“Buscade no río”: A pista xeralizada en Vilalba para atopar o busto de Fraga

Pedestal sen o busto de Fraga na alameda de Vilalba CC-BY-SA Praza Pública

O vindeiro xoves, 23 de novembro, Manuel Fraga cumpriría 95 anos. Morreu en xaneiro de 2012, pero no seu berce, Vilalba, deixou uns cuantos recordos. O máis facilmente identificable deles, o busto seu de bronce que desde 1970 preside a alameda da vila, xusto fronte á súa casa natal, desapareceu na noite do martes ao mércores. Non é a primeira vez que lle pasa algo á cabeza do político e os veciños xa nin se sorprenden. “Estará no río”, é a frase que teñen na boca cando se lles pregunta por ela. Pero o alcalde esta vez non o ten tan claro: “Esta vez fixeron un traballo cirúrxico”.

A efixie que preside a alameda, fronte á casa natal do ex-presidente e ex-ministro, sofre periódicos ataques, pero “esta vez fixeron un traballo cirúrxico”, di o alcalde

Pouco tempo da súa longa vida pasou Fraga en Vilalba, pero por alí volvía recorrentemente a darse baños de multitudes ou a xogar ao dominó en cada campaña electoral. Alí deixou un Parador na época en que foi ministro de Información e Turismo de Franco (1962-69); un auditorio de cando foi presidente da Xunta (1990-2005) ao que se puxo o nome da súa muller, Carmen Estévez; e unha autovía, a do Cantábrico, cuxo trazado se fixo pasar por alí no canto de seguir paralela ao mar, a 60 quilómetros de distancia, porque desde Galicia Don Manuel sempre seguiu mandando moito en Madrid.

O seu busto data de 1970 pero foi a partir do seu retorno a Galicia cando aumentaron os ataques contra el. Xa facía tempo que non desaparecía, pero as pintadas nunca faltaron. E ata esta ocasión, cando se botou en falta nunca tardou en aparecer. No río Madalena, a algo menos dun quilómetro do seu pedestal, a maioría das veces, pero tamén tirado en rúas próximas.

As pintadas con alusións políticas son outra cousa, pero que o busto aparecese no río era visto como unha trasnada estival que permanece no imaxinario colectivo do pobo

En 2001, a última ocasión na que apareceu no río, o daquela alcalde, o popular Agustín Baamonde, lembraba que esa era polo menos a terceira vez que alí acababa, sempre no verán. O rexedor non vía daquela unha intencionalidade política detrás dos paseos que se daba o busto e que permitían aos veciños chancear durante uns cuantos días sobre os motivos que levaban a Don Manuel a baixar á auga. As pintadas con alusións políticas son outra cousa, pero que o busto aparecese no río era visto como unha trasnada estival que permanece no imaxinario colectivo do pobo.

Pero nesta ocasión Agustín Baamonde, que volve ser alcalde tras o seu paso durante uns anos polo Parlamento de Galicia, onde gañou fama de bo orador, non o ten tan claro. “Esta vez non parece unha trasnada, non o tombaron ou arrincaron, quitaron limpamente os parafusos, fixeron un traballo cirúrxico, profesional”, explica o rexedor. “Esta vez, é unha opinión persoal, non aparece”, sentenza.

Baamonde tira de retranca para destacar que os ataques con pintadas ou as desaparicións do busto non fan máis que volver lembrar a figura de Fraga e publicitar Vilalba. “A ver se foi un admirador”, di, para asegurar que o Concello volverá facer outro busto e tentará ancoralo aínda mellor. “E os que fagan falta, porque foi unha figura política recoñecida que sempre fixo gala de ser de Vilalba”, conclúe.

Homenaxe do PPdeG a Fraga en Vilalba diante do seu busto Dominio Público @PPdeGalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.