Cando Fraga "abdicou da súa responsabilidade de xestión prudente": 20 anos do seu soño da Cidade da Cultura

Peter Eisenmann explica a maqueta da Cidade da Cultura na inauguración en 2011 dos dous primeiros edificios CC-BY-SA Xunta de Galicia

O 16 de febreiro de 1999 a Xunta lanzaba o concurso de ideas que acabaría gañando o arquitecto Peter Eisenmann e que dúas décadas despois xa consumiu máis de 300 millóns de euros

O 16 de febreiro de 1999, hai agora 20 anos, a Xunta daba o primeiro paso para facer realidade a Cidade da Cultura de Galicia, o soño de Manuel Fraga, coa convocatoria, publicada uns días despois no Diario Oficial de Galicia, dun concurso de ideas para definir o deseño do complexo. Só dous anos máis tarde, exactamente outro 16 de febreiro, de 2001, sen un Fraga convalecente dunha operación, púñase a primeira pedra da construción seguindo o proxecto seleccionado do arquitecto Peter Eisenman, que co paso dos anos iría aumentando en volume e custo ata superar os 300 millóns de euros, o triplo do previsto inicialmente. Un sobrecusto para o que, con obras en marcha malia a promesa de Feijóo de paralizar dous edificios, aínda non hai unha cifra definitiva pero que xa en 2007 levou ao Consello de Contas a dicir que co proxecto a Xunta de Fraga “abdicou da súa responsabilidade de xestión prudente e planificada dos fondos públicos”.

Dos seis grandes edificios previstos, dous inauguráronse en xaneiro de 2011, outros dous ano e medio máis tarde e, malia a promesa de Feijóo de paralizar os dous restantes, un deles vén de retomarse convertido en edificio de oficinas por outros 17 millóns de euros

A idea de construír a Cidade da Cultura en Santiago, no monte Gaiás, xurdiu á calor doutros grandes proxectos urbanístico-culturais noutros puntos do Estado, como o museo Guggenheim de Bilbao, inaugurado en outubro de 1997, ou a Cidade da Artes e as Ciencias de Valencia, inaugurada en xuño de 1998. En febreiro de 1999 a Xunta lanzaba o seu propio proxecto coa convocatoria do concurso de ideas que acabaría gañando Eisenmann. Dos seis grandes edificios que prevía o arquitecto, os dous primeiros inauguráronse unha década despois de iniciarse a súa construción, a comezos de 2011, e outros dous ano e medio máis tarde. 

Autoridades na inauguración dos dous primeiros edificios da Cidade da Cultura en xaneiro de 2011 © Xoán Crespo

Poucos meses despois, a comezos de 2013, a Xunta, tras reclamalo o BNG, decidía paralizar a construción dos dous edificios pendentes, pero hai uns meses Feijóo daba marcha atrás e anunciaba que se retomarían as obras para mudar o gran teatro inicialmente previsto por un edificio de oficinas para as universidades que custará outros 17 millóns de euros. É o, ata o momento, último bandazo dun proxecto que nestas dúas décadas rexistrou todo tipo de irregularidades e mudanzas.

O Consello de Contas detectou que en 2004 xa había desviacións de máis de media década nas obras e un sobrecusto medio próximo ao 200%

En 2007 o Consello de Contas, o ente independente fiscalizador das contas públicas, facía público un duro informe referente á situación do proxecto tres anos antes, cando só levaba tres anos en obras. Para daquela xa detectara desviacións de prazos de máis de media década e sobrecustos medios do 200%, que nalgunha área chegaban ao 500%. Foi nese informe no que o Consello de Contas considerou que a Administración de Fraga “abdicara das súas responsabilidades na xestión prudente e planificada dos fondos públicos”. 

Despois chegaría unha comisión de investigación política na que quedou en evidencia o subministro de pedra para as obras procedente da canteira dun alcalde do PP que foi insuficiente e obrigou a importar material do Brasil, ou a colocación como director económico da Fundación Cidade da Cultura, sen aclararse como, dun cuñado de Mariano Rajoy. 

En 2017 a Cidade da Cultura acolleu 156 actividades ás que asistiron 120.000 persoas

Hoxe a Cidade da Cultura conta cunha programación estable en moitas ocasións afastada da liña do resto de eventos promovidos desde a Xunta pero cuxo custo o Goberno galego non deixa claro. Segundo a memoria de actividades de 2017 da Consellería de Cultura, a última dispoñible, na Cidade da Cultura organizáronse ese ano 156 actividades ás que asistiron 120.000 persoas. 

O funcionamento ordinario do complexo, asumido fundamentalmente con fondos da Xunta, sitúase arredor dos 7 millóns de euros (un millón en salarios do persoal propio e 6 millóns en contratas externas de servizos). A esa cifra hai que engadir outro millón de euros anual procedente dun fondo creado hai unha década por patrocinadores privados (queda nel arredor de dez millóns de euros) e que vai destinado á programación, sen que quede claro cantos cartos do funcionamento ordinario contribúen tamén a soster parte desta. Os investimentos en obras aínda pendentes ou os orzamentos doutros departamentos da administración, como os servizos informáticos, tamén instalados no Gaiás están á marxe destas cifras.

