Dous anos despois de rematar a vixencia do plan estratéxico 2012-2018, elaborado con parágrafos plaxiados, a Xunta encarga outro por 40.000 euros e cun prazo de elaboración de tres meses
Malia que viña construíndose desde unha década antes, a Xunta tardou ano e medio despois de inaugurar os dous primeiros edificios da Cidade da Cultura, en xaneiro de 2011, para aprobar en xuño de 2012 o primeiro Plan Estratéxico do complexo, para o período 2012-18. Agora, máis de dous anos despois de rematar a vixencia dun documento que foi elaborado con parágrafos plaxiados, o Goberno galego encarga un novo plan, para o período 2021-27 que “debe explorar outras medidas non perfectamente deseñadas ou desenvolvidas no período anterior”.
O novo plan vén de ser adxudicado en concurso público por 40.000 euros a unha consultora privada que terá tres meses para elaboralo, fronte aos dous anos que tardou a Xunta en facer o plan estratéxico de 2012. Na memoria que xustifica o contrato, a Fundación Cidade da Cultura, a entidade pública a través da que a Xunta controla o complexo, recoñece agora eivas naquel primeiro plan presentado en 2012 sendo conselleiro Jesús Vázquez.
“Existen determinados obxectivos que esixen unha reformulación ou, no seu caso, potenciación das actuacións programadas para obter uns resultados de maior impacto. Son os referidos a visibilidade nacional e internacional do proxecto, así como a diversificación das fontes de financiamento, explorando novas vías de captación de recursos, así como a posibilidade de obter fondos a nivel estatal e europeo”, sinala o documento. Un plan que segundo o actual conselleiro, Román Rodríguez, “plasmará” o obxectivo do Goberno galego de arrincar “unha nova etapa baseada na expansión” do complexo tras a “fase de consolidación” que vén de dar por rematada dez anos despois da súa inauguración.
O plan "plasmará" o obxectivo da Xunta de comezar "unha nova etapa baseada na expansión" da Cidade da Cultura, cuxa construción supuxo xa arredor de 350 millóns de euros e o mantemento anual, sen ter en conta os contidos, outros 7 millóns
No eido do financiamento, e tras gastar nas obras de construción do complexo arredor de 350 millóns de euros desde o seu comezo hai agora dúas décadas, o seu mantemento ordinario, sen ter en conta as actividades culturais que se organizan, supón uns 7 millóns de euros ao ano, repartidos en 6 millóns para o mantemento, fundamentalmente a través de contratos externos con empresas de servizos, e un millón en soldos do persoal propio da Fundación Cidade da Cultura, que supón unha moi pequena parte das persoas que acolle a diario un complexo no que traballan varios centos de persoas de diversos departamentos da Xunta e de empresas privadas con espazos alí alugados. Canto á actividade cultural, o groso dela é pagado tamén con cartos públicos mentres que un millón de euros ao ano sae do minguante fondo creado en 2008 a medias pola Xunta e empresas privadas patrocinadoras e no que xa só quedan 8 millóns.
O documento co que a Cidade da Cultura encarga o novo plan fai balance do anterior con indicadores que impiden comprobar o cumprimento ou non de boa parte dos obxectivos establecidos en 2012
Por outra banda, a documentación feita pública pola Fundación Cidade da Cultura para encargar a elaboración do novo plan estratéxico lembra os obxectivos e medidas concretas que se estableceron no documento de 2012, pero os indicadores de supervisión elixidos impiden comprobar o cumprimento ou non de boa parte dos obxectivos establecidos daquela. Así por exemplo, se un dos obxectivos establecidos naquel primeiro plan estratéxico era o de poñer en marcha novos programas de visitas ao complexo coa expectativa de que en 2015 se chegase e 500.000 visitantes, o documento remítese á memoria das contas anuais da Fundación Cidade da Cultura en 2017 -xa é pública a memoria de 2019- para cifrar en 743.354 as visitas nese ano, cifra na que a entidade vén incluíndo todos os anos os desprazamentos diarios do persoal que traballa no complexo tanto en oficinas da administración como de empresas privadas alí instaladas.
Noutro punto o documento lembra que se prevía que en 2015 se celebrasen 365 “actividades culturais” distintas e sinala que como indicador que en 2018 houbo 156 “eventos culturais” con 171.653 asistentes. Ou que se prevían para 2015 200.000 “usuarios dos programas en liña” dentro da divulgación dixital do complexo mentres que o indicador empregado para a comprobación dese obxectivo sinala que en 2018 houbo 297.523 “accesos” á páxina web da Cidade da Cultura.
Aquel primeiro plan estratéxico baseaba as medidas que propuña nunha análise das industrias culturais que contiña numerosos parágrafos plaxiados de diversas fontes copiadas textualmente sen citalas, segundo revelou El País.