Os servizos informáticos néganse a explicarlle á Comisión da Transparencia por que non fan pública a súa análise do que ocorreu para que un aviso xudicial non fose atendido e supuxese a perda dun preito por sobrecustos na Cidade da Cultura
En xaneiro de 2020 a Xunta acusou recibo pero non contestou a un aviso xudicial dun preito por sobrecustos nas obras da Cidade da Cultura. Ela mesma estimou en 293.000 euros o “grave dano ao erario” que lle supuxo perder o preito por esa omisión e explicou que tras recibir o aviso este foi arquivado por erro “como spam”, argumento que a Audiencia da Coruña desestimou salientando que estaba nas súas propias mans configurar mellor os seus sistemas informáticos ou dar instrucións aos destinatarios das mensaxes para examinar a carpeta de spam.
O ocorrido foi revelado por Praza.gal o pasado 24 de outubro. Este diario pediu explicacións a varios departamentos de comunicación da Xunta sen obter ningunha resposta e ante ese silencio formulouse unha solicitude ao amparo de Lei de Transparencia para ter acceso a un informe no que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) analizou os feitos. A Xunta non contestou a esa petición oficial de transparencia no prazo fixado por lei e a Valedora do Pobo, responsable da Comisión de Transparencia de Galicia, pediulle explicacións. Pero a Amtega mantívose en silencio e tampouco contestou, así que agora a Comisión da Transparencia vén de emitir unha resolución na que urxe á Xunta a que responda en cuestión de días á petición formulada para ter acceso a ese informe sobre o que ocorreu co spam.
Segundo a Audiencia da Coruña, a Xunta alegou que a comunicación do xulgado “chegou ao denominado Sistema de Seguimento de Preitos, pero non á conta de correo electrónico corporativo da letrada encargada nese momento do procedemento, que non recoñeceu a comunicación e a arquivou directamente como spam”. Unhas alegacións que acompañou dun “informe emitido polo Xerente de Amtega” que a Audiencia da Coruña desestimou por considerar que era responsabilidade da Xunta configurar mellor os seus sistemas informáticos e procedementos internos.
Praza.gal solicitou acceso a ese informe da Amtega salientando na petición que a resolución da Audiencia da Coruña do pasado 15 de xuño que puña fin ao preito non era recorrible, polo que non podía alegarse para non facilitar o documento a excepción prevista na Lei de Transparencia cando hai procedementos xudiciais en marcha. Porén, a Xunta nin contestou a esa solicitude nin á petición de explicacións que lle formulou o 20 de decembro a Valedora do Pobo tras un recurso de este diario.
A Valedora lembra á Amtega "a súa obriga de remitir os informes que se lle requiran" e que "o incumprimento reiterado da obriga de resolver en prazo ten a consideración de infracción grave"
Agora, un mes despois, a resolución da Comisión da Transparencia que xestiona a Valedora do Pobo deixa constancia dos incumprimentos da Lei de Transparencia por parte da Xunta. “Pola Comisión da Transparencia solicitouse á Axencia a aportación do seu criterio mediante a remisión de informe e copia do expediente que non se recibiu, o que obriga a continuar a tramitación do expediente sen os seus argumentos”, di a resolución, que engade que “a información solicitada debe considerarse que é información pública por tratarse dun documento elaborado pola Axencia no exercicio das súas funcións, polo que dada a falta de alegacións en contra por parte da administración, en beneficio do interese público, debe aportarse a información pedida”. Do contrario, a Xunta debe argumentar as excepcións legais nas que se ampara para non facelo.
A resolución conclúe estimando a reclamación presentada por Praza.gal contra o silencio administrativo da Xunta e insta á Amtega a responder á petición de información nun prazo máximo de 10 días hábiles e a enviarlle en 15 días á Comisión da Transparencia copia do envío desa información para poder supervisar que así o fixo.
A Comisión da Transparencia tamén lembra á Amtega “a súa obriga de remitir a esta Comisión os informes que se lle requiran, para o correcto cumprimento das súas funcións en materia de transparencia” así como que de acordo coa lei estatal de transparencia “o incumprimento reiterado da obriga de resolver en prazo ten a consideración de infracción grave”.