Política Social xa reduce a súa conxelada renda de inclusión a "complemento" da axuda estatal

A conselleira de Política Social, Fabiola García, cos altos cargos do seu departamento no Parlamento antes de expor os Orzamentos de 2026 CC-BY-SA Xunta / Mónica Arcay Carro

O Goberno galego admite nos Orzamentos de 2026 que a Risga xa é só "cobertura complementaria" para quen "non accede á renda estatal", incompatible coa galega por mor dunha lei de 2013 cuxa reforma mantén bloqueada

A Renda de Inclusión Social de Galicia, a Risga, é unha axuda para persoas en situación de pobreza que depende da Xunta. A propia Consellería de Política Social defínea como "de subsistencia". Como norma xeral rolda os 470 euros mensuais, que se poden incrementar con complementos ligados a circunstancias como persoas menores ao cargo.

Ata mediados de 2020 a Risga era, alén dalgunhas achegas de concellos, a única renda para persoas sen recursos económicos existente en Galicia. Pero a aprobación do Ingreso Mínimo Vital (IMV) por parte do Goberno de España mudou a situación e a propia Xunta admite que, en realidade, a axuda galega vai ficando reducida a un mero "complemento" do programa estatal, que concentra cada vez máis persoas beneficiarias malia acumular tamén abondosos atrancos e problemas de xestión.

Aínda que o Estado concibiu o IMV para ser compatible con prestacións como a Risga, no caso galego segue sen selo por mor do estipulado na Lei de Inclusión do ano 2013, cuxa reforma o Goberno galego vén mantendo conxelada. Entre as explicacións máis recentes para ese bloqueo o departamento que dirixe Fabiola García sinalou en 2024 que prevía aplicar a reforma cando o Ministerio de Inclusión lle transfira as competencias sobre o IMV.

Política Social 'aforra' uns 20 millóns anuais na Risga, cuxo número de persoas beneficiarias caeu máis dun 30% dende que está en vigor o ingreso estatal, que chega a tres veces máis fogares en Galicia que a prestación da Xunta

O certo é que a incompatibilidade contribúe a un efecto substitución que ten unha clara tradución económica. Dende que o IMV estatal está en marcha Política Social vén aforrando algo máis de 20 millóns de euros anuais na Risga: de 64 millóns de orzamento en 2019 e 2020 a apenas 40,7 en 2024, importe que mantivo sen cambios nas súas contas de 2025 e que reproduce no proxecto de Orzamentos Xerais de 2026, que nestas semanas están a tramitarse no Parlamento.

A documentación do proxecto orzamentario reforza a evidencia de que o papel da Risga na atención á poboación galega en situación de pobreza é cada vez máis residual fronte ao IMV estatal. "A Risga reduciu o seu número de persoas beneficiarias nun 32 % desde o ano 2020, en parte determinada pola irrupción do Ingreso Mínimo Vital como prestación económica de abordaxe das situacións familiares de carencia ou escaseza de recursos económicos, sobre a que mantén un carácter subsidiario", indica a memoria das contas de Política Social para o ano vindeiro.

Neste sentido, sinala que as 4.896 persoas que percibían a Risga no peche de 2024 como poboación que, "por diferentes razóns, non acceden á renda estatal", situacións nas que a achega galega actúa como "cobertura complementaria". Nese ano o Goberno galego calcula que a súa Risga chegou a "preto de 9.000 fogares" mentres que o Ministerio de Inclusión estima que as diferentes modalidades do IMV acadan máis de 32.000 fogares en Galicia.

A Consellería admite á Valedora que, "coa entrada en vigor do IMV" é improbable que unha persoa en situación de pobreza que deixa de cobrar a Risga a volva percibir no futuro

O transvasamento de poboación dende a prestación galega á estatal evidénciao tamén a Consellería en respostas recollidas pola Valedora do Pobo no seu informe anual de 2024, presentado recentemente. Ante queixas de persoas ás que Política Social lles enviou "requirimentos por cobros indebidos" da Risga, a Xunta argumenta que o "procedemento ordinario" é restar o equivalente a esas cantidades cobradas erroneamente nos seguintes pagamentos da propia renda galega.

Pero esa "compensación só cabe ceando se continúe en nómina ou exista unha probabilidade elevada" de que a persoa afectada "poida volver ser beneficiaria da Risga". "E coa entrada en vigor do IMV", entende Política Social, "resulta menos probable que o reintegro de contías indebidas se poida materializar con cargo a futuros dereitos, cando menos nun curto prazo de tempo". É dicir, é improbable que persoas que deixaron de cobrar a prestación da Xunta para recibir a do Estado poidan volver ter a axuda do Goberno galego.

Con este pano de fondo, Política Social inclúe nas súas contas unha significativa previsión. Despois de catro exercicios seguidos calculando que axudaría coa Risga unhas 7.200 persoas por ano, traza unha estimación notablemente máis modesta para 2026: 4.300, cifra moito máis próximas aos datos reais dos últimos anos.

Só un incremento nos fondos para inclusión: fondos da UE e por orde estatal

Todas as partidas de axudas de inclusión social permanecen conxeladas no Orzamento de 2026 agás a da tarxeta de alimentos financiada pola Unión Europea e regulada polo Goberno de España

Os devanditos 40,7 millóns de euros a Risga son a parte máis relevante dun orzamento de axudas de inclusión social que Política Social mantén sen cambios para 2026 cunha única excepción: os 7,3 millóns de euros de fondos europeos que financian un programa de alimentos para persoas en situación de pobreza. Por indicación do Goberno de España seguindo directrices da Unión Europea, este programa canalízase a través dunha tarxeta moedeiro que familias vulnerables poden utilizar en establecementos ordinarios e non, como ata agora, con financiamento de Bancos de Alimentos para a entrega de bolsas de comida.

Alén desta novidade, os fondos para a Risga non experimentan cambios en 2026 e tampouco os 5,4 millóns das axudas complementarias para a poboación que a percibe. O mesmo sucede coas axudas extraordinarias e de inclusión (AIS), que volven contar con 5 millóns de euros. E igualmente conxelado está un ano máis o complemento para as pensión non contributivas, 8 millóns de euros que financian un pagamento único anual equivalente a 18 euros mensuais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.