0 Gardados para despois

Entra en concurso a empresa coa que un alcalde do PP forneceu de pedra de xeito irregular o Gaiás

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


En 2003 a empresa Campo Lombao S. L., unha das varias patas do daquela grupo empresarial familiar de quen foi alcalde de Ortigueira polo PP entre 1999 e 2007, Antonio Campo Fernández, gañou un contrato coa Xunta para fornecer de pedra a Cidade da Cultura. Fíxoo cunha cuarcita obtida dunha canteira de Muras explotada por outra empresa da mesma familia que, segundo certificou a xustiza, operaba sen licenza municipal e afectando a espazos protexidos da Rede Natura 2000. O Consello de Contas criticou diversas irregularidades daquel contrato, de 6 millóns de euros, que primeiro se encareceu e que logo a empresa deixou de cumprir, segundo a Xunta, que pasou a traer a pedra que faltaba desde Brasil. O de aquela empresa foi un máis dos numerosos encarecementos dun complexo que ía custar 110 millóns e que malia estar inacabado xa consumiu máis de 300. Segundo avanzou Economía Digital, o pasado 23 de febreiro o Boletín Oficial do Rexistro Mercantil deu conta da entrada en concurso voluntario de Campo Lombao S.L.

O Consello de Contas criticou o encarecemento daquel contrato, de 6 millóns, que obtiña a pedra dunha canteira que a mesma familia explotou sen licenza nun espazo protexido

O Consello de Contas fixo no seu momento un relato crítico do contrato co que a Xunta se forneceu de pedra para a construción da Cidade da Cultura. “A licitación do subministro tan só se publicou en diarios de tirada nacional e autonómica, omitíndose a necesaria publicidade do Diario Oficial das Comunidades Europeas por razón da súa contía e no resto dos diarios oficiais”, comezou censurando o órgano fiscalizador, que relata como “ao concurso tan só se presentan dúas ofertas, resultando unha inadmitida” e engadindo que “a adxudicación se efectúa a favor da UTE Campo-Ipisa formada polas seguintes participacións: Campo Lombao S.L, Europizarras S.A. [tamén participada pola familia Campo] e Iberoitaliana de Pizarras S.A., actuando como representante da UTE Pablo Campo Fernández”.

Segundo Contas, o contrato por preto de 6 millóns de euros do que se beneficiou a empresa agora en concurso “posteriormente sufre modificacións puntuais nos prezos de determinadas partidas de lousas que incrementa nun 10% o prezo ofertado”. O órgano fiscalizador engade que “aínda que o prego de prescricións técnicas do contrato establecía un rigoroso protocolo de entrega das lousas, a realidade posterior porá de manifesto que, como consecuencia de incidencias na cadencia de produción e subministro, producíronse importantes atrasos que afectaron ao cumprimento dos prazos de execución das obras”.

A Xunta rematou traendo pedra de Brasil tras interromper a empresa o subministro de pedra

Aqueles atrasos levaron á Xunta, gobernada xa a partir de 2005 polo bipartito PsdeG-BNG, a cancelar o contrato e encargar ás empresas construtoras que fosen elas mesmas as que conseguisen unha pedra similar, que acabou chegando de Brasil. Pero antes de que iso sucedese Campo Lombao S.L. obtivo a súa pedra dunha canteira en Muras explotada por outra empresa do mesmo grupo, Piedra Natural de Muras S.L., da que Antonio Campo tamén foi un dos seus administradores. Segundo os feitos probados que se recollen nunha sentencia emitida en abril de 2013 pola Audiencia Provincial de Lugo, “a actividade extractiva non contaba con licenza municipal de actividade” e “incumpriu as disposicións establecidas na Declaración de Impacto Ambiental para o seu desenvolvemento, non cumprindo cos límites da explotación establecidos, non instalando as adecuadas bolsas de decantación para a caída das augas, non construíndo os adecuados vertedoiros de entullos previstos para a caída de materiais, non creando, así mesmo, un adecuado peche perimetral para delimitar a canteira da súa contorna nas zonas sinaladas pola Declaración de Impacto Ambiental e non constando tampouco que se levasen a cabo as actividades dirixidas á recuperación da contorna”.

A xustiza absolveu os acusados de invadir a Rede Natura coa canteira porque non se demostrou que a afectación, que existiu, fose grave

Como consecuencia deses incumprimentos, di a sentenza, a canteira afectou “máis dunha hectárea” do espazo natural protexido da Serra do Xistral. Unha “invasión” que segundo o tribunal “produciu un dano ecolóxico e paisaxístico, con afectación en hábitats da zona”. Malia estes “feitos probados”, no xuízo non se puido certificar que eses danos fosen “graves”, requisito para que fosen considerados delito. O tribunal absolveu así os tres acusados responsables directos da explotación, un deles familiar de Antonio Campo.

Logo destes feitos as empresas do grupo experimentaron diversos cambios de titularidade e agora a que fora adxudicataria do subministro da pedra da Cidade da Cultura vén de solicitar o concurso voluntario. O propio Campo Fernández tamén deixou a alcaldía de Ortigueira en outubro de 2007, días antes de que se crease no Parlamento de Galicia unha comisión de investigación sobre o complexo cultural que, co respaldo de PSdeG e BNG, concluíu que na súa xestación e construción se cometeran numerosas irregularidades.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.