A Xunta prevé gastar outros 27 millóns só en obras no Gaiás ata 2021

Investimentos previstos ata 2021 na Cidade da Cultura CC-BY-SA Praza Pública

A promesa de Feijóo de 2013 de paralizar os traballos só afectou aos dous edificios previstos inicialmente que daquela estaban apenas iniciados, pero un deles retomouse como oficinas por 17 millóns e hai outras actuacions xa planificadas no resto do recinto por outros 10 millóns

A comezos de 2013, con catro dos seis edificios proxectados na Cidade da Cultura xa rematados, e tras unha petición do BNG, o PP apoiaba no Parlamento, ao tempo que o anunciaba o propio Feijóo, que a Xunta non seguise construíndo os dous edificios pendentes. Porén, esa promesa feita propia polo presidente non impediu que o Goberno galego retomase a construción dun deses edificios transformándoo en oficinas para as universidades galegas cun custo doutros 17 millóns de euros. Entre ese denominado Edificio Fontán e outras actuacións pendentes no resto do complexo, a Xunta prevé gastar ata 2021 só en obras no monte Gaiás outros 27 millóns de euros, que se sumarán aos máis de 300 que xa custou ata agora a construción dun proxecto cuxo primeiro paso administrativo, o concurso de ideas para o seu deseño, foi lanzado pola Xunta de Fraga hai agora 20 anos.

O acordo parlamentario de 2013 para paralizar as obras no monte Gaiás era moi concreto: “O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a iniciar de inmediato os trámites necesarios para proceder á paralización definitiva dos dous edificios pendentes de construír na Cidade da Cultura”. Eses edificios eran un centro internacional de arte, que non pasara da escavación para os seus cimentos, e o teatro, do que xa se levantaran varias estruturas. 

Pero nada dicía aquel acordo de continuar con outro tipo de obras no monte Gaiás, así que en maio do pasado ano Feijóo anunciou que aproveitaría as estruturas xa construídas do teatro para levantar alí un novo edificio de oficinas para as universidades galegas por 17 millóns de euros e que xa comezou a ser financiado con cartos previamente destinados a I+D. A cifra é moi inferior aos 82 millóns en que se adxudicara o teatro previo pola Xunta de Fraga gobernando en funcións en 2005 con Feijóo como conselleiro. En todo caso, o actual Goberno galego acabou adxudicando o novo edificio a unha das empresas, Acciona, que ía construír o teatro paralizado.

Para xustificar a operación Feijóo argumentou que construír ese edificio noutro emprazamento para as universidades e outros organismos de nova creación custaría 30 millóns de euros, o dobre que facelo aproveitando as estruturas do teatro. Igualmente, dixo que derrubar esas estruturas paralizadas custaría 7 millóns, pero a Xunta nunca fixo público ningún documento que avale esas cifras. 

4 millóns en obras de urbanización, 1,8 millóns en plantación de árbores, ou 800.000 euros en actuacións no centro informático son algúns dos investimentos previstos para os próximos anos

Eses 17 millóns do denominado Edificio Fontán non serán o único gasto en obras que seguirá a facer a Xunta nos próximos anos, dúas décadas despois de iniciarse o proxecto do monte Gaiás. Os orzamentos da Fundación Cidade da Cultura para este ano reflicten diversas obras que se estenderán ata 2021 e que requirirán outros 10 millóns de euros, ata un total de 27 millóns: O remate das obras de urbanización exteriores suman 4 millóns de euros; a plantación do denominado Bosque de Galicia nas ladeiras do monte, que recibiu fondos destinados inicialmente a repoboacións forestais, 1,8 millóns; actuacións no centro informático, 800.000 euros; ou unha ponte para comunicar dúas zonas do monte sobre a avenida de acceso, 250.000 euros.

Investimentos previstos no Gaiás ata 2021 CC-BY-SA Praza Pública

Á marxe dos investimentos, o funcionamento ordinario da Cidade da Cultura supón uns 7 millóns de euros entre soldos e contratos externos de servizos

Á marxe deses 27 millóns que a Xunta destinará a novas obras na Cidade da Cultura ata 2021, que se suman aos máis de 300 millóns xa gastados previamente, o funcionamento ordinario do complexo supón uns 7 millóns de euros ao ano, repartidos entre un millón en salarios do persoal propio e 6 millóns a través de contratos externos de servizos. Eses gastos ordinarios, así como os investimentos en obras, fináncianse fundamentalmente con achegas da Xunta a través das consellerías de Cultura e Educación. 

Xa só quedan uns 10 millóns de euros no fondo con cartos de patrocinadores privados do que se está a tirar un millón ao ano para a programación cultural do Gaiás

A maiores, a programación cultural principal do complexo (en 2017 acolleu 156 actividades que atraeron a 120.000 persoas, segundo a Xunta) está a realizarse fundamentalmente tirando un millón de euros ao ano dun fondo creado en 2008 a medias pola Xunta e varias empresas privadas patrocinadoras. Daquela o Goberno galego achegou 11,25 millóns e as empresas 11,7 millóns, ata sumar un total de 23 millóns. Nos seus anos iniciais ese fondo foi baixando a un ritmo notable para financiar todo tipo de actividades, pero nos últimos a Xunta optou por inxectar ela directamente cartos á Cidade da Cultura por diversos conceptos reducindo así o uso dese fondo. Na actualidade o fondo conserva uns 10 millóns de euros e nos últimos anos, e así prevé seguir nos próximos, a Fundación Cidade da Cultura está a tirar del unha media dun millón de euros ao ano, polo que nunha década quedaría esgotado. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.