O Tribunal Supremo condena á Xunta a pagar 3 millóns de sobrecustos na Cidade da Cultura: o proxecto "carecía de definición"

Museo da Cidade da Cultura e fragmento da sentenza do Tribunal Supremo CC-BY-SA Praza Pública

O Goberno galego xa daba por perdidos os cartos e agora o alto tribunal censúralle que nin sequera recorreu correctamente a sentenza previa que considerou que o Museo do Gaiás tiña “erros” e “non estaba suficientemente desenvolvido”

O Tribunal Supremo vén de condenar á Xunta a pagar algo máis de 3 millóns de euros de sobrecustos á construtora do Museo da Cidade da Cultura. O alto tribunal ratifica e fai firme unha sentenza previa da Audiencia Provincial da Coruña que en 2017 considerou que o proxecto construtivo do edificio tiña “erros”, “carecía da necesaria definición” e “non estaba suficientemente desenvolvido”, eivas que tivo que asumir a construtora, FCC, cuantificadas pola xustiza en 2,5 millóns máis outro medio millón polos xuros de demora. 

Aquela sentenza de 2017 foi recorrida pola Xunta ante o Tribunal Supremo, que agora se pronuncia facéndoa firme, pero a propia auditora da Cidade da Cultura xa consideraba na análise das contas daquel ano como “probable” a “desestimación” do recurso do Goberno galego e daba por perdidos os algo máis de 3 millóns. Agora, o Supremo non só ratifica aquela sentenza previa senón que inadmite o recurso da Xunta censurándolle que o formulou de xeito incorrecto porque en vez de rebater a argumentación que levou á Audiencia da Coruña a condenala intentou que se modificasen os feitos probados. 

Fragmento da sentenza do Tribunal Supremo sobre os sobrecustos no Museo da Cidade da Cultura CC-BY-SA Praza Pública

A sentenza súmase aos sobrecustos detectados no seu momento polo Consello de Contas nun complexo que xa leva consumidos máis de 300 millóns, o triplo do previsto inicialmente

Se a Xunta xa daba por perdidos os cartos antes de concluírse o recurso ante o Supremo, agora o alto tribunal engádelle tamén a condena a asumir as custas procesuais. Un proceso que ratifica xudicialmente algúns dos sobrecustos e indefinicións que xa detectara o Consello de Contas cando analizou o avance do proxecto do monte Gaiás en 2004, apenas tres anos despois de iniciarse as primeiras obras. Un informe divulgado en 2007 no que o ente fiscalizador censurou que o Goberno de Fraga “abdicara das súas responsabilidades na xestión prudente e planificada dos fondos públicos” cando proxectou un complexo cultural no monte Gaiás por algo máis de cen millóns de euros nos que hoxe a Xunta xa leva gastados máis de 300.

O Museo de Galicia foi adxudicado en 2004 por 48 millóns a FCC e entregado, tras tres modificados, en 2012, pero a empresa recorreu á xustiza e logrou outros 1,8 millóns na liquidación final da obra e agora outros 3 millóns por sobrecustos

O Museo de Galicia, un dos seis edificios proxectados pola Xunta de Fraga para a Cidade da Cultura, dos que dous quedaron a medio executar, foi adxudicado en 2004 por 48 millóns de euros á construtora FCC, daquela controlada polas Koplowitz e agora por Carlos Slim. A obra entregouna en 2012, logo de tres modificados, e iniciou unha negociación coa Fundación Cidade da Cultura para a determinación da liquidación final do contrato. As discrepancias levárona a presentar un recurso e en maio de 2016 un xulgado de primeira instancia de Santiago estableceu que a Xunta debía pagarlle 1,8 millóns como liquidación final dos traballos, por axustes en prezos e conceptos variables, pero non atendeu outra reclamación por sobrecustos. A empresa recorreu á Audiencia da Coruña e esta emitiu sentenza en 2017 dándolle a razón tamén nesa segunda cuestión, que agora avala e fai firme o Supremo. 

En concreto, a Fundación Cidade da Cultura, dependente da Xunta, deberá pagar a FCC sobrecustos por varios conceptos: 679.447,889 euros por unha estrutura metálica, 511.675 euros pola fachada de vidro ou muro cortina do edificio, 885.999 euros polas “recontratacións nas instalacións”, 206.060,43 euros pola “recontratación da colocación de pedra en fachadas e cuberta” e 261.640 euros por “traballos de desenvolvemento asumidos polo contratista”. Uns sobrecustos debidos, segundo a xustiza, a “que o proxecto carecía da necesaria definición, que non estaba suficientemente desenvolvido e esta función foina asumindo FCC”. A xustiza tamén considera “evidentes” as “deficiencias e erros do proxecto de execución”.

Vista do Gaiás, cos diversos usos que a Xunta asignou aos edificios dende o inicio do proxecto CC-BY-SA Praza.gal sobre imaxe tirada de Google Maps

A "única causa" dun sobrecusto de 200.000 euros na colocación das pedras da fachada foi a "falta de subministro", que correspondía a unha empresa dun alcalde do PP

No caso do sobrecusto pola colocación da pedra na fachada e na cuberta, a Audiencia estableceu no seu momento que “se produciron atrasos non imputables á construtora, toda vez que a súa única causa foi a falta de subministro de pedra, sendo esa unha obriga que competía á Fundación”. Esa falta de subministro debeuse á incapacidade da canteira elixida pola Xunta, propiedade do daquela alcalde do PP en Ortigueira, Antonio Campo Fernández, que en 2017 entrou en concurso.

O Consello de Contas estableceu xa en 2007 que a Xunta de Fraga “abdicara das súas responsabilidades na xestión prudente e planificada dos fondos públicos”

Os sobrecustos agora sentenciados en firme polo Supremo no caso do Museo de Galicia son só unha pequena parte do progresivo incremento do custo total do complexo do monte Gaiás ideado por Fraga hai dúas décadas e que xa leva consumidos máis de 300 millóns de euros, o triplo do previsto inicialmente, cifra que aínda vai seguir aumentando.

En 2007 o Consello de Contas, o ente independente fiscalizador das contas públicas, facía público un duro informe referente á situación do proxecto tres anos antes, cando só levaba tres anos en obras. Para daquela xa detectara desviacións de prazos de máis de media década e sobrecustos medios do 200%, que nalgunha área chegaban ao 500%. Foi nese informe no que o Consello de Contas considerou que a Administración de Fraga “abdicara das súas responsabilidades na xestión prudente e planificada dos fondos públicos”.

Feijóo, nun acto do PP no interior do Museo da Cidade da Cultura Dominio Público Novas Xeracións

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.