A residencia de xestión privatizada con máis mortes na pandemia sae a concurso tras 24 anos con DomusVi

Vehículo de DomusVi ás portas da residencia da Xunta de xestión privatizada de Ribeira © Google

Tras 10 prórrogas da concesión Política Social decide renovar o contrato da residencia de Ribeira por ata 3,25 millóns ao ano mentres vén de desbloquear a construción dun novo centro tras quitar o PP a alcaldía ao BNG

En 2000, con Manuel Fraga como presidente e Corina Porro como directora de Servizos Sociais, a Xunta adxudicaba a Geriatros, empresa impulsada por Caixanova que sería a orixe de DomusVi, a xestión privatizada da residencia de maiores de Ribeira que comezaría a funcionar en 2002. 

O contrato era por dez anos, pero tras 10 prórrogas a residencia segue sendo xestionada por DomusVi e aínda agora a Consellería de Política Social vén de convocar un concurso público para renovar a súa xestión, que podería seguir en mans da mesma empresa se presenta a mellor oferta.

O concurso público, por ata 3,25 millóns de euros ao ano, chega cinco anos despois de que a residencia rexistrase a finais de 2000 un gran brote de COVID-19 que a converteu no centro de xestión privatizada con máis mortes da pandemia, con 15 falecementos. Mentres, a Xunta vén de desbloquear a construción dunha nova residencia na mesma vila, anuncio que fixo só cinco días despois de que o PP quitase a alcaldía ao BNG cunha moción de censura. 

A conselleira de Política Social, Fabiola García, coa daquela conselleira delegada de DomusVi, Josefina Fernández, durante unha visita en 2018 á residencia da Xunta en Ribeira, concesionada ata agora a esta empresa privada CC-BY-SA Xunta | Edición: Praza Pública)

A actual residencia pública de maiores de Ribeira, da Xunta, conta con 106 prazas e vén sendo xestionada desde 2002 por DomusVi, daquela Geriatros. O concurso público agora convocado para renovar a súa xestión sinala expresamente que en xuño deste ano "formalizouse a 10ª prórroga do contrato" sen que o Goberno galego decidise ata agora facer unha nova licitación. Na agora convocada Política Social está disposta a pagar ata 3,25 millóns de euros ao ano inicialmete durante dous anos pero con posibilidade de prórrogas ata un máximo de 5 anos, o que pode supoñer un negocio total duns 16,2 millóns de euros.

O Goberno galego xustifica, como vén facendo noutros casos, que ten cartos pero non persoal propio suficiente para atender todas as súas residencias de maiores, polo que mentres algunhas si son cubertas con persoal público, outras, como esta son entregadas en concesión. Porén, o concurso establece que "o contratista poderá concertar con terceiros a realización parcial da prestación".

A Residencia de Ribeira foi o centro público de xestión privatizada con máis mortes durante o primeiro ano e medio da pandemia, con 15 falecementos

A residencia de Ribeira, segundo datos oficias revelados por Praza.gal, foi o centro da Xunta de xestión privatizada que rexistrou máis mortes durante o primeiro ano e medio da pandemia da COVID-19, cun total de 15 falecementos. Por diante só houbo unha residencia da Xunta xestionada con persoal propio, en Barbadás, e foi seguida doutras dúas residencias públicas tamén en mans de DomusVi, as de Laraxe en Cabanas e Concepción Arenal na Coruña, con 10 e 7 mortes respectivamente. 

A Xunta aínda non detallou se a xestión da nova residencia que vén de desbloquear tras quitar o PP a alcaldía ao BNG será pública ou privatizada

En Ribeira a Xunta vén estudando desde hai anos a construción dunha nova residencia de maiores. O pasado xuño, cando semellaba que estaba encarreirada, o Goberno galego freou o proxecto alegando a existencia de supostos riscos de asolagamento no lugar elixido que, en calquera caso, a Xunta xa coñecía dende que en 2021 aceptou a cesión dos terreos realizada polo Concello. O proxecto quedou paralizado ata que en outubro, cinco días despois de que o PP arrebatase a alcaldía de Ribeira ao BNG cunha moción de censura, a conselleira de Política Social se desprazou á súa localidade natal para anunciar o desbloqueo da residencia.

A conselleira de Política Social anunciando en outubro coa nova alcaldesa de Ribeira, do PP, o desbloqueo dunha nova residencia de maiores para a vila © Xunta

De momento o Goberno galego aínda non detallou se a súa xestión será pública ou privatizada, como vén facendo coas residencias que está a doarlle nas sete cidades a Fundación Amancio Ortega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.