O presidente di que o remate do Edificio Fontán é “a culminación dun soño”, que mudou a respecto do que soñaron Fraga e Eisenmann
O 16 de febreiro de 2001 púxose a primeira pedra da Cidade da Cultura ideada por Manuel Fraga e este 6 de outubro de 2021, 20 anos e case oito meses despois, o presidente Feijóo deuna por completada tras un investimento acumulado na súa construción duns 350 millóns de euros, o triplo do inicialmente previsto, e sen contar o seu custo de mantemento. Fíxoo durante unha visita ao remate das obras do denominado Edificio Fontán, o quinto grande volume do complexo que será destinado a investigación e xestión do patrimonio e das universidades tras aproveitar as estruturas a medio construír do que ía ser un gran teatro de ópera. Pero o Gaiás aínda non está rematado, con obras pendentes en distintas zonas exteriores, co novo edificio aínda sen ocupar e co complexo sen plan de futuro tras vencer o anterior en 2018.
Este mércores Feijóo dixo que co remate do Edificio Fontán, construído con fondos destinados inicialmente a I+D das universidades e adxudicado a unha das empresas que ía construír o teatro suprimido, “complétase o complexo do Gaiás” e ponse fin “a unha fase centrada nos proxectos construtivos e abre outra marcada pola expansión da creatividade, do coñecemento, da formación e da investigación”. É, salientou, “a culminación dun soño”.
Pero ese soño non é o que tiveron Fraga e o arquitecto, Peter Eisenman, hai máis de dúas décadas, cando comezaron a planificar o complexo cultural. Tras a ampliación do tamaño inicialmente previsto para cada un dos edificios, e con iso o seu custo, a idea orixinal era levantar seis, que quedaron en cinco e medio que á súa vez foron mudando varias veces de función.
O último edificio, levantado con fondos destinados a I+D das universidades, ía ser o teatro da ópera dun complexo co que, segundo o Consello de Contas, o Goberno de Fraga "abdicou da súa responsabilidade de xestión prudente e planificada dos fondos públicos”
Hoxe, mirándo de sur a norte, ou de esquerda a dereita desde o aparcamento do complexo, hai un edificio de emprendemento con espazos alugados a empresas que ía ser hemeroteca; unha biblioteca, hemeroteca e arquivo que ía ser só biblioteca; un buraco con parque e lago escavado para os alicerces dos nunca levantados centro de arte ou edificio de novas tecnoloxías; o Edificio Fontán para estudos do patrimonio e as universidades en parte do que ía ser o gran teatro, coa outra parte convertida tamén en parque e auditorio ao aire libre; o museo que non ten colección propia senón que por el pasan exposicións temporais; e o edificio de servizos centrais reconvertido en centro de innovación e emprazamento dos equipamentos informáticos centrais da Xunta.
“Tivemos mala sorte”, dixo hai uns meses Eisenman, nunha entrevista nunha revista de arquitectura, na que se laiou da saída de Fraga da Xunta en 2005, cando “perdeu por un só deputado”. “Era un arquitecto perfecto para el, porque estaba disposto a facer o que ninguén fixera”, aseguraba o arquitecto. Pola contra, a visión do proxecto desde a óptica dos cartos públicos que ofreceu xa en 2007 o Consello de Contas, o ente independente de fiscalización das administracións galegas, foi ben distinta. Coa Cidade da Cultura, dicía, o Goberno de Fraga “abdicou da súa responsabilidade de xestión prudente e planificada dos fondos públicos”.
Desde a inauguración dos dous primeiros edificios en 2011 a Xunta contabiliza 6 millóns de visitas, entre as que inclúe ás persoas que van a diario a traballar alí
Antes de acadarse este ano os vinte anos da primeira pedra das obras tamén se celebrou o décimo aniversario do remate dos dous primeiros edificios, en xaneiro de 2011. Desde aquela, salientou Feijóo este mércores, o complexo recibiu 6 millóns de visitas, cifra na que a Xunta computa tamén ás persoas que van a diario a traballar alí nas diversas oficinas que nada teñen que ver coa visión cultural orixinal do proxecto. A expectativa ante esa contabilidade de visitantes é agora a de se a Xunta tamén incluirá nela os centos de milleiros de persoas que pasaron este ano polo Gaiás cando se converteu no centro de vacinación masiva contra a COVID da área de Santiago.
Rematado agora o Edificio Fontán medio ano despois do previsto, queda equipar o seu interior e que comecen a traballar nel as diversas institucións que o ocuparán para que estea activo, segundo a Xunta a comezos do próximo ano. No exterior seguen realizándose diversas obras de urbanización, especialmente nun novo acceso por escaleiras, o remate do denominado Bosque de Galicia que rodea os edificios -ao que se dedicaron cartos destinados a repoboacións forestais- e mesmo coa construción dun circuíto para bicicletas BMX. E está pendente unha nova redefinición do proxecto de futuro do complexo.
Tras inaugurar os dous primeiros edificios en 2011, a Xunta non aprobou ata ano e medio máis tarde o plan estratéxico do Gaiás, que venceu en 2018 e cuxa continuación aínda non se coñece
Malia que os primeiros edificios da Cidade da Cultura abriron en xaneiro de 2011, non foi ata un ano e medio máis tarde que a Xunta aprobou o primeiro plan estratéxico do complexo, para o período 2012-2018, un documento que foi elaborado con varios parágrafos plaxiados. Case tres anos despois de rematar aquela planificación, aínda non se coñece o seguinte plan estratéxico, para o período 2021-2027, cuxa redacción foi contratada a comezos deste ano por un prazo de tres meses pero que a Xunta aínda non fixo público. O seu obxectivo será diversificar as fontes de financiamento do complexo (ata agora dependentes fundamentalmente dos orzamentos públicos da Xunta para a súa construción e mantemento e dun minguante fondo público-privado para parte das actividades culturais) e darlle unha visibilidade nacional e internacional que era un dos grandes obxectivos de Fraga pero que aínda non ten dúas décadas despois de iniciarse as obras e unha década despois de abrirse os primeiros edificios.