O pacto por Medicina non frea o anhelo dun grao propio: UVigo recúa e segue o plan da UDC

Os tres reitores e os conselleiros de Educación e Sanidade, entre outros, durante o consello de docencia clínica CC-BY-SA Xunta

O documento pactado o pasado luns entre as tres universidades públicas galegas recibiu este xoves o visto e prace do Consello de Docencia Clínica e, xa que logo, da Xunta a través das consellerías de Educación e Sanidade. Ratifícase así o pacto para a descentralización do grao de Medicina en Galicia, que se completará en 2028 e que suporá a creación de senllas unidades docentes en Vigo e na Coruña e a creación dunhas 40 prazas de docentes máis para ambas universidades. 

Os conselleiros de Educación e Sanidade celebran "o consenso acadado arredor dun documento con visión de país"

Os conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participaron esta mañá na reunión do consello onde, segundo indica a Xunta, celebraron "o consenso acadado arredor dun documento con visión de país, que beneficia aos estudantes desta titulación e que abre novas oportunidades para acadar altas cotas de excelencia tanto nas tres universidades públicas como nos hospitais de Santiago, Vigo e A Coruña"

Os reitores das tres universidades galegas e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez CC-BY-SA Xunta

Á espera de que os consellos de goberno de cada universidade avalen o texto, o acordo suporá un punto (só aparte) nunha batalla pola descentralización que promete máis capítulos no futuro. Porque a Universidade da Coruña (UDC) xa deixou claro que a petición dunha facultade propia que ergueu na pasada primavera só queda conxelada: ata 2029 no caso de que se cumpra o pactado ou ata que se incumpra algún dos acordos ou se impulse unha nova titulación, privada pero tamén doutro tipo. 

O texto acordado asume que "a UDC e a UVigo manteñen a aspiración de implantar estudos universitarios de Medicina nas súas institucións"

Así o recoñece, textualmente, o documento ratificado e asinado este xoves, no que se aclara que todas as partes manifestan que "a UDC e a UVigo manteñen a aspiración de implantar estudos universitarios de Medicina nas súas institucións", pero asumen este acordo "como solución de compromiso que permitirá poñer as tres universidades públicas galegas á vangarda da formación e a investigación da Medicina en España". Ademais, aclara que a USC "súmase ao acordo coa vontade de buscar fórmulas que permitan manter a excelencia académica" acadada pola súa facultade "ao longo da historia". 

Xa o pasado luns, o reitor coruñés, Ricardo Cao, ratificara a súa intención de traballar "internamente" na implantación dunha facultade propia,  unha opción que lle parece "a mellor", como insistiu o mércores e pensan tamén a maioría no seu consello de goberno. A Universidade de Vigo enviou o luns á Xunta a declaración de interese para impartir Medicina e retirouna o mesmo día tras confirmarse o acordo. O mércores, o reitor, Manuel Reigosa, recuou para asegurar que seguirían traballando "a nivel interno" por se "houbese que tirar dun plan B". 

A UVigo recúa tras anunciar que renunciaba ao grao propio e segue a folla de ruta da UDC: traballará "a nivel interno" por facultade propia por se fose necesario "un plan B"

Non foi a primeira vez. A UVigo amosou no comezo do debate as súas reticencias a reclamar un título propio para demandalo así que a UDC dobrou a súa aposta. Logo, apostou por un acordo de descentralización ofrecendo retirar as súas intencións para facultade propia, como así fixo, pero só dous días despois decidiu seguir a folla de ruta da Coruña para advertir que traballaría tamén internamente nese grao propio. De feito, anunciou que xa hai unha comisión traballando nesa opción desde outubro tras matizar as palabras do pasado luns. A catedrática África González, unha das coordinadoras deste grupo, xa amosou con claridade a súa aposta por solicitar xa a facultade. 

Acordo para a descentralización de Medicina ratificado no Consello de Docencia Clínica este 20 de novembro

Desde a UDC, Ricardo Cao insiste desde hai tempo en que seguir traballando por unha titulación propia serve como garantía no caso de que se incumpra o acordo ou de que entre unha titulación privada. A propia Xunta recoñeceu interese, aínda que non formal, de varias entidades para impartir Medicina e a universidade privada de Abanca vén de anunciar a novena titulación de Enfermería en Galicia para o vindeiro ano e a futura implantación de Biomedicina. 

O acordo advirte que a demanda de prazas en Medicina "debe ser atendida prioritariamente polas universidades públicas" de Galicia

O texto do acordo, feito público pola Xunta, convértese tamén nunha defensa da universidade pública e das vontades das universidades públicas en Galicia. Así, deixa claro que "a demanda de prazas de novo ingreso no grao en Medicina debe ser atendida prioritariamente polas universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia". E arguméntao en que "estas dispoñen da capacidade académica, técnica e estrutural necesaria para garantir unha formación de calidade e un acceso equitativo".

Así, o pacto acorda que, no caso de que, durante a vixencia do acordo, a Xunta "emita informe favorable ao envío a verificación de solicitudes de implantación do grao en Medicina presentadas por outras entidades", comunicarase "de maneira inmediata" ás universidades para "abrir un prazo extraordinario de dous meses para que a UDC e a UVigo poidan presentar a documentación correspondente", co obxectivo de "autorizar o envío a verificación das súas solicitudes.

O mesmo procedemento aplicarase, ademais, "no suposto de implantación" en Galicia de titulacións de Medicina "promovidas por entidades privadas, nacionais ou estranxeiras, incluídas aquelas que adopten fórmulas de delegación, franquía ou similares". 

O documento aclara que se a Xunta avala a implantación doutro grao de Medicina abrirase un prazo de dous meses para que UDC e UVigo activen os seus

Velaí unha das claves: a ameaza da privada e cuxa chegada poñen na Coruña como condición clave para activar o seu título propio, unha opción que só parece adiada. Desde Vigo, o que era un apoio tépedo ao grao foi medrando ata a marcha atrás do pasado mércores. Por tras, o alcalde vigués, Abel Caballero, e mais a rexedora coruñesa, Inés Rey, insisten na necesidade dunha facultade de Medicina nas súas cidades e sinalan a Xunta polo seu "centralismo compostelán". 

Tras a ratificación do acordo no Consello para a coordinación da docencia clínica, a Xunta indica que todas as partes coincidiron na necesidade de "avanzar na descentralización do grao en Medicina, o de maior número de prazas de nova admisión de Galicia, como a mellor opción para aproveitar todas as capacidades tanto do Sistema Universitario de Galicia como do Sergas á hora de formar aos futuros médicos". 

Tal e como explica o Goberno galego, o calendario do acordo establece a descentralización progresiva da docencia, tanto teórica como práctica, de 4º, 5º e 6º curso do grao en Medicina. Así, ao remate da aplicación do acordo, no curso 2028/29, "os tres últimos cursos do grao en Medicina impartiranse ao completo nas cidades de Santiago, Vigo e A Coruña".

Para a Xunta, o pacto "abre a posibilidade para que calquera dos profesionais dos hospitais  galegos, particularmente os que conten coa acreditación preceptiva para ocupar prazas de profesorado universitario, poida acceder a prazas vinculadas das universidades galegas e así contribuír decisivamente á formación dos profesionais da Medicina". "Favorécese, así mesmo, a participación na docencia desta titulación do profesorado das universidades da Coruña e Vigo relacionado coas áreas de coñecemento propias do grao de Medicina", explica. 

Agora, os reitores agardan que as necesidades de financiamento para novos docentes e para a descentralización cheguen con achegas da Xunta, unha demanda que aínda non foi respondida polo Goberno galego. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.