O candidato popular, que era vicepresidente cando Fraga impulsou o proxecto, salienta a súa decisión de "finalizar a Cidade da Cultura” cun edificio de oficinas en lugar dun Teatro da Ópera que “non se podía facer, entre outras cousas porque non se podía pagar”
A Xunta vén de ser condenada en firme polo Tribunal Supremo a pagar 3 millóns de euros en sobrecustos na Cidade da Cultura, proxecto no que xa van gastados máis de 300 millóns de euros, o triplo do previsto hai dúas décadas pola Xunta de Manuel Fraga. No seu último goberno, que aínda adxudicaría dous dos seis edificios estando en funcións, tras perder a maioría absoluta nas autonómicas de 2005, era vicepresidente Feijóo, que este mércores, catro campañas electorais despois, presentouse en Santiago á vez como paralizador e como finalizador do complexo.
Na serie de almorzos con empresarios e colectivos sociais que o PP está a organizar nas cidades galegas para facer balance das súas actuacións á fronte da Xunta este mércores tocoulle a Santiago. Na súa intervención, da que dixo, novamente afastándose das siglas, que “non é un acto de partido político senón de comparecencia dun responsable político", Feijóo centrou o foco nas obras públicas realizadas na cidade.
Sobre o complexo do Gaiás, o presidente lembrou que o Teatro da Ópera, un dos dous edificios que non se chegaron a facer, foi adxudicado por 82 millóns de euros, engadindo que “evidentemente pensamos que iso non se podía facer, entre outras cousas porque non se podía pagar”. Porén, ao tempo que salientaba esa decisión súa de non continuar a construción do edificio, Feijóo presentouse tamén ante os asistentes como o responsable de culminar as obras do complexo. “Chegamos ao acordo de finalizar a Cidade da Cultura, aquel enorme socavón do que daquela ía ser o Teatro da Ópera”, dixo, salientando a súa decisión de construír no seu lugar un edificio de oficinas para as universidades.
Feijóo lembra que foi durante un funeral na Catedral cando lle pediu a Rajoy cartos para arranxar as súas goteiras
No listado de obras públicas en Compostela que Feijóo atribuíu ás súas xestións houbo tamén un espazo especial para “a primeira vez que en 815 anos a Catedral se rehabilita na súa totalidade”. O presidente salientou que o templo tiñas goteiras mesmo sobre o altar maior, e contou como conseguiu que se reparasen: “Lembro perfectamente unha misa na catedral, non sei se era polas vítimas de Angrois ou polo falecemento do presidente Albor; estaba ao lado do presidente Rajoy, empezou a mirar para arriba e pregunteille ‘como ves isto?, mira a ver que podemos facer’, e conseguimos 17 millóns de euros do Goberno de España”.