Finaliza a restauración do Pórtico da Gloria, que permite aprecialo con todas as súas cores

O Pórtico da Gloria tras a súa restauración © Fundación Barrié

O Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago xa amosa todo o seu esplendor. Veñen de rematar os traballos de restauración iniciados hai tres anos co obxectivo de protexer a obra, moi deteriorada, e recuperar o seu aspecto orixinal. A actuación foi posible grazas ao mecenado da Fundación Barrié, que investiu uns seis millóns de euros nesta e noutras accións no marco do Programa Catedral de Santiago.

A intervención foi precedida por un exhaustivo estudo previo que puxo en evidencia "a dramática deterioración do Pórtico da Gloria acelerado no últimos dez-quince anos", destacan os seus responsables. O Pórtico estaba nunha situación "crítica con constantes desprendementos de material e afectado por complexos mecanismos físico químicos de degradación de materiais", explican. Ademais, os produtos que se aplicaron nas últimas intervencións, moi pouco compatibles co monumento agravaban aínda máis esta situación", engaden.

Os traballos permitiron estabilizar o conxunto e preservar a policromía que aínda se conserva dun risco inminente de perda definitiva, conservándoa para futuras xeracións. Tamén supuxo unha oportunidade de excepción para profundar no coñecemento desta obra e da arte románico en xeral, así como nos procesos de deterioración que afectan os conxuntos de pedra policromada. O proceso de restauración desenvolveuse en varias fases, iniciándose no ano 2009 os estudos e diagnóstico que permitiron a redacción dunha proposta de intervención. En 2015 completouse a montaxe da estada para poder acceder a todos os relevos do nártex, abordando a intervención directa sobre os materiais.

© Fundación Barrié

Tres policromados

Durante a fase de intervención confirmouse a existencia de tres policromados ao óleo que cambiaron a imaxe do Pórtico. Unha primeira policromía con decoración medieval da que se conservan bastantes vestixios como se pode apreciar no anxo que porta a columna ou os que portan a cruz e que conservan por completo a primeira policromía (azul lapislázuli).

© Fundación Barrié

A segunda policromía dataríase no século XVI coincidindo coas modificacións primeiras da portada exterior e momento de importantes obras no templo. A utilización da cor é diferente neste caso; os azuis son azuritas nalgúns casos moi alteradas na actualidade; para os vermellos, utilizan bermellón e laca vermella de cochinilla; para os verdes, verde de cobre e para os brancos pigmentos de chumbo. As encarnacións son de cor máis intensa que na primeira policromía.

A terceira policromía é a que se atopa máis visible na actualidade. Realizaríase no século XVII. A paleta cromática utilizada é moi similar á renacentista. Destacando unha maior presenza da lámina de ouro, achegando un carácter barroquizante ao pórtico.

© Fundación Barrié

Os traballos

Os criterios de intervención foron moi conservadores, mantendo todos os restos de cor conservados e retirando unicamente os depósitos nocivos acumulados sobre a superficie e que poidan afectar á estabilidade dos materiais históricos, como é o caso da sucidade, os sales, os restos de natureza biolóxica, os morteiros de cemento e os produtos consolidantes acrílicos pouco compatibles coa superficie orixinal.

Para a documentación recorreuse ás últimas tecnoloxías, empregando técnicas fotogramétricas de alta resolución, escaneado 3D así como bases de datos para a xestión do inxente volume de imaxes e textos acumulados durante estes anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.