Dende a súa chegada á Xunta, hai 13 anos, o Goberno do PP de Alberto Núñez Feijóo apostou polo deseño dos chamados Plans Estratéxicos, un compendio de previsións macroeconómicas, políticas e sociais que, vén expresando, serven como liñas mestras para a acción do Executivo. O primeiro (2010-14) trazou previsións que maioritariamente non se cumpriron -en boa medida, porque a crise económica internacional se prolongou máis do estimado- e o segundo (2015-20) atinou en maior medida.
O anterior plan estratéxico expirou en 2020 e o novo acumula varios adiamentos tras un primeiro provocado pola pandemia
A mediados de 2019, o Goberno galego anunciou que comezaba a elaboración do terceiro e principiou os traballos contra o remate daquel ano. Tratábase de ter pechado, contra a primavera de 2020, o plan estratéxico que guiaría as políticas da Xunta ata 2030. Neste guión interpúxose a pandemia da COVID-19. En outubro de 2021, no debate de política xeral, Feijóo anunciou que o plan estaría adaptado ao novo contexto e preparado "antes de que remate o ano", pero a finais de 2021 confirmou outro adiamento, ata o primeiro trimestre deste 2022.
Xa en febreiro deste ano, o Goberno galego organizou encontros con persoas expertas para avanzarlles o plan mentres o propio Feijóo veu mantendo que chegaría á fin ao Parlamento no actual período de sesións, que dura ata finais de xuño. Este é o pano de fondo co que o aínda presidente da Xunta ofreceu este 2 de marzo algúns detalles do plan. Fíxoo nun foro privado celebrado escasas horas antes de que confirmase ante o seu partido o movemento político que anticipa a súa marcha da política galega, a candidatura á presidencia estatal do PP en substitución de Pablo Casado.
No evento, organizado polo Banco de Santander e 'La Voz de Galicia', Feijóo defendeu que ultiman un plan da Xunta ata 2030 porque "nun clima marcado polas incertezas, a planificación é a mellor ferramenta"
Ese foro foi unha xornada sobre o propio Plan Estratéxico organizada polo Banco de Santander e La Voz de Galicia na sede da empresa editora do xornal coruñés, no polígono Sabón (Arteixo). Alí, ante diversos directivos, Feijóo mantivo que o Goberno que aínda preside está a ultimar nese plan ata 2030, porque "nun clima xeneralizado marcado pola complexidade e as incertezas, a planificación é a mellor ferramenta das institucións".
Neste sentido, agregou que "este plan estratéxico é un marco asentado na realidade" e que por iso se irá "adaptando" en "función do escenario macroeconómico", polo que "en 2025 se someterá a avaliación", isto é, no que sería primeiro ano completo da seguinte lexislatura, caso de que as eleccións se celebren cando corresponde de maneira ordinaria, en 2024. Nese mesmo foro, ademais, Feijóo deixou practicamente confirmada a decisión que ratificaría horas máis tarde ante a Xunta Directiva do PPdeG, a súa candidatura ao liderado estatal do partido.