A entidade privada, que o PP rexeitou investigar en 2016 malia denuncias da oposición e irregularidades detectadas polo Consello de Contas, imponse a Valdegodos, cunha mellor oferta técnica, e Gerón, con mellor ratio de persoal
A Fundación de Estudios e Análises (Fesan) vén de ser proposta pola mesa de contratación da Consellería de Política Social para que sexa a encargada de xestionar as dúas primeiras residencias de maiores doadas pola Fundación Amancio Ortega á Xunta nas sete cidades galegas, as de Santiago e Lugo, de 120 prazas cada unha.
Os centros serán de titularidade pública pero a consellería sacou a súa xestión a concurso e agora a oferta de Fesan vén de resultar a mellor valorada grazas á rebaixa do custo por praza que propuxo, do 11,85% a respecto do prezo de partida fixado pola Xunta. Fronte a ela a Fundación Valdegodos, con varios centros fundamentalmente na provincia de Ourense, presentara unha mellor oferta técnica, mentres que a sevillana Fundación Gerón propuña unha mellor ratio de persoal.
Malia que a Xunta si xestiona directamente con persoal propio outras residencias de titularidade pública, no caso das dúas primeiras doadas por Amancio Ortega o Goberno galego decidiu privatizar a xestión co argumento, tamén empregado noutros centros, de que "non dispón de medios persoais e materiais" pero si ten cartos para subcontratalos. Neste caso Política Social decidiu restrinxir os posibles aspirantes a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro, pero en todo caso privadas e ás que se amosou disposta a conceder un beneficio industrial do 5% dentro dun negocio de máis de 10 millóns de euros en dous anos e coa posibilidade de que subcontraten parte do servizo.
O concurso foi deseñado pola consellería fixando que a mellor oferta económica recibise 40 dos 100 puntos totais posibles, e establecendo un custo máximo por praza e día de 62,40 euros. A oferta finalmente presentada por Fesan foi de 55 euros, unha rebaixa do 11,85% que lle supuxo levar os 40 puntos en xogo nese eido económico, fronte á oferta de 59 euros da Fundación Valdegodos, que lle supuxo 8 puntos, e a proposta da Fundación Gerón que non rebaixou o prezo e polo tanto levou cero puntos.
O custo máximo fixado pola Xunta de 62,40 euros por praza e día foi rebaixado por Fesan a 55 euros, o que resultou determinante fronte á mellor puntuación obtida polas outras candidatas noutros apartados
Nos outros apartados do concurso a Xunta preveu un máximo de 30 puntos para a metodoloxía de intervención coas persoas residentes, eido no que Valdegodos resultou a mellor puntuada, con 28 puntos, fronte a 19,25 de Fesan e 16,25 de Gerón. No apartado dedicado a puntuar a ratio de persoal por residentes, que contemplaba un máximo de 15 puntos, Gerón obtivo 6 mentres que Fesan e Valdegodos obtiveron 3 puntos cada unha.
A Xunta tamén contemplaba un máximo de 10 puntos para valorar as medidas de conciliación que incluísen as ofertas, pero ningunha presentou propostas nese eido, e outros 5 puntos para valorar os plans de formación das entidades, aspecto no que apenas houbo diferenzas, con 4 puntos para Fesan e 3,75 para cada unha das outras dúas ofertas.
Así, grazas á súa rebaixa económica Fesan obtivo finalmente 66,25 puntos fronte a 42,75 de Valdegodos e 26 de Gerón.
A Xunta argumenta que non ten persoal para xestionar os centros, como si fai con outros, e malia que limitou o concurso a entidades sen ánimo de lucro, permitirá que subcontraten parte do servizo
A Fundación de Estudios e Análises (Fesan) conta, segundo o rexistro oficial da Xunta, con pequenas residencias de maiores ou vivendas comunitarias en Santiago, Brión, Ordes e Vilagarcía, aínda que na súa web só dá conta da súa actividade de cursos de formación. Nese eido dos cursos en 2016 o Parlamento chegou a valorar a posibilidade de crear unha comisión de investigación para analizar o destino e xestión dos fondos públicos recibidos por Fesan, pero a iniciativa de BNG e AGE foi rexeitada pola maioría absoluta do PP.
O Consello de Contas sinalara diversas irregularidades nos seus cursos de formación subvencionados pola Xunta, a CIG vinculara a fundación ao Opus Dei e o diario La Opinión revelara as súas relacións cruzadas con outras empresas, xa non fundacións, tamén adxudicatarias da Xunta, así como a súa xénese impulsada polo ex-deputado e ex-alto cargo do PP Jaime Rodríguez-Arana, do que despois a entidade se desvinculou.