No verán de 2020, en plena pandemia da COVID e mentres o Goberno de España adiantaba a aprobación do Ingreso Mínimo Vital para procurar paliar as consecuencias económicas da crise sanitaria na poboación en situación de pobreza, a Xunta que aínda presidía Alberto Núñez Feijóo lanzaba a Tarxeta Básica. Tratábase dun cartón prepagamento cargado con entre 150 euros -cando a destinataria era unha única persoa- e 300 euros -para familias de tres ou máis membros- co que era posible mercar alimentos e produtos de hixiene.
O Consello de Ministros aproba o plan de tarxetas moedeiro para que familias vulnerables merquen alimentos, substituíndo o financiamento de Bancos de Alimentos para a entrega de bolsas de comida
A Tarxeta Básica fora presentada pola Xunta como unha medida transitoria por tres meses e enfocada á poboación máis vulnerable que agardaba pola concesión do IMV ou da Renda de Inclusión Social de Galicia. O Goberno galego xestionouna mediante convenios con Cruz Vermella que, ao contrario do anunciado inicialmente, foi prorrogando sucesivamente ata mediados de 2022. Foi daquela cando Alfonso Rueda, xa como presidente, ratificou a súa cancelación porque fora unha "medida excepcional" para "unha situación excepcional que, afortunadamente, xa non hai".
Neste tempo foron múltiples as ocasións nas que BNG e PSdeG, pero tamén múltiples entidades sociais como as agrupadas na Rede Galega contra a Pobreza, reclamaron sen éxito á Xunta repoñer a Tarxeta Básica. Alén de atender as necesidades alimentarias da poboación afectada pola pobreza, explicaban que este programa permitía fuxir do estigma das axudas en especie, permitindo ás familias acudir a tendas de alimentación con normalidade. Rueda, pola súa banda, alegou para manterse na negativa que o Goberno galego tiña en marcha outras liñas de axuda como subvencións a ONG para manter "comedores sociais".
A nova tarxeta, moi semellante á cancelada pola Xunta en 2022, estará dotada con entre 130 e 220 euros mensuais e dende 2025 será de competencia autonómica. "Paliar a pobreza infantil" e "mellorar a nutrición", entre o obxectivos que salienta o ministro Bustinduy
Paradoxalmente, a Xunta terá que acabar retomando a Tarxeta Básica. Ou, en rigor, un programa practicamente idéntico. Vaino ter que facer en virtude do aprobado este 23 de xaneiro de 2024 polo Consello de Ministros. A través do Ministerio de Dereitos Sociais, o Goberno de España vén de dar luz verde ao "programa de asistencia material básica" que, financiado con fondos europeos (concretamente, co tramo estatal do Fondo Social Europeo Plus), se traducirá na entrega de "tarxetas moedeiro ou vales trocables por produtos de alimentación e hixiene", explica o ministro Pablo Bustinduy, na liña do decidido pola UE.
A medida, agrega o ministro, é a clave dun "cambio de modelo". Trátase de procurar que as familias en situación de pobreza e con menores ao cargo "non teñan que ir ás colas da fame" e, no canto de accederen a un "reparto de bolsas" de produtos básicos, poidan "mercar directamente no supermercado", unha vía "menos estigmatizante" que ademais, agrega, permite "acceder a produtos frescos" como peixe, carne ou froita, o cal "non era unha opción" nos programas de paquetes de produtos non perecedoiros dos Bancos de Alimentos.
Sinala Bustinduy que a nova tarxeta básica estará dotada con entre 130 e 220 euros ao mes, "en función dos membros da unidade familiar". Concretamente, para as familias formadas por unha persoa adulta e unha menor precargaranse 130 euros mensuais; serán 190 para familias con tres membros, 190 se son catro e 220 e se son cinco ou máis.
O programa será de competencia estatal só neste 2024. Botará a andar o vindeiro 1 de abril e o 1 de xaneiro de 2025 "asumirán as comunidades autónomas a súa xestión completa". Daquela, o Goberno galego que saia das urnas o vindeiro 18F terá que recuperar a tarxeta básica nun contexto no que, di o ministro, "as comunidades autónomas asumiron o cambio por unanimidade" xa en 2021. Naquela altura, a Xunta continuaba aprobando prórrogas da súa tarxeta.
Serán xa "os servizos sociais autonómicos" os que, de agora en diante, "determinen que familias poden participar" nun programa que, como o desaparecido en Galicia, nace mediante a colaboración coa Cruz Vermella. Esta organización recibirá unha subvención duns 100 millóns de euros aprobada polo Executivo do PSOE e Sumar este 23 de xaneiro para poñer en marcha un plan que, di o ministro, prevé chegar a unhas 70.000 familias e pon no albo "paliar a pobreza infantil", así como "mellorar a nutrición" nos núcleos familiares máis vulnerables socioeconomicamente.