Catro anos despois de inauguralo, a Xunta reforma o último edificio da Cidade da Cultura por un millón de euros

Feijóo no auditorio do Edificio Fontán o día da súa inauguración, o 6 de outubro de 2021 CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

O edificio de oficinas Fontán, que ocupou parte do espazo que ía ser para o Teatro da Ópera, verá agora ampliado o seu auditorio "para acoller espectáculos de teatro, danza, música"

En outubro de 2021, 20 anos e 350 millóns de euros despois de que se puxese a primeira pedra da Cidade da Cultura, Alberto Núñez Feijóo deu por rematado o complexo coa inauguración do Edificio Fontán. Esta construción, cun orzamento de 17 millóns de euros, aproveitou parte do espazo baleiro do que inicialmente ía ser o Teatro da Ópera previsto por Manuel Fraga, pero o seu uso pasou a ser moi distinto. Construído con fondos destinados inicialmente a I+D das universidades e adxudicado a unha das empresas que ía construír o teatro suprimido, hoxe acolle oficinas das universidades galegas e do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Catro anos despois da inauguración deste edificio de oficinas, agora o Goberno galego decide gastar nel outro millón de euros para ampliar o seu auditorio e que, ademais dos congresos e conferencias que xa vén acollendo, poidan celebrarse nel "espectáculos de teatro, danza, música", en palabras do agora presidente Alfonso Rueda, que recupera así para a Cidade da Cultura un uso aparcado cando Feijóo decidiu prescindir do gran Teatro.

Inauguración en outubro de 2021 do Edificio Fontán, quinto e último edificio da Cidade da Cultura, destinado a estudos sobre o patrimonio e as universidades CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Segundo indicou Rueda tras o Consello da Xunta deste luns, o investimento dun millón de euros agora autorizado para o Edificio Fontán menos de catro anos despois da súa inauguración busca a "adaptación do auditorio" para "aumentar a súa capacidade". "O escenario actual quédase pequeno", xustifica o presidente, "sobre todo a parte da escénica, para poder acoller espectáculos de teatro, danza, música, máis amplos". Segundo a Xunta, o escenario pasará de 110 a 330 metros cadrados.

"O escenario actual quédase pequeno", xustifica Rueda catro anos despois de que Feijóo inaugurase o edificio

Co novo investimento, que segue a engordar a factura dun complexo que inicialmente Fraga prevía que custaría tres veces menos, "triplícase a superficie do escenario", segundo Rueda, e vaise tamén ampliar a súa altura e mudar o tipo de chan. Pero máis alá supón unha nova mudanza das funcionalidades previstas, co foco agora novamente en espectáculos públicos. Con eles, asegura o actual presidente, o investimento estaría "amortizado en 5 ou 6 anos".

Vista do Gaiás, cos diversos usos que a Xunta asignou aos edificios dende o inicio do proxecto CC-BY-SA Praza.gal sobre imaxe tirada de Google Maps

O auditorio do Edificio Fontán, por outra banda, vén sendo o símbolo da longamente demorada integración da Cidade da Cultura na paisaxe política galega. Tras anos de críticas de BNG e PSdeG ao PP pola mala planificación do complexo con mudanzas de usos e funcións como a agora aprobada, o auditorio do Edifición Fontán foi o lugar elixido o pasado ano por nacionalistas e socialistas para celebrar importantes actos políticos, normalizando así as súas relacións co complexo ideado por Fraga.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.