Medio ano despois de recibir a primeira residencia doada por Amancio Ortega a Xunta aínda a ten pechada

O presidente Rueda e a presidenta da Fundación Amancio Ortega, Flora Marcote, ao fondo, na entrega á Xunta da residencia de maiores de Santiago hai seis meses, o 24 de outubro pasado CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Goberno galego acumula máis demoras á promesa de Feijóo de hai sete anos de facer unha nova residencia en cada cidade e segue pendente de formalizar a xestión privada da primeira, a de Santiago, coa Fundación Fesan

En febreiro de 2017, hai máis de sete anos, o daquela presidente Alberto Núñez Feijóo anunciaba que a Xunta construiría unha nova residencia de maiores en cada unha das sete cidades galegas. Non foi así senón que finalmente está a ser a Fundación Amancio Ortega a que está a construír os edificios para despois doalos á Xunta, que á súa vez renuncia á súa xestión directa deixándoa en mans de fundacións privadas.

A primeira residencia rematada, a de Santiago, foi recibida pola Xunta, cunha visita oficial do presidente Rueda, o pasado 24 de outubro. Seis meses despois o centro aínda está pechado mentres o Goberno galego ten pendente de formalizar a súa xestión privada coa Fundación Fesan, que se fixo co contrato grazas a rebaixar un 12% o custo das prazas.

Rueda e a presidenta da Fundación Amancio Ortega, Flora Pérez Marcote, na entrega á Xunta da residencia de maiores de Santiago hai medio ano, o 24 de outubro pasado CC-BY-SA Xunta de Galicia

Malia que cada residencia será xestionada por unha fundación privada de xeito independente unhas das outras, a Xunta optou por non convocar un concurso separado para cada centro que puidese ir axilizando a súa posta en funcionamento a medida que se rematasen. Pola contra, decidiu convocar o concurso público para a xestión do primeiro centro, o de Santiago, presentado hai agora medio ano, de xeito conxunto co de Lugo, recibido pola Xunta o pasado 5 de abril. Un concurso que se dividiu en dous lotes separados, un para cada residencia, polo que se poderían convocar por separado, pero que acabaron uníndose no mesmo procedemento publicado días despois da visita de Rueda ao centro de Santiago.

Aínda que podían ter adxudicatarias distintas, os dous lotes acabaron sendo outorgados finalmente á Fundación Fesan, que os logrou fundamentalmente grazas a rebaixar un 12% o custo das prazas. A súa oferta para as dúas residencias foi de 37 traballadoras por cada 100 persoas residentes, só dúas máis que o mínimo esixido pola normativa galega, que data de 1996.

Ese concurso non foi convocado pola Consellería de Política Social ata o 10 de novembro pasado, dúas semanas despois do publicitado acto de recepción do edificio de Lugo, coa posibilidade de que as fundacións interesadas presentasen ofertas ata o 11 de decembro. Aínda a mediados de xaneiro foi cando a Xunta incorporou os dous edificios, o de Santiago e o de Lugo, ao contrato centralizado de subministro de gas da administración galega. E a adxudicación oficial á Fundación Fesan acabou producíndose o 3 de abril. 

Pero o procedemento administrativo segue pendente de que se formalice o contrato, polo que aínda non pode haber unha data firme para que entren as primeiras persoas residentes no edificio de Santiago que Rueda recibiu en persoa ante os medios de comunicación hai agora xa seis meses. Despois, aínda que o concurso foi limitado a entidades sen ánimo de lucro, os pregos de condicións permitirán á Fundación Fesan subcontratar parte dos seus servizos.

A Xunta argumenta que non ten persoal para xestionar os centros, como si fai con outros, e malia que limitou o concurso a entidades sen ánimo de lucro, permitirá que subcontraten parte do servizo

Canto á Fundación de Estudios e Análises (Fesan), esta conta, segundo o rexistro oficial da Xunta, con pequenas residencias de maiores ou vivendas comunitarias en Santiago, Brión, Ordes e Vilagarcía, aínda que na súa web só dá conta da súa actividade de cursos de formación. Nese eido dos cursos en 2016 o Parlamento chegou a valorar a posibilidade de crear unha comisión de investigación para analizar o destino e xestión dos fondos públicos recibidos por Fesan, pero a iniciativa de BNG e AGE foi rexeitada pola maioría absoluta do PP. 

Xustificación da Xunta para sacar a concurso e non xestionar ela directamente as novas residencias de Santiago e Lugo CC-BY-SA Praza Pública

O Consello de Contas sinalara diversas irregularidades nos seus cursos de formación subvencionados pola Xunta, a CIG vinculara a fundación ao Opus Dei e o diario La Opinión revelara as súas relacións cruzadas con outras empresas, xa non fundacións, tamén adxudicatarias da Xunta, así como a súa xénese impulsada polo ex-deputado e ex-alto cargo do PP Jaime Rodríguez-Arana, do que despois a entidade se desvinculou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.