Cando Albor e Fraga falaron como Beiras: así foron os discursos de investidura dos presidentes da Xunta

Colección de discursos presidenciais editada polo Parlamento de Galicia CC-BY-SA Praza Pública

Malia gañar con maioría absoluta, Feijóo terá que presentar o seu programa de goberno ante o Parlamento. Repasamos como os seus antecesores e el mesmo defenderon os seus primeiros proxectos en 1982, 1987, 1990, 2005 e 2009.

Malia gañar con maioría absoluta as eleccións autonómicas do pasado domingo, Alberto Núñez Feijóo terá que presentar o seu programa de goberno para esta nova lexislatura ante o Parlamento de Galicia, que con toda seguridade o avalará. Será nunha data aínda por concretar dentro de aproximadamente un mes. Á espera do que poida dicir nesa a súa terceira investidura, repasamos as intervencións coas que os seus antecesores se someteron por primeira vez á confianza da Cámara, recopiladas recentemente polo propio Parlamento de Galicia, xunto con outras intervencións significativas, nunha serie de volumes sobre os discursos parlamentarios dos presidentes da Xunta tal e como foron transcritos no seu momento no Diario de Sesións.

Nas presentacións ante a Cámara de Albor (1982), Laxe (1987), Fraga (1990), Touriño (2005) e Feijóo (2009) pódese comprobar como evolucionou o parlamentarismo galego en 35 anos. Tamén como Albor e Fraga empregaban daquela terminoloxía máis propia de Xosé Manuel Beiras, ou como Laxe e Touriño aseguraban que con eles non só se estaba iniciando un período lexislativo concreto senón toda unha “nova etapa da historia” de Galicia, en verbas idénticas dos dous. En xeral, todos eles coincidiron en presentarse a si mesmos como presidentes de todos os galegos e en apelar á superación das divisións, asegurando que gobernarían para toda Galicia. Do mesmo xeito, todos realizaron promesas sectoriais de todo tipo que nos anos seguintes incumpriron rigorosamente. Aquí centrámonos no que os diferencia e no que máis rechamante resulta coa perspectiva de 2016.

Albor e a “aldraxe” do atraso económico de Galicia

Albor pediu ao Goberno central que reparase a “aldraxe” do atraso dunha Galicia “ó servicio dun desenrolo económico e industrial externo”

O primeiro discurso de investidura dun presidente da Xunta logo dunhas eleccións autonómicas foi o pronunciado o 7 de xaneiro de 1982 por Xerardo Fernández Albor. Foi o máis breve de todos os discursos de investidura dos presidentes galegos e no que máis se deixou sentir o peso da historia. Albor comezou rendendo unha “fonda e sentida homenaxe a cantos galegos de onte e de hoxe contribuíron á defensa da identidade de Galicia e a crea-las condicións xurídicas, políticas, económicas e sociais pra que hoxe accedamos ó autogoberno” e lembrando que “a nosa terra, desde as súas orixes ata que o Reino de Galicia se integra na Coroa española, foi sempre sobranceira polos marcados riscos da súa personalidade”, mesmo “na súa etnia”, “ata o punto que constitúe hoxe cecais a comunidade autónoma de mais nidios contornos”. Albor comprométese a garantir os dereitos de Galicia “namentres se manteña no modelo establecido pola vixente Constitución”, asumindo en todo momento nas súas verbas unha certa provisionalidade política que afronta con pragmatismo.

Unha das principais preocupacións da época era a económica, e a ela dedicou Albor boa parte da súa intervención recollendo un diagnóstico que mesmo na textualidade lembra a obra referente de Xosé Manuel Beiras, O atraso económico de Galicia, publicada dez anos antes: “No concreto caso galego, a crise económica adquire unhas características propias, particularmente graves en razón da súa tradicional subordinación respecto ó sistema económico xeral e á conseguinte endebleza dun sistema produtivo de economía periférica que xurdiu, creceu e se desenrolou, non en función dos seus intereses e necesidades propias, senón ó servicio dun desenrolo económico e industrial externo á economía galega”. Albor rebélase contra esa situación herdada e pide un plan especial de investimentos: “O Goberno Central deberá ter presentes as aldraxes comparativas sufridas por Galicia ó longo da súa historia e cooperar xenerosamente”.

