A sanidade é a área con máis asuntos de queixa á Valedora, con máis dun milleiro, ao redor de un de cada catro. As reclamacións máis habituais foron motivadas polas elevadas listas de espera e pola falta de pediatras, sobre todo nas zonas rurais
Sanidade e dependencia volven encabezar, un ano máis, as queixas presentadas pola cidadanía á Valedora do Pobo, que este venres entregou ao presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, o Informe da institución correspondente ao ano 2024. O documento amosa un novo incremento no número de queixas presentadas, que acadan un novo récord, con 4.155 asuntos, unha cifra que supón un aumento do 11% en relación ao exercicio anterior.
A Valedora, María Dolores Fernández Galiño, destacou en rolda de prensa que o obxectivo da institución é situar "sempre no centro os dereitos das persoas, especialmente os das máis vulnerables", buscando “non deixar ninguén atrás”, como salienta no propio informe, citando a mensaxe da Axenda 2030.
En total, o número de actuacións ascender a case 25 mil e o número total de expedientes, que equivale á cifra total de reclamantes, superou os 16 mil (16.562), cun 94% de queixas admitidas e un 75% concluídas.
A Valedora, María Dolores Fernández Galiño, destacou que o obxectivo da institución é situar "sempre no centro os dereitos das persoas, especialmente os das máis vulnerables", buscando “non deixar ninguén atrás”
Unhas dous mil queixas tiveron relación con actuacións da Xunta ou con áreas da súa competencia. Algo máis de mil atinxían a concellos, encabezados pol Coruña (63), Santiago (62) e Vigo (59), e 41 ás deputacións provinciais. Unhas queixas, ademais, que nun 60% dos casos foron presentadas por mulleres e que foron redactadas en galego nun 80%, segundo salientou a Valedora.
A Valedora tramitou, ademais, 47 queixas de oficio, relacionadas sobre todo con inclusión social e medio ambiente. "Quen máis están nas marxes son tamén quen máis precisan da igualdade", destácase no informe, que engade: "Tomalos en conta orienta a loita pola igualdade cara ás persoas e colectivos con maior necesidade de igualdade".
Como vén sendo habitual nos últimos anos, a sanidade é a área con máis asuntos de queixa á Valedora, con máis dun milleiro, ao redor de un de cada catro. As reclamacións máis habituais foron motivadas polas elevadas listas de espera e pola falta de pediatras, sobre todo nas zonas rurais. Inclusión social (530 asuntos), Educación (299), Emprego (292) ou Medio Ambiente (258) suman tamén un gran número de reclamacións.
A Valedora tramitou, ademais, 47 queixas de oficio, relacionadas sobre todo con inclusión social e medio ambiente. "Quen máis están nas marxes son tamén quen máis precisan da igualdade", destácase no informe
Na súa comparecencia ante os medios, a Valedora instou á Xunta a axilizar o recoñecemento da dependencia e da discapacidade para garantir o acceso a esa atención, un dos principais motivos de reclamación. Neste senso, Fernández Galiño fixo fincapé na alerta provocada polo uso de suxeicións ou contencións en residencias e sinalou que "calquera restrición de liberdade debe ser excepcional e contar con autorización ou control xudicial".
En Educación unha parte importante das queixas viñeron motivadas polo incumprimento dos ratios establecidos ou polo malestar provocado polas eivas das iniciativas de ensino dixital. O informe tamén pon o foco no acoso escolar e a Valedora sinalou a "necesidade de formar a comunidade educativa para reforzar a prevención, detección e reacción ante os casos de acoso".
Hai algunhas queixas colectivas, que computan como un único asunto, pero que elevan o número de expedientes. Así, atopamos 8.500 queixas recibidas reclamando melloras sanitarias no Carballiño. Tamén 950 queixas en Sada por mor da modificación da liña de autobús Sada-Mera-A Coruña
Os problemas detectados pola cidadanía en sanidade, dependencia e educacións trasládanse ás áreas da Xunta que foron obxecto de máis queixas. A relación, como vén sendo habitual, está encabezada pola Consellaría de Sanidade, con máis de mil asuntos, por riba das cifras de anos anteriores. A Consellaría de Política Social, con 386, acumula tamén un gran número de motivos de queixa, cunha cifra en ascenso. De igual xeito, a Consellaría de Educación suma 255 asuntos, só superados polas cifras que presentara no informe do ano 2021.
Entre as reclamacións presentadas hai algunhas queixas colectivas, que computan como un único asunto, pero que elevan o número de expedientes. Así, atopamos 8.500 queixas recibidas reclamando melloras sanitarias no Carballiño, impulsadas pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca do Carballiño. Tamén 950 queixas en Sada por mor da modificación da liña de autobús Sada-Mera-A Coruña a cargo da Dirección Xeral de Mobilidade. E 338 en Tordoia pola falta de profesorado de apoio nun colexio.
Sanidade, dependencia e educación
No ano 2024 continuaron as dificultades para cubrir os postos do persoal sanitario no caso de vacantes ou ausencias en períodos vacacionais, especialmente na zona rural
O informe dedica un amplo capítulo ás queixas presentadas no ámbito sanitario, no que se detalla un gran número de problemáticas relacionadas coas listas de espera, coas derivacións de pacientes a centros sanitarios privados con concerto e tamén coa falta de profesionais nos centros de saúde, especialmente pediatras.
A Valedora destaca que no ano 2024 continuaron as dificultades para cubrir os postos do persoal sanitario no caso de vacantes ou ausencias en períodos vacacionais, especialmente na zona rural, polo que trasladou á administración sanitaria diversas valoracións que inciden sobre esta problemática.
A Valedora pide que se adopten as medidas precisas para corrixir os atrasos nas valoracións de discapacidade e que se resolvan as valoracións pendentes co prazo vencido
En materia de inclusión, unha das queixas máis habituais refírese aos atrasos nas valoracións de discapacidade, situacións que deron lugar a actuacións de oficio e recomendacións: que se adopten as medidas precisas para corrixir os atrasos, posto que prexudican ás persoas afectadas ao demorar o acceso aos eventuais beneficios; e que se resolvan as valoracións pendentes co prazo vencido.
En canto ao uso de suxeicións e aos ingresos involuntarios en centros residenciais, a Valedora salienta que "a restrición de calquera liberdade de movementos esixe unha autorización xudicial e non debería bastar un informe médico". "As prácticas inadecuadas fan que teñamos a taxa de aplicación de contencións máis alta dos países occidentais, moi por riba dos países da nosa contorna, nos que só se aplican de forma excepcional", engade.
En Educación, unha parte importante das queixas tiñan que ver coa falta de profesorado especialista, sobre todo persoal de apoio en audición e linguaxe e pedagoxía terapéutica
En Educación, unha parte importante das queixas tiñan que ver coa falta de profesorado especialista, sobre todo persoal de apoio en audición e linguaxe e pedagoxía terapéutica, e a necesidade de desdobre de grupos de infantil e primaria cando se ven superadas as ratios fixadas.
No momento de peche deste informe, continúan en trámite numerosos expedientes de queixa sobre este asunto en centros educativos da Costa da Morte, no CEIP Bergantiños, de Carballo, no CEIP Sobreira Valadares, no CEIP Igrexa Candeán, en Vigo, ou no CEIP Castro de Ouro, en Alfoz, entre outros.