Berta Dávila e a experimentación, das novelas aos guións de cine

Conversa con Berta Dávila guiada pola xornalista Ana G. Liste no festival Abride a fiestra da Casa Rosalía de Castro CC-BY-SA Casa de Rosalía

A escritora compostelá conversou no festival Abride a fiestra da Casa de Rosalía arredor da súa última novela, a que está por vir e sobre a aventura de escribir a catro mans co cineasta Álvaro Gago o guión do seu próximo filme

A Casa de Rosalía é acubillo para escritoras todo o ano, por iso non esquece programar conversas sobre a vida, e a literatura, nos días de festa. O festival Abride a fiestra xa é unha data marcada no calendario para quen queira pasar un día cheo de actividades culturais para todas as idades coa propia Rosalía de Castro, e tamén Manuel Murguía, facendo de anfitrións na Casa da Matanza, en Padrón.

Unha das conversas desta edición reuniu a esta xornalista que escribe coa narradora e poeta compostelá Berta Dávila, que confesou sentirse en certos momentos un tanto fóra de lugar cando, por exemplo, cando a súa novela Os seres queridos, recoñecida co Premio Xerais de Novela, o Follas Novas e nos Premios da Crítica de Galicia, a conducen a responder preguntas que exceden o que unha escritora fai nun libro e apuntan máis ao que unha muller nova opina sobre un tema. Seguramente, así o comentamos, este sexa o seu libro máis 'etiquetado', unha característica do xornalismo para ordenar e explicar as cousas; aínda que as etiquetas non sexan negativas per se, si adoitan ser reducionistas.

Cuberta da novela 'A ferida imaxinaria', cunha ilustración de Pepa Prieto CC-BY-SA Xerais

Por iso, Berta Dávila lamentou que en ocasións o foco excesivo nos temas coloque ás escritoras no lugar de divagar sobre os aspectos que rodean estes temas á marxe de como un libro os enfoca e, en moitos casos, mesmo na contra do que o libro formula, coma se a novela fose o pretexto e non o asunto da conversa que suscita.

"Vinme frecuentemente convidada a falar sobre temas sobre os que eu teño unha opinión, ás veces unha experiencia persoal, e que desenvolvín na literatura, pero sobre os que non son unha experta. É como esta figura do escritor-tertuliano, que a min me custa moito, porque en xeral me custa moito falar desde fóra da literatura, e sempre me sinto un pouco como impostora. Non falo da síndrome de impostora, senón dunha true impostora", detalla.

Na recepción de Os seres queridos está o punto de partida da súa última novela publicada, A ferida imaxinaria, que publicou tamén coa editorial Xerais o ano pasado, na que aborda as soidades contemporáneas e, dun modo máis periférico pero determinante, esa complicidade –case tenra– que se podía atopar na rede nos primeiros anos da Internet, nunha rede máis predicible, máis manexable.

"A literatura xoga coas pezas da ficción que construímos para nomear a realidade e logo nós usamos esas pezas para facer outra simulación da realidade"

Na novela aparecen diferentes temáticas, como é habitual, pero ningunha delas ocupa a centralidade para a súa autora: "Cando digo isto teño a sensación de que a xente ás veces pensa que é unha pose, pero para min non o é. Porque a min, en xeral, os temas son o que me estorba dos libros. Non son o que vou perseguindo. Son os lugares aos que vou chegando. E, de feito, doume conta de que co paso do tempo o que máis me interesa é a periferia deses temas", asegura.

Así, Berta Dávila conta que A ferida imaxinaria é unha resposta a esa esixencia externa de etiquetalo todo para poder situalo nun lugar concreto e definido. "Quixen escribir un libro que funcione como un ballet, que se articule como un poemario. Son unha serie de temas e motivos recorrentes que se van duplicando en distintas versións dos mesmos tropos para falar dalgúns temas –en realidade– e dunha serie de personaxes medio estraños, para falar dunha especie de sensación de época que ten que ver coas conexións defectuosas que malia todo nos enlazan, con vínculos afectivos non de todo funcionais", destaca.

A escritora compostelá no Café El Muelle durante unha entrevista con Praza.gal CC-BY-SA Ana G. Liste/Praza.gal

O afán de experimentación que tivo como resultado a historia das catro irmás de A ferida imaxinaria levou a Dávila a enfrontar unha realidade aínda vixente: digamos que non se lle concede a unha escritora muller e 'nova' a autoridade para facer algo que poida levar a contraria ás expectativas de quen le. "Segue existindo un tipo de lector que non asume que unha escritora que non escribe o que el espera talvez quixo escribir exactamente o que escribiu, e iso pode ser algo que por suposto a ese lector non lle interese, pero non ten por que ser algo do que a escritora non é consciente", razoa. Coñecemos, pola contra, que isto non lle sucede ás voces literarias de escritores homes, e debemos apuntalo tamén para quen nos lea.

"A literatura xoga coas pezas da ficción que construímos para nomear a realidade e logo nós usamos esas pezas para facer outra simulación da realidade. A min interésanme moito os intersticios desa fabricación", sinala a escritora, que na actualidade está traballando simultaneamente en dous proxectos moi distintos. Ten en marcha unha nova novela que xa está definindo o que quere ser, pero da que non se pode adiantar nada, e está a escribir a catro mans o seu primeiro guión de cine.

"Estou moi contenta porque é unha experiencia que nunca pensei en ter. Nunca fixen nin sequera unha especulación de cara á posibilidade de escribir para o cinema"

"Estou escribindo con Álvaro Gago o guión da súa próxima película, que se titulará Porto Alegre e que será preciosa. Foi unha proposta que me fixo moita ilusión porque son curiosa e porque adoro aprender e experimentar. Estou moi contenta porque é unha experiencia que nunca pensei en ter. Nunca fixen nin sequera unha especulación de cara á posibilidade de escribir para o cinema, primeiro porque son unha persoa á que lle gusta moito escribir novelas e, por outro lado, non creo que a miña obra sexa de alguén que obviamente debera escribir para o cine", reflexiona Dávila.

Todo este proceso está a ser moi estimulante e a compostelá compartiu o seu entusiasmo co público asistente ao festival Abride a fiestra. A autora tende a reflexionar moito sobre a estrutura das novelas e atopou aquí unha conexión coa narrativa que se emprega para as películas. "Escribir a partir de accións e estruturar a unha historia desde o inicio é un exercicio moi estimulante. Agora teño a expectativa de ver todo concretado nunha pantalla, como se vai proxectar esa escritura, que ten que imaxinalo todo antes de que se poida ver", explica.

Uns días antes desta conversa en Padrón, Berta Dávila estivo en Italia para recoller o Premio Ostana 2025 na categoría Giovani, un recoñecemento que distingue autoras e autores novos que escriben en linguas minorizadas de todo o mundo. Viaxou a Ostana, nos Alpes, e participou no festival Premio Ostana: scritture in lingua madre – escrituras en lenga maire, organizado pola Chambra d’Òc. Foi a primeira vez que o seu fillo a acompañou nunha viaxe por traballo. O certame destacou "o seu percorrido excepcional como escritora e poeta, a súa capacidade de renovar a linguaxe literaria cunha voz auténtica e orixinal, e o labor constante de difusión da literatura galega máis alá das súas fronteiras naturais".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.