A Audiencia Provincial da Coruña vén de emitir unha sentenza na que condena á Xunta, a través da Fundación Cidade da Cultura, a pagar á construtora FCC 2.544.822,32 euros máis xuros por sobrecustos na execución do complexo do Gaiás. Segundo a Audiencia, o proxecto do edificio tiña “erros”, “carecía da necesaria definición” e “non estaba suficientemente desenvolvido e esta función foina asumindo FCC”.
A Audiencia da Coruña di que o proxecto do Museo tiña “erros”, "carecía da necesaria definición” e “non estaba suficientemente desenvolvido”, eivas que tivo que asumir a construtora
FCC, antes controlada polas Koplowitz e agora por Carlos Slim, foi a adxudicataria en 2004 do maior edificio do complexo impulsado por Manuel Fraga, que hoxe alberga o Museo de Galicia. A obra entregouna en 2012, logo de tres modificados, e iniciou unha negociación coa Fundación Cidade da Cultura para a determinación da liquidación final do contrato. As discrepancias levárona a presentar un recurso e en maio de 2016 un xulgado de primeira instancia de Santiago estableceu que a Xunta debía pagarlle 1,8 millóns en concepto de liquidación final dos traballos, pero non atendeu outra reclamación por sobrecustos. A empresa recorreu á Audiencia da Coruña e esta emitiu sentenza o pasado 29 de xuño dándolle a razón tamén nesa segunda cuestión.
En concreto, a Audiencia condena á Fundación Cidade da Cultura a pagar a FCC sobrecustos por varios conceptos: 679.447,889 euros por unha estrutura metálica, 511.675 euros pola fachada de vidro ou muro cortina do edificio, 885.999 euros polas “recontratacións nas instalacións” e 206.060,43 euros pola “recontratación da colocación de pedra en fachadas e cuberta”. A sentenza engade outros 261.640 euros por “traballos de desenvolvemento asumidos polo contratista”. A Audiencia, pola contra, non estima outros sobrecustos demandados pola empresa correspondentes ao que esta consideraba como “aumento imprevisible do prezo dos materiais” ou “pequenas partidas” de muros de bloque ou aceiro laminado. O tribunal considera, para estimar eses sobrecustos, “que o proxecto carecía da necesaria definición, que non estaba suficientemente desenvolvido e esta función foina asumindo FCC”. A Audiencia tamén considera “evidentes” as “deficiencias e erros do proxecto de execución”.
A Audiencia di que a "única causa" dun sobrecusto de 200.000 euros na colocación das pedras da fachada foi a "falta de subministro", que correspondía a unha empresa dun alcalde do PP
No caso do sobrecusto pola colocación da pedra na fachada e na cuberta, a Audiencia di que “se produciron atrasos non imputables á construtora, toda vez que a súa única causa foi a falta de subministro de pedra, sendo esa unha obriga que competía á Fundación”. Esa falta de subministro debeuse á incapacidade da canteira elixida pola Xunta, propiedade do daquela alcalde do PP en Ortigueira, Antonio Campo Fernández, que o pasado maio entrou en concurso.
A empresa tamén reclamaba anular as peritaxes que serviron á Fundación Cidade da Cultura para defender os seus intereses por estar realizadas por unha empresa que á súa vez traballa para a Xunta. A Audiencia desestima esa reclamación pero reduce o valor deses técnicos como testemuñas. Finalmente, a Audiencia ratifica o pagamento dos 1,8 millóns de euros en concepto de liquidación final da obra que xa admitira o xulgado de primeira instancia e establece que a Cidade da Cultura debe pagarlle xuros por eles desde setembro de 2012.