Rueda non explica por que reforma a Medalla de Galicia e quita á Valedora o control da Lei de Transparencia

Rueda co director xeral de Comunicación da Xunta, Jorge Pan, no Consello deste luns CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O presidente escúdase na "operatividade", que non argumenta, para acelerar conxuntamente cos Orzamentos dúas modificacións legais que nada teñen que ver coas contas públicas 

O presidente da Xunta poderá outorgar a Medalla de Galicia de xeito aínda máis discrecional e a supervisión da Lei de Transparencia pasará da Valedora do Pobo, favorecedora da mesma, ao Consello Consultivo, máis controlado polo Goberno galego. Esas dúas medidas están a ser tramitadas pola Xunta de xeito acelerado a través da lei de acompañamento dos Orzamentos para o vindeiro ano malia que nada teñen que coas contas públicas. Unhas mudanzas que o Goberno galego non motiva máis alá de nunha suposta maior "operatividade", en palabras do presidente Rueda, que non detalla en que consiste.

Resposta oficial da Xunta a unha petición formal de transparencia sobre o expediente administrativo da Medalla de Galicia á princesa Leonor CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Por unha banda, e como avanzou Praza.gal, a Xunta vai trasladar ao Consello Consultivo a Comisión da Transparencia de Galicia, que ata agora dependía da Valedora do Pobo e que viña tomando decisións favorecedoras para a cidadanía fronte as administracións. Ao contrario que fai con outras moitas mudanzas legais, a lei de acompañamento nada di, na súa exposición de motivos, de por que se toma esta medida. E ningunha explicación foi quen de dar este luns o presidente Rueda. 

Preguntado expresamente este luns por esa falta de motivación na mudanza legal, o presidente limitouse a esgrimir "razóns de operatividade respectando en todo caso as garantías do ordenamento xurídico". Non afondou nesas razóns nin deu detalles máis alá de insistir en que a mudanza garante "a plena observancia do ordenamento e un funcionamento axeitado" da Comisión da Transparencia. 

Tamén este luns Rueda foi preguntado pola mudanza do regulamento das Medallas de Galicia, que malia seren discrecionais esixían ata agora a tramitación dun expediente administrativo previo de ponderación dos méritos das persoas galardoadas. Un expediente que non existiu no caso da medalla outorgada este ano á princesa Leonor, como admitiu a Xunta en resposta a unha petición oficial de transparencia formulada por Praza.gal.

Rueda di das mudanzas en Transparencia que "respectan as garantías do ordenamento xurídico" e na Medalla de Galicia que non teñen que ver coa que outorgou á princesa Leonor sen ponderar os seus méritos

Agora, coa reforma legal que impulsa a Xunta, xa non serán necesarios expedientes de valoración de méritos cando a proposta das medallas parta do propio presidente da Xunta. Sobre esta cuestión, e preguntado tamén pola posibilidade de que a medalla á princesa Leonor poida ser anulada pola xustiza por carecer da tramitación preceptiva, Rueda tamén eludiu dar explicacións. Toda a súa resposta sobre a cuestión foi que "a concesión das medallas ten unha parte importante de valoración, máis alá de criterios xurídicos que non poden ser ignorados, pero entendo que non é o fundamental, entendemos máis axeitado este mecanismo [a reforma legal], que non ten relación con ningunha decisión concreta que tomáramos no pasado". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.