Só tres meses rexistraron unha temperatura "normal" mentres que o resto foron moi cálidos ou no caso de outubro "extremadamente cálido"
MeteoGalicia presentou este mércores o avance do seu balance climatolóxico anual correspondente a 2023, que foi o ano "máis cálido das últimas seis décadas" e "moi húmido". A temperatura media en Galicia o ano pasado foi de 14,9 graos, o que supón unha anomalía positiva de 1,3 graos a respecto dos valores esperados e a cifra máis elevada desde 1961. Unha situación que se rexistrou despois de que 2022 xa fose o ano máis cálido ata aquel momento.
Ademais, as temperaturas mínimas rexistraron unha anomalía positiva de 1,2 graos con respecto ao habitual e as máximas foron 1,3 grados máis elevadas do agardado.
Segundo o avance, só en 3 dos 12 meses do ano (xaneiro, febreiro e xullo) a temperatura media foi considerada normal, fronte ao mes de outubro cualificado como "extremadamente cálido" e os outros 8 meses considerados como moi cálidos.
Canto ás precipitacións, o volume de chuvias foi maior do agardado polo que 2023 é considerado en xeral un ano "moi húmido". A precipitación media foi de 1.560 litros por metro cadrado, o que supón un 21% máis do que cabería esperar.
Neste caso hai que remontarse ao ano 2000 para atopar un exercicio máis húmido. Porén, o pasado ano houbo "notables contrastes entre uns meses e outros". Así, febreiro e maio foron moi secos; abril e xullo, secos; xaneiro, xuño, outubro e novembro, moi húmidos; marzo e setembro, húmidos, e agosto e decembro rexistraron valores normais.