Ante unha queixa por esperas de máis de 14 días na atención primaria no Grove o valedor estatal advirte dos efectos na saúde laboral dos profesionais sanitarios "e ata na seguridade do paciente"
As queixas sobre a sanidade pública, nomeadamente polas demoras para recibir atención médica, veñen sendo a principal área de actuación da Valedora do Pobo. E agora tamén o Defensor del Pueblo estatal vén de entrar a analizar esa cuestión tras recibir unha queixa sobre demoras no centro de saúde do Grove, onde certifica que as esperas son de máis de 14 días para a gran maioría dos profesionais tanto de medicina como de enfermaría. Un expediente no que o Defensor del Pueblo advirte ao Sergas dos riscos que supón suplir ausencias de profesionais con máis carga de traballo para os compañeiros en lugar de con novas contratacións e que se engade ao recente informe do Consello de Contas que confirma todo tipo de eivas na atención primaria.
A resolución que vén de facer pública o Defensor del Pueblo analiza unha queixa sobre demoras na atención no centro de saúde do Grove. O valedor estatal pediu explicacións ao Sergas e o informe que este lle enviou salienta "o aumento que experimenta a poboación atendida" nesa vila turística "durante un período amplo do ano", entre maio e setembro. O informe revela, segundo reflicte o Defensor, que as consultas tanto de medicina de familia como de enfermaría teñen "unha lista de espera superior aos 14 días no 92,9 por cento das axendas".
Ese informe do Sergas, segundo reflicte a resolución do Defensor del Pueblo, salienta "a posibilidade, ofrecida aos profesionais, de realizar prolongacións voluntarias das súas xornadas para atender a sobrecarga do seu cupo e para facer substitucións ante ausencias dos compañeiros". Ante esa medida, o Defensor sinala ao Sergas que "suplir as ausencias dos profesionais, de maneira preferente, a partir da aplicación dun complemento á prestación de servizos de aqueles que se fan cargo das tarefas de compañeiros ausentes non substituídos por persoal temporal, pode supoñer un aumento da carga de traballo".
"A presión asistencial elevada xera aos profesionais unha tensión excesiva ao ter que realizar esforzos que van máis alá do razoable, con eventual incidencia na súa saúde laboral e ata na seguridade do paciente"
O Defensor del Pueblo lembra ao Sergas que "a presión asistencial elevada xera aos profesionais unha tensión excesiva ao ter que realizar esforzos que van máis alá do razoable, con eventual incidencia na súa saúde laboral e ata na seguridade do paciente, e propicia, entre outros factores, o abandono progresivo de actividades non asistenciais propias da atención primaria como a investigación ou a formación continuada, nun contexto de renovación ininterrompida da información médica no eido da prescrición, o que pode condicionar a capacidade resolutiva de dita atención e impactar de maneira desfavorable na satisfacción dos usuarios".
Canto ás demoras na atención, a resolución salienta que "o atraso dunha consulta podería condicionar o prognóstico dalgunhas enfermidades, mentres que é posible evitar a progresión e secuelas daquelas coa súa realización no momento oportuno" polo que "a redución da lista de espera é un elemento de garantía de equidade e un indicador de calidade das prestacións sanitarias". Por iso, o Defensor del Pueblo conclúe recomendando ao Sergas que reforce a dotación de medicina de familia nos períodos de maior presión asistencial para reducir a demora".