Albor rematou aquela súa presentación ante o estreado Parlamento de Galicia citando o Alba de Groria de Castelao: “Que a fogueira do espírito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quenta-los vosos fogares”.

Laxe e a “nación” de “políticos en declive”

Laxe non quería un goberno con “mesquindades individuais” nin que Galicia fose “onde políticos en declive ou sen futuro fan ensaios de recuperación de poder”

Albor foi substituído á fronte da Xunta polo socialista Fernando González Laxe logo dunha moción de censura que contou co apoio do PNG e da Coalición Galega de Xosé Luis Barreiro, que fora vicepresidente do primeiro antes de abandonalo para selo do segundo, cargo no que resultaría condenado por prevaricación. O discurso de investidura de Laxe foi ao tempo o de defensa da censura e pronunciouno o 21 de setembro de 1987.

Nel Laxe, quen sabe se pensando no Albor pasado, no Fraga futurible, ou no Barreiro do seu presente, asegurou que tentaría que os seus resultados tivesen sempre unha “dimensión social e non se perdan nunca en mesquindades individuais ou en exclusivas conquistas persoais. Temos que pensar sempre nun país integrado en Europa, e isto lógrase obviamente dignificando a vida política galega. Hai que acabar coa aldraxante idea de que Galicia é unha leira, un ermo onde políticos en declive ou sen futuro fan ensaios de recuperación de poder, porque non saben facer outra cousa. Galicia precisa xuventude madura, con ideas novas e novos xeitos de concibir e executa-la política”.

Entre as cuestións máis rechamantes do seu discurso figura a apelación á necesidade de modernizar a industria galega co “deseño” como “esencial á hora da competencia entre productos de semellante calidade”. “A potenciación dun deseño propio, identificativo dun certo criterio de distensión, pode e debe ter un eixo esencial nas novas técnicas de producción que deben ser fomentadas polo noso Goberno”. En materia deportiva, Laxe quería “redobrar esforzos polos Xogos Deportivos de Galicia, a imitación das 'Espartakiadas' da República Democrática de Alemaña, ou das pequenas Olimpiadas galegas”. Laxe rematou a súa intervención cunha “lembranza para os milleiros de galegos que andan polo mundo adiante, lonxe de nós e desta nación [sic]”.

Fraga asume o lema dos irmandiños

Fraga criticaba o nepotismo, prometía austeridade e anunciaba numerosos centros culturais “nacionais”

O 29 de xaneiro de 1990 Manuel Fraga pronunciou o discurso de investidura máis longo, no que aseguraba que “toda a miña vida foi unha longa preparación para este momento”. Na súa intervención Fraga criticou a “política de persoal politizada e descontrolada” que ao seu xuízo tiña daquela a Xunta e pedía “un futuro no que non goberne a mediocridade, no que non impere o nepotismo”. Para lograr unha administración eficaz propugnaba “como primeira medida” eliminar “os grandes males que sofre a nosa Administración: a politización, a rutina, o burocratismo e o afastamento do administrado”. E engadía que “se algunha característica singular, por outra parte, lle quero imprimir ó meu goberno é a austeridade. Austeridade no gasto corrente, para eliminar todos aqueles gastos que non estean xustificados racionalmente”. Vinte anos despois, unhas cantas das medidas de funcionamento da administración galega adoptadas ou consolidadas nos gobernos de Fraga foron suprimidas polo seu sucesor á fronte do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurando que eran un desbalde.