Dúas décadas despois, a Xunta está a intentar buscar un novo destino produtivo ao complexo e tras instalar nel o centro informático da administración autonómica abriu diversos espazos a proxectos de I+D e emprendemento privado

Por outra banda, nos últimos anos, o Goberno de Feijóo, que estaba presente xa no executivo de Fraga que adxudicara dous dos edificios mentres gobernaba en funcións tras perder as eleccións de 2005, intentou buscar un novo destino produtivo ao complexo. Instalou nel o centro informático da Xunta e abriu diversos espazos a proxectos de I+D e emprendemento da iniciativa privada. Pero nada de todo isto estaba previsto cando hai agora 20 anos a Xunta lanzou un concurso de ideas centrado no arquitectónico sen ter en conta como dotar de contido un soño de Fraga convertido en pesadelo dos gobernos posteriores.

Manuel Fraga dá nome á avenida de acceso á Cidade da Cultura © Candidatura do povo

Situación dos edificios

A Cidade da Cultura pensada por Eisenman ía ter seis grandes edificios, dos que dous, o Teatro e o Centro de Arte, non se chegaron a facer. Esta é a situación actual do complexo e algunhas das principais polémicas de cada edificio:

No espazo do inacabado teatro a Xunta promove agora un edificio de oficinas para as universidades de 14,7 millóns de euros con fondos procedentes da I+D e noutra parte, un auditorio ao aire libre por 1,8 millóns

Teatro: Foi adxudicado en 2005 pola Xunta de Fraga en funcións por 82 millóns e cando se paralizou en 2013 xa se levantaran algunhas estruturas que agora serán empregadas para construír un edificio de oficinas para as universidades galegas e outros organismos de nova creación. Feijóo xustificou, sen ensinar ningún documento ou proxecto, que facer ese novo edificio noutro sitio custaría 30 millóns mentres que derrubar as estruturas xa levantas do inacabado Teatro custaría 7 millóns. A Xunta adxudicou finalmente o novo edificio por 14,7 millóns a unha das empresas que ía construír o Teatro suprimido e comezou a desviar para o seu financiamento fondos inicialmente destinados a I+D. Outra parte do espazo que ía ocupar o Teatro é un gran oco no que a Xunta está a construír un auditorio ao aire libre por 1,8 millóns de euros.

Centro de Arte: Tamén paralizado en 2013 cando non se executara máis que o oco para os cimentos. Ese espazo foi convertido en lago artificial e axardinado.

A Xunta foi condenada a pagar 3 millóns de euros á construtora do Museo por sobrecustos derivados da indefinición do proxecto orixinal do edificio

Museo: É o único edificio rematado cuxo uso actual se corresponde dalgún xeito co previsto inicialmente, pero non conta con colección permanente senón que por el van pasando sucesivas exposicións temporais. O proxecto do edificio, segundo certificou unha sentenza, tiña “erros” e “carecía da necesaria definición”, o que implicou sobrecustos. A auditora da Cidade da Cultura xa dá por perdidos 3 millóns de euros por ese feito.

Evolución e estado actual dos seis edificios previstos da Cidade da Cultura CC-BY-SA Xunta de Galicia

O que ía ser o edificio do Arquivo está hoxe destinado a incubadoras de empresas e espazos de coworking; nun dos seus espazos privilexiados instalarase Indra

Biblioteca e Arquivo de Galicia: Inicialmente estaba previsto un edificio para a Biblioteca e outro para o Arquivo, pero a reformulación de espazos fixo que este último se integrase no primeiro edificio.

Centro de Emprendemento: O que ía ser o edificio do Arquivo está hoxe destinado a incubadoras de empresas e espazos de coworking con actividades non en todos os casos relacionadas co mundo cultural. Tamén ten alí a súa sede a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Dentro dese mesmo volume, pero cun acceso diferenciado e cun emprazamento privilexiado cara á praza central do complexo, está a Sala Eisenman, un amplo espazo acristalado que durante varios anos albergou unha mostra explicativa sobre o proceso de deseño e construción da propia Cidade da Cultura, con maquetas da mesma agora trasladadas ao Museo. Esa Sala Eisenman vai ser agora cedida á multinacional Indra para que instale alí un centro de tecnoloxías socio-sanitarias.

Centro de Innovación: O edificio que ía albergar os servizos centrais administrativos do complexo cultural acabou sendo na súa maioría un espazo sobrante que acolle hoxe os sistemas informáticos centrais da Xunta.

Bosque do Gaiás: A contorna dos edificios da Cidade da Cultura está a ser urbanizada e axardinada en sucesivas fases de cuxa falta de planificación económica dá conta unha modificación orzamentaria á que tivo que recorrer o Goberno galego en 2017 para dedicar a ese cometido cartos que inicialmente ían destinados a repoboacións forestais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.