Galicia, sitio distinto ante a proliferación de facultades de Medicina no Estado

Vista da facultade de Medicina da USC e gráficos e datos da titulación no resto do Estado CC-BY-NC-SA Foto: USC | Montaxe: Praza.gal

Logo de medio ano de discusións, polémicas e posturas opostas, o pacto alcanzado entre a Xunta e os reitores das tres universidades públicas galegas pechou temporalmente o conflito sobre a descentralización do grao de Medicina en Galicia, pero non o debate sobre a conveniencia de ter máis facultades. Ricardo Cao, reitor da UDC e impulsor da demanda de título propio desde o pasado mes de maio, deixou claro que o pacto só adiaba a súa reclamación e sempre a expensas de que se cumprise co acordado, mentres que o seu homólogo en Vigo, Manuel Reigosa, advertiu de que se atrasaba unha posible solicitude. 

Calquera incumprimento do pacto ou o impulso a outro proxecto privado de Medicina reactivaría a implantación de grao propio na Coruña e Vigo. No preacordo, a Xunta comprométese a non dar o visto e prace a ningunha outra proposición ata, como mínimo, o curso 2028-29. Todo malia que Alfonso Rueda recoñeceu este pasado martes que xa houbo "manifestacións de interese" sobre esta titulación e outras por parte de iniciativas privadas, aínda que "ningunha proposta formal". Ao tempo, o anuncio da universidade privada de Abanca de impartir Biomedicina en 2027 ergueu aínda máis as dúbidas sobre un acordo sobre o que os reitores manteñen aínda diferenzas e que segue sen asinar. 

Sexa como for, e no caso de que o acordo se cumpra sen problemas, Galicia quedaría cunha única facultade de Medicina ata, como mínimo, 2029. Ata daquela, serán varias as que se implanten en España, que duplicou o número de graos nas últimas dúas décadas e é o Estado que conta con maior número por habitante. 

Se se cumpre o pacto, Galicia seguirá cunha única facultade ata 2029; nese tempo, abrirán outras en Burgos, León, La Rioja e Teruel e prevense tamén en Mallorca ou Barcelona

En 2026, Castilla y León abrirá dúas facultades de Medicina máis —en Burgos e en León— que se unirán ás xa existentes en Valladolid e Salamanca. Ambas son públicas, como as que se prevén en La Rioja e Teruel para o vindeiro curso. No actual estreáronse dúas máis privadas, a da Universidad San Jorge en Zaragoza e a da CEU Fernando III en Sevilla, e no anterior a da Nebrija en Madrid, mentres que a primeira promoción do grao da Universidad de Huelva (de titularidade pública) vén de comezar o seu segundo curso. 

En Mallorca prevense dúas máis privadas nos vindeiros anos, mentres que en Terrassa (Barcelona), a Universitat Politécnica de Catalunya aprazou un tempo o proxecto xa anunciado para un novo grao público. 

No que afecta a Galicia, o debate ten dúas posicións claras e hai datos que poden avalar calquera das dúas posturas: a proliferación de facultades de Medicina en España é moi elevada, con arredor de 60 e subindo. Superaría por moito as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS) á que aluden os colexios médicos, de 0,5 facultades por cada millón de habitantes. 

A proliferación de graos de Medicina en España é moi elevada e a cifra supera por moito a recomendación da OMS

Pero o caso galego é tamén único e unha excepción no Estado, ao ter unha soa facultade para unha poboación que se aproxima aos tres millóns de habitantes e con tres grandes hospitais e, tamén, porque hai un lote de cidades e provincias moito máis pequenas con grao propio, así como diversas autonomías moito menos habitadas co mesmo ou maior número de graos. 

Ademais, a facultade de Medicina da USC é a que conta cun maior número de alumnado nun único grao (403 prazas este ano), unha cifra á que só se achegan os da Universitat Autònoma de Barcelona (385) ou o da Universidad de Sevilla (352). Cada curso, rexístrase en Galicia perto de 4.000 solicitudes para entrar na titulación de Santiago, entre oito e dez solicitantes por praza. 

O argumento da proliferación de títulos de Medicina en todas as comunidades autónomas é adoito utilizado polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, para opoñerse á preferencia da Xunta ou da USC por unha única facultade en Galicia. 

A facultade da USC é a que conta con máis alumnado no Estado, onde só cinco autonomías —todas moito menos poboadas que Galicia—contan cunha única titulación

"Por que di Rueda que o mellor que lle pode pasar a Galicia é manter unha única facultade con docencia descentralizada? E por que é o mellor? Ou sexa, que en Catalunya equivocáronse porque hai moitas, en Madrid equivocáronse porque hai moitas, en Valencia equivocáronse porque hai moitas, en Andalucía equivocáronse... En todas partes se equivocaron agás en Galicia", dixo Caballero nunha das súas últimas declaracións sobre a polémica. 

Tamén lembrou que Vigo é a maior cidade de España sen facultade de Medicina e cifrou en 26 as "máis pequenas" que si a teñen. 

Facultade de Medicina da USC en Santiago CC-BY-SA USC

Os datos indican que, na actualidade, só catro comunidades autónomas, ademais de Galicia, contan cunha única facultade de Medicina (Asturias, Extremadura, Cantabria e Illes Balears), todas elas cunha poboación notablemente inferior á do país, ningunha por riba dos 1,25 millóns. La Rioja, a única autonomía que non tiña a titulación, vaina inaugurar o vindeiro curso, mentres que nas Illes Balears prevense dúas máis (privadas) en poucos anos.

Castilla y León sumará o vindeiro ano catro facultades de Medicina de universidades públicas; en Andalucía hai unha en cada capital provincial e Catalunya conta con seis

Castilla y León, con 2,4 millóns de habitantes, contará con catro facultades públicas de Medicina para o vindeiro curso, sumando máis de 150 prazas ás 466 existentes na actualidade. Son dúas facultades máis que en Castilla-La Mancha, que ten en dous graos practicamente a metade de prazas que na USC. Euskadi e Navarra contan con cadansúas dúas titulacións (unha privada e unha pública), ao igual que Aragón. 

No lado posto, Andalucía ten oito facultades en cada unha das súas capitais provinciais e case 1.400 prazas, ademais doutras alternativas privadas. Catalunya consta de seis facultades públicas con máis de 1.100 prazas, ademais de tres graos de iniciativa privada. 

Só en tres comunidades o número de facultades privadas supera o das públicas: Murcia, Comunitat Valenciana e Madrid. A autonomía presidida por Isabel Díaz Ayuso é, ademais, a única onde hai máis prazas privadas que públicas en Medicina: o dobre.

Por cidades, son moitas as que contan con facultade de Medicina malia non seren grandes urbes, como o caso de Girona, Reus, Lleida ou Ciudad Real. 

En total, no conxunto de España para este curso 2025-26 hai algo máis de 10.000 prazas para o estudo do grao universitario de Medicina en diferentes universidades, das que 6.800 eran públicas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.