No discurso de Fraga chama a atención tamén o número de infraestruturas culturais concretas que quería pór en marcha, boa parte das cales acabaría condensando máis dunha década despois na súa Cidade da Cultura. Así, xa en 1990 falaba de crear o “Museo Nacional de Galicia”, a “Biblioteca Nacional de Galicia”, a “Hemeroteca Nacional”, o “Centro de Documentación Histórico-Nacional de Galicia”, o “Museo Galego do Turismo”, o “Fondo Galego de Arte Contemporánea”, o “Museo Internacional Xacobeo” e o “Museo da Emigración Galicia-América”.

Na época en que caía o bloque soviético, o patrón da dereita española presentaba o seu “modelo de sociedade” como o único con futuro no mundo, un modelo “baseado na liberdade, na concertación, na igualdade de oportunidades, no mérito, na iniciativa, na competencia, na solidariedade” e que pretendía compaxinar “a economía libre coa responsabilidade social”. “O lema dos irmandiños, a irmandade da xusticia, é aplicable ó noso tempo”, remataba o seu discurso.

Touriño e a alternancia que chegara para quedarse

Touriño dicía que “sería inútil tentar debilitar o Goberno tratando de crear situacións artificiais de división”

O 27 de xullo de 2005 Emilio Pérez Touriño presentábase á investidura na que denominaba como a lexislatura “máis especial de todas” pola entrada en funcionamento de “un mecanismo de normalidade democrática, como é a alternancia no goberno [...] como consecuencia dunhas eleccións, pero a partir de agora xa quedará incorporado á nosa cultura política, non só como un principio teórico, senón como unha práctica normal”. Esa alternancia volveu producirse en 2009, pero nunca máis ata o de agora.

Touriño defendía que o seu sería “un goberno sustentado por dous partidos, pero non dous partidos que se reparten as áreas de goberno”, e aseguraba que “a política de cada consellería será a de todo o Goberno, e viceversa”. Segundo dicía, “sería inútil, pois, que se tentara debilitar o Goberno tratando de crear situacións artificiais de división”.

No seu discurso Touriño debullaba unha serie de iniciativas que pretendía adoptar o seu goberno, sendo a máis ambiciosa a de reformar o Estatuto de Autonomía canto antes. Aquel discurso Touriño rematouno cunha reflexión que prometía aplicarse a si mesmo: “Din que a vida é o que che vai ocorrendo mentres fas plans. Os políticos e os gobernos facemos moitos plans, e está ben que os fagamos, coa condición de non chegar a crer que a vida son os plans”.

Feijóo e a fin do “caciquismo” e das ideoloxías

Malia propor un “goberno forte e cohesionado en torno a un único liderado”, como Fraga en 1990 tamén Feijóo rematou cunha lembranza ás revoltas irmandiñas: “Deus fratresque Gallaecia”

O 14 de abril de 2009 Alberto Núñez Feijóo asegurou que aquel era o momento “máis importante da miña vida”. No seu discurso de investidura o popular presentou un programa de goberno baseado en “compromisos de índole ética” asegurando que non chegaba con ánimo de desquite. “Non vimos a restaurar ningún pasado, nin a derrubar o que fixeron ben os nosos antecesores. Representamos, e aspiramos a continuar representando con lealdade, a Galicia nova que, sen rancores nin dogmas”, dicía, tentaba superar as diferenzas ideolóxicas.

Feijóo, como Touriño catro anos antes, mantiña que o Estatuto debía ser mellorado e aseguraba que presentaría “unha completa iniciativa de reforma”. E aseguraba que “os galegos queren un Presidente que non lles minta, por moi piadosa que puidese resultar esa mentira”. Segundo Feijóo, o seu goberno traballaría “porque a sociedade así nolo esixe, para que termos como 'sectarismo', 'caciquismo', 'enchufismo' ou 'partidismo' só teñan significado entre nós para referirnos ao pasado”.

Malia propor un “goberno forte e cohesionado en torno a un único liderado”, como Fraga en 1990 tamén Feijóo rematou cunha lembranza ás revoltas irmandiñas: “Deus fratresque Gallaecia”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.