En Galicia hai unhas 21.400 prazas en residencias da terceira idade. Apenas unha de cada cinco están en centros públicos e máis da metade teñen ánimo de lucro, segundo os datos do primeiro censo do sector elaborado polo Imserso, que foi publicado o pasado mes de abril.
Pouco antes desa publicación, o PSdeG tentou obter a través do Parlamento datos actualizados sobre as prazas dispoñibles, pero tamén sobre cantas persoas están esperando por elas. A Xunta respondeu a mediados de maio as preguntas asinadas polas deputadas socialistas Silvia Longueira e Elena Espinosa, pero evitando responder sobre a lista de espera e ofrecendo información parcial sobre o número de prazas.
As parlamentarias do PSdeG rexistraron catro preguntas nas que se cuestionaban a Consellería de Política Social sobre "as prazas de atención residencial dispoñibles" e "as solicitudes que hai en espera de PIA ou no PAR". É dicir, as peticións pendentes de obter un Plan Individualizado de Atención ao abeiro da lei de dependencia ou en agarda no Programa de Asignación de Recursos, o sistema que xestiona as esperas en Política Social.
O PSdeG pregunta a Política Social polo número de prazas dispoñibles e de persoas á espera en cada provincia e a Xunta responde cos datos de postos residenciais autorizados nas catro cidades homónimas
Esas catro preguntas referíanse á Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, isto é, unha por provincia. Non obstante, nas súas respostas a Consellería que dirixe Fabiola García interpreta que o PSdeG pregunta polas cidades homónimas e responde só sobre elas e non sobre o conxunto da provincia. De aí que a información que si ofrece, a do número de prazas dispoñibles, sexa parcial.
Atendendo ás catro respostas, que Política Social tira do seu rexistro interno, na cidade da Coruña hai 1.359 prazas "autorizadas" en residencias de maiores; en Lugo son 890; a cidade de Ourense conta con 1.132 e Pontevedra, con 382. En total, daquela, serían 3.763 entre as catro cidades.
O Goberno galego, non obstante, insta a sumar a esas prazas dispoñibles as que haberá cando entren en funcionamento as residencias doadas pola Fundación Amancio Ortega. No caso destas catro urbes serían 150 na Coruña e cadansúas 120 nas tres restantes.
A Xunta limítase a responder que cando estean funcionando as novas residencias doadas pola Fundación Amancio Ortega producirase unha "diminución" das persoas que esperan por unha praza, pero sen indicar cantas son
Non obstante, as únicas residencias das doadas por esa entidade que estarán dispoñibles nun breve prazo de tempo serán as de Lugo e Santiago. As previsións da Xunta para a compostelá, de feito, apuntaban que entraría en servizo este mes de maio, aínda que vén de experimentar novas demoras. As da Coruña, Pontevedra e Ferrol aínda están en obras e a ourensá e viguesa, en diferentes trámites urbanísticos. A promesa do ex-presidente Feijóo de abrir unha nova residencia en cada unha das sete principais cidades data de hai xa sete anos.
Aínda que incompletas, as respostas da Consellería sobre o número de prazas son máis amplas que as inexistentes sobre o número de persoas que esperan por elas. Nos catro casos, Política Social limítase a indicar ás deputadas do PSdeG que as residencias doadas pola Fundación Amancio Ortega "supoñen un impulso á ampliación da rede pública residencial para persoas maiores en situación de dependencia, reforzando a atención das persoas maiores dando máis cobertura a un maior número de persoas".
Neste sentido, engade, as "novas prazas públicas" destas residencias -cando menos as de Lugo e Santiago terán xestión privada- suporán "un avance significativo na ratio de cobertura das necesidades de atención residencial das persoas maiores" e iso implicará unha "diminución das persoas que se atopan no Programa de Asignación de Recursos á espera dun servizo de atención residencial", remata, sen indicar cantas son.