"Dende o mandato de González Laxe no alto do edificio de San Caetano ondea a bandeira galega, cando vai ondear a española?". Foi unha das preguntas que o presidente da Xunta tivo que responder o pasado domingo nun pouco ortodoxo programa da canle Intereconomía, na que unha ducia de presentadoras o cuestionaron por múltiples aspectos da súa vida persoal e por escasos puntos da súa actividade gobernamental, a maioría vinculados á lingua e á identidade de Galicia. "En Galicia non hai unha guerra de bandeiras", respondeu Alberto Núñez Feijóo, que "cre lembrar" que o símbolo autonómico que preside a sede do Goberno galego provén "da época de Fernández Albor". "Non teño previsión de sacala porque non xerou ningún problema" e, retrucou a unha das presentadoras, non existe "debate" ningún nas sociedade ao respecto. O rebumbio causado polo espazo televisivo, boa parte del nas redes sociais de Internet, achegou á actualidade a historia dunha bandeira cunha xénese moi propia dos primeiros tempos da autonomía e que, dun xeito ou doutro, defenderon todos os gobernos.
A instalación da bandeira estaba prevista polo Goberno de Albor, pero foi o tripartito o que herdou e rematou o proxecto
Ao contrario da crenza do presidente a solitaria bandeira non foi instalada polo equipo de Gerardo Fernández Albor, se ben é certo que tiña intención de facelo. Nomeadamente, prevíao o gran impulsor do complexo de San Caetano, o daquela vicepresidente Xosé Luís Barreiro Rivas. Os avatares políticos que derivaron na moción de censura de 1987 derivaron en que o tripartito encabezado polo socialista Fernando González Laxe herdase o proxecto e correspondeulle rematalo ao novo conselleiro da Presidencia, Pablo González Mariñas, un dos dous representantes do PNG no Executivo. "A bandeira estaba feita xa por Barreiro pero estaba sen instalar", lembra González Mariñas para Praza Pública, "e nós completamos o orzamento e erguemos o mastro", un só, sen o acompañento dos emblemas español e europeo.
A traxectoria gobernamental tripartita foi curta. A crise económica, os escasos apoios do Goberno de Felipe González e a chegada de Manuel Fraga disposto a converter Galicia na súa particular Baviera foron algúns dos factores que desaloxaron de San Caetano a PSdeG, Coalición Galega e PNG. González Mariñas prevía que a rechamante bandeira non duraría moito. Despois de perder as eleccións, "xa en 1990", "un día pasei por alí e vin que a bandeira non estaba" e "pensei que non volvería ao seu lugar". Pero nada máis lonxe diso. Ben ao contrario, o que noutrora fora o máis centralista líder da dereita española mandáraa retirar "para darlle catro metros máis de altura".
González Mariñas lembra que Fraga a mandou retirar pero "para darlle catro metros máis de altura"
Así de alta permaneceu a bandeira durante os dezaseis anos de Fraga e, ao chegar o bipartito de socialistas e BNG en 2005, continuou ondeando sobre a sede da Presidencia que pasou a ocupar Emilio Pérez Touriño. Fíxoo sen conflito ningún ata que en 2007 o PP abriu un debate que lle afectou colateralmente. En plena cruzada contra o Estatut de Catalunya os conservadores cargaron con dureza contra o gabinete de Touriño e Quintana, especialmente contra a súa parte nacionalista, pola ausencia da bandeira de España nalgúns actos e despachos oficiais. Nesta liña presentaban unha proposición non de lei no Parlamento, asinada polo propio Alberto Núñez Feijóo -"Feixóo", na sinatura dixital da iniciativa- e outros deputados como Ignacio López Chaves e Manuela López Besteiro, coa esixencia de que "en todas as dependencias da Administración autonómica" así como en "todos os actos oficiais da Xunta" estivesen á vista os símbolos galego e español.
En 2007 o PP presentou, asinada por Feijóo, unha proposta para esixir que en todos os edificios ondease tamén a bandeira española
Mentres o Goberno galego evitaba abrir unha batalla coa cuestión a proposición chegou ao pleno e pola banda do Bloque quen fixou posición foi o propio Pablo González Mariñas. "Daquela o PP andaba nunha guerra de bandeiras", cun "tremendo sarampelo de españolismo" e inmersos "nunha política de recentralización". "Cunha minucia montouse un falso problema", subliña ao rememorar un discurso parlamentario no que o ex conselleiro e ex deputado argumentou que "nós somos galegos, simplemente galegos" aínda que ao PP "lle pareza moi pouca cousa" e aínda que "non dixeran nada diso sobre Euskadi e Catalunya" cando o PP "tiña un pacto co PNV e CiU". Ademais González Mariñas reforzou a súa argumentación aludindo, precisamente, ao "exemplo" da solitaria bandeira de San Caetano. A mesma que, cinco anos despois, o propio Feijóo deu en defender nunha canle televisiva pouco proclive á diversidade de bandeiras.