Tras as eleccións municipais de 2023 Ribeira viviu un histórico cambio político co BNG á fronte. Alí o PP tivera nas mans o bastón de mando sen interrupción dende que as súas siglas antecesoras, Alianza Popular, o lograran por primeira vez en 1987.
O histórico cambio político de Ribeira en 2023 é un contexto imprescindible para entender a controversia xerada pola repentina renuncia de Política Social a construír o primeiro centro do seu "novo modelo de coidados" no terreo que o Concello lle cedeu hai catro anos
Catro anos antes, en 2019, as convulsións internas da dereita local propiciaran a irrupción na corporación do novo Partido Barbanza Independiente, liderado por un antigo concelleiro popular, Vicente Mariño. Esta circunstancia, engadida ao forte ascenso do BNG, permitiu en 2023 un pacto entre o Bloque, PBBI e PSdeG para elixir como alcalde ao nacionalista Luís Pérez Barral e conformar unha coalición con 11 dos 21 edís da corporación que, con Mariño de 'número dous' e malia a súa heteroxeneidade, goberna dende aquela sen maiores desavinzas.
Este contexto político é imprescindible para entender a controversia suscitada pola repentina renuncia da Consellería de Política Social a construír no terreo de Ribeira onde levaba prevéndoa case catro anos a que presentara como primeira residencia do seu "novo modelo de coidados" para a terceira idade, con 100 prazas e un investimento duns 10 millóns de euros. A parcela do lugar de Saíñas, preto da praia de Coroso, foi cedida á Xunta polo Concello aínda co PP á fronte en novembro de 2021 xunto cos restos da antiga discoteca Hesta Kurva, en cuxa demolición Política Social investiu uns 300.000 euros en 2022.

Cando o Goberno galego aceptou a cesión, a parcela xa se atopaba nunha contorna reflectida como potencialmente inundable na cartografía do Ministerio para a Transición Ecolóxica. Tamén nos "mapas de perigosidade e risco de inundación" da confederación hidrográfica Galicia-Costa -dependente da Xunta- vixentes para o ciclo 2021-2027. No entanto, nestes anos Política Social foi avanzando diferentes trámites para a construción da residencia, dende a elección dun deseño arquitectónico ata a a redacción de proxectos, solicitude de licenza e inclusión de partidas para as obras nos seus orzamentos. Todo, entre gabanzas ao seu "privilexiado emprazamento".
A conselleira baséase en que o Goberno de España amosou a intención de endurecer as condicións para poder construír en contornas con risco futuro de inundación. Polo momento, Transición Ecolóxica lanzou trámites previos sen concretar prohibicións
Pero agora a conselleira de Política Social, antiga edil dos populares ribeirenses, alega que o proxecto pode colidir cos plans que, como consecuencia das riadas na Comunitat Valenciana, ultima o Goberno de España para endurecer as condicións de construción en terreos con risco de inundación. A noticia fíxoa saltar a propia Fabiola García o pasado 23 de maio, cando decidiu acompañar á titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, nunha entrega de premios a escolares no parque natural de Corrubedo.
Alí García anunciou que viña de remitir ao concello a "petición formal de nova ubicación para a construción da futura residencia porque eu penso que todos somos conscientes e temos moi presentes catástrofes naturais como a DINA de València". Concretouna nunha carta ao alcalde na que di verse "obrigada" a "mudar as previsións" porque "despois da DANA na Comunidade Valenciana, o Goberno central está modificando a normativa para restrinxir a edificación en zonas como a actual, que ten risco de posible inundación".

Política Social basea a súa decisión en que o Ministerio para a Transición Ecolóxica tivo aberta o pasado abril unha consulta pública previa -primeiro paso para redactar unha futura normativa- na que anunciou a súa intención de, a raíz das riadas valencianas e doutros episodios semellantes, "avanzar" nas "limitacións dos usos nas zonas inundables". O "agravamento" das consecuencias deste tipo de episodios, sinala o Ministerio, fai preciso reformar normas coma o Real Decreto que regula o Dominio Público na contorna dos ríos dende 1986, xa modificado ante en varias ocasións.
O alcalde destaca que a documentación achegada pola Xunta "non mostra ningún risco de asolagamento" e que para autorizar a obra só restaba un informe de Augas de Galicia, que "podería ser favorable aplicando pequenas medidas correctoras"
Como corresponde a unha consulta pública previa, Transición Ecolóxica non concretou nese punto que tipo de restricións contempla. Pero a conselleira García di "agardar" que o alcalde de Ribeira "comparta comigo que a prevención ante posibles riscos naturais e a seguridade das persoas usuarias debe ser unha prioridade para calquera Administración pública". E por iso lle reclama, "á maior brevidade posible, novas propostas de parcelas municipais nas que poder construír a residencia".
A viraxe sumiu no estupor o goberno local tanto polas formas como polo fondo. O alcalde Pérez Barral, que como concelleiro do BNG na oposición impulsara en 2021 a cesión do recinto da antiga discoteca para acoller a nova residencia pública, subliña que os planos e documentación técnica que achegou Política Social ao Concello "non mostran ningún risco de asolagamento" e ademais, sinala, "esa mesma parcela, no visor da demarcación Galicia-Costa, pódese observar que non vai ser afectada por augas cando menos en 500 anos".

"Dende maio de 2024 e até maio de 2025 o Concello axilizou todos os procedementos para poder albergar esa residencia pública" e "só faltaba un informe de Augas de Galicia" que "podería ser favorable aplicando pequenas medidas correctoras, como se fai noutros lugares con canles e concas fluviais". Así o resaltou no pleno municipal que, poucos días despois das declaracións de Fabiola García, aprobou por unanimidade reclamar que a residencia sexa construída en Ribeira, así como impulsar un informe técnico sobre a viabilidade da construción "segundo a normativa vixente".
"As normas que se aplican son as vixentes, non as posibles e futuras", salientan dende o Concello nun contexto no que non faltan as voces que non poden evitar crer que a actitude da Xunta sería outra se o PP retivese o Concello ribeirense. Política Social asegura manter o "firme compromiso de construír" a residencia en Ribeira
Porque o goberno local ten claro que "as normas que se aplican son as vixentes, non as posibles e futuras", sinala Francisco Suárez-Puerta, segundo tenente da alcaldía. E o regulamento de 1986, especifican fontes municipais a Praza.gal, permitiría seguir adiante co proxecto da residencia nas Saíñas, toda vez que a parcela ten a consideración de solo urbanizado e a normativa "permite a construción de novas edificacións" tendo en conta certas precaucións que serían aplicables a este terreo, máis aínda co proxecto arquitectónico que manexaba a propia Xunta.
Mentres agardan coñecer todos os "informes" nos que Política Social basea a súa nova postura, no goberno de Ribeira non faltan as voces que non poden evitar considerar que a actitude da Xunta sería diferente se as eleccións municipais de 2023 non implicasen para o PP perder o que foi o seu gran feudo no Barbanza. A comarca no seu conxunto, teórica destinataria dos servizos da nova residencia, pasou da hexemonía da dereita en décadas pasadas a un panorama actual con pleno de gobernos progresistas en Rianxo, Boiro, A Pobra e a propia Ribeira. A Consellería, non obstante, asegura manter o "firme compromiso de construír no Concello de Ribeira unha residencia pública coa que garantir a atención residencial das persoas maiores do municipio e da comarca".