Trinta anos do comezo do fraguismo e da promesa da "autodeterminación verdadeira"

Propaganda electoral do PP, con Fraga como candidato en 1989 CC-BY-NC-SA Praza Pública

Hai agora trinta anos, o 17 de decembro de 1989, produciuse o que, moi posiblemente, foi o feito máis transcendente para a historia da autonomía galega ata ese momento. Aquel domingo ás portas do inverno remataba a aventura do Goberno tripartito que o socialista Fernando González Laxe lograra encabezar dous anos antes coa indispensable participación da operación tránsfuga de Xosé Luís Barreiro Rivas e, por unha marxe dun único escano, o ex-ministro franquista Manuel Fraga Iribarne lograba a maioría absoluta no Parlamento que lle aseguraba ascender no primeiro intento á presidencia da Xunta, dende onde proclamou a chegada da "autodeterminación verdadeira", a que el lideraba.

Fronte a un PSdeG abandonado á súa sorte pola dirección do PSOE de Felipe González, o PP de Fraga logrou os 38 escanos da maioría absoluta nunha vitoria que conseguiu facer pasar á historia como moito máis esmagadora do que foi

A operación de Fraga á fronte das novas siglas coas que aspiraba a facer a parcelaria definitiva na dereita, as do Partido Popular, fora un éxito, aínda que moito menos esmagador do que foi dado a entender durante década e media de hexemonía. Os populares, aliados cos Centristas de Galicia de Victorino Núñez e José Luis Baltar en Ourense, lograran algo máis de medio millón de votos e os 38 escanos da primeira Cámara galega con 75 asentos fronte a un PSdeG abandonado á súa sorte polo PSOE de Felipe González, que revalidara o Goberno de España apenas dous meses antes. Malia todo, os socialistas lograran a que aínda hoxe é a súa representación máis ampla no Parlamento, pero non foi dabondo.

Cando, en febreiro de 1990, o Diario Oficial de Galicia publicou os resultados definitivos daqueles comicios, o fraguismo xa estaba en marcha. Pouco importaron as notas ao pé nos que a Xunta Electoral "constataba" que na provincia de Ourense os votos non acabaran de cadrar, en boa medida pola anulación dos resultados de trece mesas nos que, como constaría en posteriores pronunciamentos xudiciais, existiran "un número de votos emitidos superior ao dos electores", así como "actas dobres e contraditorias".

Aquelas cifras ourensás do sufraxio exterior, contan cronistas da época, non se poden entender sen as sacas de votos chegadas de Venezuela fóra de prazo. 

Naqueles primeiros compases da nova orde, a da Baviera fraguiana, tamén se deixou pasar -a primeira que o fixo, a dirección central do PSOE- o rechamante resultado do voto emigrante ourensán. No conxunto de Galicia arrasaran os socialistas, seguindo a lóxica de triunfo no exterior do partido que gobernase en España: 3.427 votos para o PSOE, 2.374 para o PP e 137 para o BNG, segundo publicara La Voz de Galicia. Pero en Ourense, a lóxica invertérase: o PP lograra 920, o PSOE quedara en 369 e o BNG, en 16, publicara o ABC o 23 de decembro, tras o escrutinio do voto CERA. Aquelas cifras ourensás, contan cronistas da época, non se poden entender sen as sacas de votos chegadas de Venezuela fóra de prazo. 

Apelacións ao "orgullo nacional" dunha "nova Galicia"

As pantasmas do mal chamado voto emigrante non deixarían de medrar nos lustros seguintes e, paradoxalmente, o propio PP de Fraga acabaría aferrándose sen éxito a elas en xuño de 2005, cando algúns dirixentes do partido aínda confiaban en que o sufraxio transatlántico movese un escano pola provincia de Pontevedra e deixase sen maioría absoluta á suma de PSdeG e BNG.

Fraga Iribarne comezaba a pasar á historia para deixar sitio a 'don Manuel', o que non aceptaba leccións de galeguismo

O caso é que comezaba o fraguismo. O ex-ministro Fraga Iribarne comezaba a pasar á historia para deixar sitio a don Manuel e o patrón da dereita española así o quixo facer ver dende o seu discurso de investidura, a finais de xaneiro. El, proclamou nun Pazo do Hórreo practicamente acabado de estrear, propúñase desenvolver o marco estatutario ata as súas "definitivas consecuencias". Entre apelacións a Xelmírez, ao conde de Gondomar, a Murguía, a Rosalía, a Castelao ou Cunqueiro, Fraga augurara a chegada dunha "nova Galicia" e para lograla "temos que soterrar a apatía, o escepticismo, a crítica destrutiva" e, no seu lugar, "potenciar o noso orgullo nacional, o orgullo de sermos galegos, o honor de nacermos nesta terra", dixera.

Víctor Vázquez Portomeñe e Tomás Pérez Vidal aplauden a Fraga na súa elección como presidente, o 31 de xaneiro de 1990 © Arquivo Parlamento de Galicia

"Tentarei, dende o Goberno galego, promover a autodeterminación verdadeira de Galicia", dixera no primeiro dos seus moitos tirapuxas dialécticos con Beiras

No que sería o primeiro de moitos debates parlamentarios con Xosé Manuel Beiras, na altura á fronte do primeiro grupo parlamentario da historia do BNG, Fraga rexeitara lección ningunha do soberanismo en materia de autogoberno. El, asegurara, dende a Presidencia ía lograr un "verdadeiro autogoberno" que non lle ía impedir reivindicar "ser español". 

Pero, ao tempo, dispúñase a encetar unha xeira na que "tentarei, dende o Goberno galego, promover a autodeterminación verdadeira de Galicia, que é a súa identificación, a súa imaxe exterior, a súa xusta participación na solidariedade nacional europea". Porque "ninguén nos vai gañar en auténtico galeguismo", advertira.

A mudanza das regras do xogo

Eran as sete horas e corenta minutos da tarde do 31 de xaneiro de 1990 cando, en virtude dos resultados daquel 17 de decembro de 1989, Fraga saíu do Parlamento de Galicia investido presidente. A súa chegada ao poder celebrouna de xeito triunfal, ao son de centos de gaitas, como advertira no propio discurso de investidura: "A min, un gaiteiro lévame adiante para defender a Galicia", advertira.

Integrantes das listas do PPdeG en 1989, nun panfleto de propaganda electoral CC-BY-NC-SA Praza Pública

Na recta final daquela primeira lexislatura o PP de Fraga reformou a lei electoral con toda a oposición en contra para elevar do 3% ao 5% o limiar mínimo que permite lograr representación no Parlamento

Pasados os fastos do triunfo, o Goberno de Fraga comezou a despregar o seu proxecto polo país e tamén a modelar o mapa político dentro e fóra do PP. Por dentro, consumando definitivamente a alianza co baltarismo mediante a integración no PP de Centristas de Galicia. Por fóra, cunha reforma da lei de eleccións que, dixera, tiña a intención de acabar coa "atomización ideolóxica" e procurar a "lóxica adaptación da lei ao nivel de implantación social das forzas políticas

A principal consecuencia daquela mudanza, aprobada con toda a oposición en contra e pouco antes dunhas novas eleccións foi a elevación do limiar mínimo de votos para obter representación parlamentaria dende o 3% ata o 5%. Nos seguintes comicios, en 1993, as forzas minoritarias desapareceron do hemiciclo e o PP de Fraga logrou unha esmagadora maioría de 43 escanos grazas aos máis de 700.000 votos obtidos. Segundo Fraga, "dalgún xeito, toda a miña vida foi unha longa preparación" para ser investido presidente da Xunta, dixera antes de tomar posesión.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.