O Goberno galego, que situou o cambio climático como un dos tres grandes retos do país na próxima década, encarga parte da xestión e mesmo propostas de actuación nese eido a unha consultora externa por 250.000 euros ao ano durante catro anos
Hai máis de ano e medio a Xunta presentou, con demora, o seu Plan Estratéxico ata 2030 no que fixou como os tres grandes retos do país para esta década o envellecemento da poboación, a transformación dixital e o cambio climático. Previamente en 2017 lanzara a elaboración da súa Estratexia de Cambio Climático 2050. Anos ou meses despois deses fitos, para facer fronte a ese reto a Consellería de Medio Ambiente vai subcontratar agora unha consultoría externa á que encargará parte das súas políticas nese eido, xa que non só deberá asumir a xestión de programas xa en marcha senón tamén propoñer novas actuacións. Faino, argumenta, porque ese traballo é "inasumible para un departamento que unicamente dispón de un (1) funcionario ao servizo da Subdirección Xeral que leve funcións en materia de cambio climático".
O concurso que agora vén de convocar Medio Ambiente pretende subcontratar cunha empresa privada a coordinación e desenvolvemento do que denomina Operación Galicia Resiliente. Baixo ese nome vai englobar todo tipo de políticas de adaptación ao cambio climático que xa se veñen executando ou que quere implantar nos próximos anos, como as alianzas nese eido que ten en marcha a Xunta con concellos ou empresas. Para iso, o obxectivo é contratar unha consultora que poña a disposición da Xunta en horario de 8 da mañá a 18 horas da tarde cando menos cinco persoas con coñecementos ou experiencia en enxeñaría, sostibilidade ambiental, dereito e comunicación.
Medio Ambiente está disposta a pagar ata 252.000 euros ao ano durante catro anos, prorrogables outros dous anos máis, fundamentalmente por custes laborais, pero tamén por un 13% de custos indirectos e un 6% de beneficio da empresa que resulte adxudicataria.
Pero para poder realizar esa subcontratación dun traballo que admite que é "necesario para o cumprimento e realización dos fins institucionais desta consellería", Medio Ambiente ten que xustificalo. E entre os argumentos que ofrece na memoria xustificativa que acompaña os pregos de licitación a consellería sinala que "actualmente a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (DXCASCC) carece dos medios persoais e técnicos propios para poder levar a cabo ese servizo".
Medio Ambiente xustifica que o traballo que quere subcontratar é "inasumible para un departamento que unicamente dispón de un funcionario" e admite que "carece dos medios persoais e técnicos propios para poder levar a cabo ese servizo"
Esa dirección xeral da Consellería de Medio Ambiente está á súa vez dividida nas subdireccións xerais de Avaliación Ambiental (encargada de autorizar ou denegar proxectos con impacto no territorio), de Coordinación Ambiental (que asume as tarefas máis burocráticas e de xestión), de Residuos, e de Meteoroloxía e Cambio Climático. A nova consultoría externa dependerá desta última subdirección, que entre as súas competencias ten as de observación e predición meteorolóxica, a investigación en materia ambiental, o control das emisións de efecto invernadoiro e "a coordinación e seguimento da estratexia galega fronte ao cambio climático" así como a "formación e sensibilización" nesa materia.
E desta subdirección xeral da que a memoria xustificativa do contrato di que o traballo a subcontratar é "inasumible para un departamento que unicamente dispón de un (1) funcionario ao servizo da Subdirección Xeral que leve funcións en materia de cambio climático".
A Xunta di que a subcontratación é necesaria para "impulsar as políticas e accións" en materia de cambio climático"
Ante esa falta de persoal propio, Medio Ambiente quere agora subcontratar todo tipo de tarefas. A consultora que resulte adxudicataria deberá dar "asesoramento técnico para a redacción de documentos programáticos e o deseño de accións e políticas" da Xunta. Para iso, "deberá propoñer a posta en marcha de plans e a participación en proxectos e programas" así como accións concretas.
Tamén deberá asesorar ás entidades asinantes da Alianza Galega polo Clima -á que vén de incorporar a Ence-, aos concellos "sobre accións específicas e concretas" de loita contra o cambio climático, "buscar apoio e financiamento" para as actuacións dos concellos e as entidades do pacto climático ou promover a "participación de Galicia" en accións da UE. En xeral, di a Xunta, con esta subcontratación quere "impulsar as políticas e accións desta Dirección Xeral en materia de adaptación ao cambio climático".