Os 23 millóns de euros achegados en 2008 por Xunta e empresas para a actividade do Gaiás están xa reducidos a 8,2, a metade dos cales veñen de ser investidos en novos produtos financeiros ante os escasos xuros que reportaron nos últimos anos
En 2011, tres anos despois de que en 2008 a Xunta e unha quincena de empresas achegasen a medias 23 millóns de euros para crear un peto (o fondo Gaiás) co que ir pagando a actividade da Cidade da Cultura, eses cartos deran 562.000 euros de beneficios grazas aos xuros bancarios. Neste tempo aqueles 23 millóns, aos que non se engadiron novas achegas, fóronse gastando a un ritmo superior ao millón de euros ao ano de xeito que a 31 de decembro pasado xa só quedaban 8,22 millóns, que no exercicio 2019 só reportaron 3.942 euros en xuros.
Tras anos investidos en produtos bancarios a curto prazo con xuros minguantes, a auditoría das contas da Fundación Cidade da Cultura correspondente ao último exercicio, que agora vén de facerse pública, sinala que vén de investir 3,2 millóns a longo prazo e outro millón nun “fondo de investimento”.
O 'fondo Gaiás', que ao actual ritmo rematarase a finais de 2027, vén permitindo á Consellería de Cultura maquillar os seus orzamentos ante as críticas doutros actores do sector por apostar por ese complexo fronte a outras iniciativas
Nos primeiros anos aqueles 23 millóns orixinais do fondo Gaiás foron gastándose a un ritmo superior a un millón de euros ao ano, pero nos últimos esa é a cantidade exacta que se veu consumindo en cada exercicio para pagar diversas actividades culturais da Cidade da Cultura, que tamén reciben recursos a través doutros convenios puntuais con diversos departamentos da Xunta ou patrocinios con empresas privadas. Pero o fondo Gaiás segue a ser unha parte importante do financiamento desas actividades e vén permitindo á Consellería de Cultura maquillar os seus orzamentos xerais ante as críticas doutros actores do sector por apostar por ese complexo fronte a outras iniciativas.
A ese ritmo de gasto dun millón ao ano, e sen que nin a Xunta nin a Fundación Cidade da Cultura fixesen públicos plans para recapitalizalo, opción que xa non podería contar con varias das firmas que achegaron cartos no seu momento, hoxe desaparecidas ou con problemas económicos, o fondo remataría dentro de sete anos, a finais de 2027.
Dos 562.000 euros en xuros en tres anos que deran os 23 millóns orixinais pasouse a menos de 4.000 euros de beneficios no último ano polos actuais 8,2 millóns
A descapitalización do fondo tampouco vén atopando paliativos nos seus últimos anos, como ocorría nos primeiros, cos investimentos bancarios. Aqueles 562.000 euros que a Xunta comunicaba en 2011 que obtivera en xuros ata aquel momento foron reducíndose nos anos seguintes. En 2015 a Xunta decidiu que a Fundación Gaiás, a entidade público-privada que viña xestionando o fondo, se fusionase coa Fundación Cidade da Cultura, a entidade pública que xestiona o complexo cultural.
Desde aquela, as auditorías anuais veñen reflectindo beneficios decrecentes: os 11,2 millóns que quedaban no fondo a finais de 2016 deran ese ano 25.225 euros de xuros, os 10,2 millóns de finais de 2017 obtiveron 15.634 euros, os 9,2 millóns de 2018 lograron 6.816 euros e finalmente no último exercicio os 8,2 millóns que restan só recibiron 3.942 euros en xuros.
Nesta situación é na que, segundo a última auditoría agora feita pública, a Fundación Cidade da Cultura vén de decidir diversificar os investimentos a curto prazo en que depositaba eses cartos ata agora. Nesa situación seguirán catro millóns de euros, mentres que 3,2 millóns veñen de pasar a “longo prazo” a través de “varias imposicións subscritas en entidades financeiras” que non detalla.
“Estes investimentos teñen vencementos entre 2021 e 2024”, engade a auditoría, o que permitiría que os catro millóns a curto prazo se sigan gastando ao mesmo ritmo dun millón ao ano nos primeiros exercicios e despois se poida recorrer aos outros 3,2 millóns a longo prazo. Ademais, o apartado de “inversións financeiras a longo prazo, outros activos financeiros” rexistra “un Fondo de Investimento por importe de 1.000.000 euros”.
O 'fondo Gaiás' súmase aos outros recursos que a Xunta destina ás actividades culturais da Cidade da Cultura e aos máis de 300 millóns que xa levan suposto as obras do complexo, con outros 27 en traballos pendentes de rematar
Os 23 millóns orixinais do fondo Gaiás do que xa só quedan 8,2 foron destinados á actividade cultural da Cidade da Cultura, financiada tamén con outras achegas da Xunta á marxe dos máis de 300 millóns de euros que leva consumida a súa construción das arcas públicas desde que foi ideada por Manuel Fraga hai 20 anos. As obras aínda en marcha pendentes de rematar, entre elas o novo Edificio Fontán para as universidades galegas, suman a esas cifras outros 27 millóns de euros.