As obras da Catedral de Santiago custarán 770.000 euros máis do previsto e achegaraos a Xunta

A Catedral de Santiago e a súa contorna, na Praza da Quintana, durante as obras nas torres da fachada do Obradoiro (ao fondo) © Concello de Santiago

A parte da restauración da Catedral de Santiago financiada con fondos do Estado e do Goberno galego terá un sobrecusto da contorna do 4,5% sobre o previsto na súa última gran achega. No ano 2015, e tras unha demora que chegou a desacougar aos responsables do templo compostelán, o Consello de Ministros deu o seu visto e prace a unha achega de 16,6 millóns de euros para financiar diversas obras na deteriorada basílica. O xeito de facelas chegar á Fundación Catedral foi transferirllos á Xunta, que á súa vez asinou un convenio coa entidade dependente da Igrexa compostelá agregando 387.987 para o control de proxectos e obras. En total, 17 millóns.

A restauración actualmente en marcha tivo unha achega estatal de 16,6 millóns de euros que a Xunta completara con outros 387.000, aos que agora engadirá 771.000 non previstos

Dende aquel ano os traballos continuaron segundo o previsto na Catedral, que paralelamente viu culminada a restauración do Pórtico da Gloria -financiada pola Fundación Barrié-. Os fondos públicos foron parar a restauracións de puntos como a capela maior, a cuberta, ou parte das fachadas nun plan que contempla actuar tamén no interior da torre da Berenguela e en moitos puntos das naves interiores, entre outros.

Este é o contexto no que o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, expuxo este luns no Parlamento os orzamentos do seu departamento para o ano 2020. No apartado dedicado os fondos para restaurar diversos bens patrimoniais, dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Rodríguez detallou que os traballos na Catedral de Santiago previstos ao abeiro do devandito convenio están "a piques de rematar", se ben para que "se executen na súa totalidade" cumprirá unha achega adicional de 771.000 euros que sairá das contas do 2020.

O conselleiro ve positivo que a "única desviación" no custo das obras da Catedral fose esta, de apenas un 4%. Outras obras en Galicia impulsadas polos diferentes gobernos nos últimos anos chegaron a desviarse máis do 40% e no Gaiás o custo triplicárase

As obras agora en marcha son o groso do orzamento -uns 10 millóns- e correspóndense co 51% do proxecto, segundo o conselleiro. Agora, calcula, xa é posible afirmar que a "diferenza" entre os 17 millóns aprobados e o custo final serán os devanditos 771.000 euros. Isto, cre, "é para felicitarnos colectivamente, xa que nun investimento de 17 millóns nun conxunto de obras tan importante e nun ben tan delicado", é habitual que "xurdan cuestións que non están contempladas" e, neste caso, a única "desviación" serán os 771.000 euros que a Xunta porá a maiores do previsto. 

En efecto, este sobrecusto do 4% está moi por baixo do acreditado noutras obras en Galicia nos últimos anos en moi diversos ámbitos. Foi o caso, por exemplo, do porto exterior da Coruña (27%), da Cidade da Xustiza de Vigo (30%), ou do centro de atención a persoas con discapacidade de Política Social en Santiago (40%). Na Consellería de Cultura o caso máis rechamante de sobrecustos foi a Cidade da Cultura, que chegou a triplicar o orzamento previsto inicialmente.

Este foi un dos aspectos destacados por Román Rodríguez a respecto dunhas contas no que o montante total previsto pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para intervir e restaurar bens patrimoniais baixa un 7% en 2020 con relación ao previsto nos Orzamentos Xerais de 2019. Esta partida, que engloba as intervencións en edificios e outras construcións, a conservación de pinturas murais e retablos e a atención a xacementos arqueolóxicos, está dotada para o ano que vén con 5,29 millóns de euros, mentres que en 2019 acadou 5,68. 

O conxunto do programa de protección en promoción do patrimonio histórico, artístico e cultural, dependente desta Dirección Xeral, manexará desta volta 16,54 millóns de euros -inclúe conceptos como os gastos de persoal-. Para 2019 foron 16,48.

O Xacobeo é a estrela

A Xunta semella presentar o Xacobeo como "remedio a todos os problemas económicos e sociais" do país, lamenta o socialista Pérez Seco 

Estes montantes son, en calquera caso, moi inferiores ao que é a estrela da Consellería e do propio Goberno: o Xacobeo 2021, que segundo os cálculos de Román Rodríguez chega a sumar 62 millóns de euros no seu departamento, que ten un orzamento total de 143,8 millóns de euros no ano 2020. O conselleiro aproveitou a súa comparecencia parlamentaria para censurar que non haxa polo momento achegas semellantes do Goberno central para un evento que, lamenta a oposición, semella ser o único plan do gabinete de Alberto Núñez Feijóo para o país. 

Así, dende o PSdeG o seu deputado José Manuel Pérez Seco lamenta que a Xunta opte por "abandonar a cultura e a lingua galega" mentres "incha os orzamentos para un Xacobeo sen ideas". "O Goberno non ten máis impulso que o Xacobeo como remedio a todos os problemas económicos e sociais" e, así e todo, "o suposto incremento dos orzamentos de Turismo" por mor do Ano Santo limítase aos 9,6 millóns que "equivalen aos ingresos previstos por patrocinios".

Común da Esquerda ve no "negocio" do Xacobeo o único "modelo" da Xunta para a cultura e o BNG insta o conselleiro a ver que "hai máis vida" alén do Ano Santo e do Camiño de Santiago

Dende Común da Esquerda a súa deputada Ánxeles Cuña ve unha "falacia" que a Xunta fale de incremento do orzamento cultural, cando realmente "só medran para turismo e o Xacobeo". "O modelo do PP" está "claro" para a parlamentaria: "deixar o noso ecosistema cultural ao bordo do precipicio mentres alimenta o negocio millonario do Xacobeo", censura.

Pola banda do BNG, Olalla Rodil insta a Rodríguez a ter en conta que "hai máis vida que o Xacobeo e o Camiño de Santiago", por moito que ambos elementos sexan "importantes" do punto de vista económico e social. Neste sentido, a deputada nacionalista lamenta que na Consellería non sexan quen de ofrecer "unha visión de conxunto" na política cultural. "Hai máis vida que se cae en domingo o 25 de xullo" e o goberno debera facer máis que "moverse ao son do botafumeiro".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.