Alberto Núñez Feijóo evitou aclarar este martes, no acto no que confirmou a súa candidatura a suceder a Pablo Casado á fronte do PP, cando abandonará a presidencia da Xunta. Mentres que o liderado estatal do partido é incompatible con encabezar o organigrama da formación en Galicia, nada impide legalmente que o xefe do Goberno galego o sexa tamén dunha formación política a nivel estatal.
Feijóo evita aclarar cando renunciará á presidencia. No momento en que o faga, activarase un mecanismo inédito na historia da autonomía
Feijóo será, daquela, quen decida en que momento das vindeiras semanas ou meses -"Galicia non a vou deixar nun mes", sinalou horas antes nun acto na sede do xornal La Voz de Galicia- dimite do cargo para o que foi elixido por primeira vez a mediados de abril de 2009 en virtude da maioría absoluta que lograra en marzo daquel ano, cando o PP bateu por un deputado á suma de PSdeG e BNG. Cando iso suceda, o actual titular do Executivo converterase no primeiro presidente que renuncia ao seu cargo en toda a historia da Xunta.
No momento en que Feijóo presente a súa dimisión como presidente, activarase por primeira vez o mecanismo previsto para esa situación. Con el cesará o Goberno en pleno e tanto o actual presidente como os conselleiros e conselleiras quedarán en funcións ata que, nun máximo de 30 días, o Parlamento elixa a persoa que o substitúa entre algún dos membros do Grupo Parlamentario Popular.
Albor tivo que abandonar a presidencia por unha moción de censura; Laxe, Fraga e Touriño, por senllas derrotas electorais
Dende que a autonomía botou a andar, hai 41 anos, ningún presidente deixou o cargo por vontade propio. Tras os anos da preautonomía -nos que Antonio Rosón foi remudado por José Quiroga por decisión da dirección da UCD-, o primeiro presidente elixido polo Parlamento foi Gerardo Fernández Albor, de Alianza Popular. A Cámara investiuno por dúas veces, en 1982 e en 1986. En 1987, tras un longo período de movementos no seu propio partido para desbancalo e abrir paso a Manuel Fraga, o seu Goberno quebrou e os escindidos comandados por Xosé Luís Barreiro Rivas propiciaron a súa caída.
Esa caída concretouse nunha moción de censura que saíu adiante en setembro de 1987. Os votos dos tránsfugas de Barreiro xunto cos do PSdeG e de Coalición galega permitiron situar na presidencia ao socialista Fernando González Laxe, á fronte dun Goberno tripartito.
O primeiro goberno con participación da esquerda durou apenas dous anos. Nas eleccións de 1989, Alianza Popular xa desbotara a Albor e, xa refundado como Partido Popular e co voto da dereita unificado mediante a coalición cos Centristas de Galicia de Victorino Núñez e José Luis Baltar, logrou a maioría absoluta por un só escano, a mesma marxe que obtería Feijóo dúas décadas despois. En xaneiro de 1990, o Parlamento investía a Fraga e puña fin á presidencia de Laxe. O fundador compatibilizaría fugazmente o posto co liderado estatal do PP, do que marchou formalmente naquel mesmo 1990 tras unxir a Aznar co célebre "no hay tutelas ni hay tutía" nun congreso celebrado en Sevilla, como o que vai aclamar a Feijóo.
Na recta final do século XX comezaba a xeira das tres maiorías absolutas de Fraga. En 2005, notablemente enfraquecido física e politicamente, o patrón da dereita española optou á cuarta pero non a logrou. Tamén por un só escano de marxe, en xuño daquel ano PSdeG e BNG lograban os escanos precisos para propiciar o primeiro Goberno galego da esquerda emanado directamente da configuración parlamentaria que ditaban polas urnas. En agosto, o socialista Emilio Pérez Touriño era elixido presidente, co nacionalista Anxo Quintana como vicepresidente.
Igual que todos os seus antecesores, tampouco Touriño deixou o posto por vontade propia. Tras evitar o adianto electoral que o seu partido lle recomendaba no verán de 2008, chamou ás urnas para o 1 de marzo de 2009. E o PP, contra boa parte dos prognósticos -mesmo dos seus-, impúxose na absoluta pola mínima tras unha durísima campaña. Comezaba outra xeira de absolutas do PP -xa son catro- con outras tantas investiduras de Feijóo, que agora emprende o camiño para deixar de ser presidente do Goberno galego e propiciar, coa súa dimisión, un proceso sucesorio que evitou ordenar durante máis dunha década.