A Comisión da Transparencia non pode obrigar nin sancionar o Goberno galego por non atender as súas decisións porque a propia Xunta non desenvolveu cun regulamento a norma aprobada hai seis anos
A mediados de marzo de 2016, hai agora seis anos, entraba en vigor a Lei de transparencia e bo goberno de Galicia. Seis anos despois varias das súas disposicións, en particular as referidas ao dereito da cidadanía a acceder a documentos en poder da administración, nunca foron desenvolvidas a través dun regulamento ou decreto, o que limita a súa aplicación. Iso fai, por exemplo, que a Valedora do Pobo, responsable da Comisión da Transparencia de Galicia, entidade encargada de velar porque a Xunta ou outras administracións galegas cumpran coa lei, non teña medios de impoñer as súas resolucións.
“A administración afectada ten a obriga de cumprir” as decisións da Comisión da Transparencia, vén dicindo este organismo en sucesivas resolucións ás que tivo acceso Praza.gal. Pero nelas engade que “sen embargo” a Lei de transparencia galega “carece dunha regulación fronte as consecuencias desfavorables derivadas dos incumprimentos da normativa ou da falta de execución das resolucións emitidas”. Isto é, que se a Xunta non as cumpre e, por exemplo, se nega a entregar ao cidadán unha información que a Valedora considera que debe facilitar, non pasa nada.
A lei de transparencia foi anunciada por Feijóo en 2015 tras saír á luz varios casos de corrupción e asegurou que sería "das máis avanzadas de Europa"
A Lei de transparencia de Galicia chegou máis de dous anos despois da lei estatal de finais de 2013 e foi anunciada por Feijóo un ano antes da súa entrada en vigor, nunha comparecencia no parlamento en xaneiro de 2015. Era unha das varias “medidas de impulso democrático” coas que o popular tentaba recuperar daquela a iniciativa política no seu segundo mandato tras destapar a xustiza a finais de 2014 unha nova trama de presunta corrupción, o caso Zeta, que tivo entre os seus investigados a un amigo persoal, Pachi Lucas.
A operación Zeta chegaba despois de que en 2013 El País revelase tanto a súa antiga amizade con Marcial Dorado como os papeis de Barcenas e ao tempo que o caso Campeón que afectara inicialmente a varias administracións estaba a centrarse no Intituto Galego de Promoción Ecoómica (Igape), da Xunta, cuxos máximos responsables serían os únicos cargos públicos condenados.
Neste contexto Feijóo asegurou que a lei de transparencia galega sería “das máis avanzadas de Europa”. Pero un ano máis tarde o texto definitivo, no que ten que ver co acceso á información pública, limitouse a replicar o fundamental da lei de estatal con máis de dous anos de atraso.
A lei permite á cidadanía pedir á administración calquera información que estea no seu poder. Se a administración non contesta (o silencio administrativo é a resposta a entre o 3% e o 5% das peticións de transparencia que tramita a Xunta cada ano, unha trintena das arredor de 700 que recibe anualmente) ou se nega, para o que ten que argumentar algunha das excepcións previstas pola lei, pódese recorrer á Comisión da Transparencia de Galicia, competencia da Valedora do Pobo. Pero se esta decide que o cidadán ten razón e que a administración ten que facilitar a información solicitada, non ten xeito de obrigala a facelo.
Ante a negativa da Xunta a atender as peticións da Valedora ao cidadán só lle quedaría recorrer á xustiza ordinaria, coa demora e custo que supón
Tanto en peticións de transparencia formuladas por Praza.gal como noutras de cidadáns particulares ás que tivo acceso este diario é frecuente que, tras unha resolución expresa da Comisión da Transparencia pedindo á Xunta que entregue a documentación solicitada ou mesmo que simplemente conteste á petición aínda que sexa para argumentar a súa negativa, a resposta sexa o silencio. Ante esa situación a resposta que a Comisión da Transparencia dá ao afectado é que a lei “carece dunha regulación” para eses casos.
Nalgunha resolución consultada por este diario a porta que abre a Comisión da Transparencia é que o cidadán afectado presente unha queixa ante a Valedora do Pobo como tal, non como comisaria da transparencia, como se fose unha queixa por demoras na sanidade ou falta de resposta da Xunta ante calquera outro trámite. “Sería posible dentro das competencias do Valedor do Pobo analizar o funcionamento do suxeito titular da información”, di esa institución. Pero iso significa iniciar outro procedemento distinto cunha demora de meses ao remate do cal a Xunta segue sen estar obrigada a atender a petición que lle faga a Valedora.
A outra solución que quedaría sería a de presentar un recurso xudicial na vía contencioso-administrativa, con prazos aínda máis longos e custo económico.
Esa vía xudicial é na que rematan tamén as decisións da Xunta de facilitar a información que se lle pide cando hai un terceiro implicado, xeralmente empresas, que non están de acordo. Se esa terceira parte que se considera afectada pola información que a Xunta acepta divulgar recorre esa decisión ante a xustiza, o cidadán vese defendido no proceso pola propia Xunta, non pola Comisión da Transparencia ou unha terceira entidade independente. Isto é, pode ser que a Xunta inicialmente non quixese divulgar a información, a Valedora lle diga que si o debe facer e que ante un recurso xudicial dun terceiro sexa a propia Xunta a que defenda ante o xulgado esa divulgación fronte ao seu desexo inicial de non facelo.