provincial era o ámbito de referencia para o sistema ata agora-, en Galicia houbo un total de 108 alertas por calor. A maioría tiveron un nivel 1 na escala do 1 ao 3 que manexa o Ministerio, cun total de 65. Ata 28 foron de nivel 2 e as restantes 15, de nivel 3.
Por provincias destacan as alertas activadas na de Pontevedra (57). Seguiuna a provincia da Coruña con 32 e a continuación, Lugo (12) e Ourense (7), onde as súas temperaturas habitualmente máis elevadas fan máis infrecuente que se superen os limiares de alerta.
Os factores de risco están ligados á idade ou ás doenzas, pero tamén ao traballo ou ao estado das vivendas
Con este pano de fondo, o Ministerio de Sanidade lembra tamén que os factores de risco asociados á calor non son só "persoais". Isto é así aínda que sexan claves elementos como a idade, con especial atención á infancia menor de 4 anos e ás persoas maiores de 65, ou a existencia de enfermidades de tipo cardiovascular, entre outras.
Tamén existen outros factores ambientais, laborais ou sociais. Teñen que ver con aspectos como a realización de traballos ao aire libre ou a residencia en vivendas non adaptadas para resistir as altas temperaturas.