As letras galegas volven recoñecer a Berta Dávila e Ledicia Costas. A autora compostelá vén de lograr un duplo triunfo ao ser distinguida co XXXVIII Premio Xerais de Novela e, ao tempo, lograr o XIII Jules Verne de Literatura Xuvenil coas súas obras Os seres queridos e Un elefante na sala de estar, respectivamente. A escritora viguesa, pola súa banda, obtén o XXXVI Premio Merlín de literatura infantil c'O neno de lume.
A escritora compostelá logrou o Xerais c''Os seres queridos', un "autorretrato incómodo sobre o amor maternal", e o Jules Verne por 'Un elefante na sala de estar', a historia "dunha familia que atravesa o camiño do loito co peso do estigma" do suicidio
No acto organizado por Xerais en Meirande (Redondela) para dar a coñecer os seus galardóns de 2021, Berta Dávila amosouse "contenta e emocionada" por un duplo recoñecemento que, no caso do Premio Xerais, distingue unha novela que pensou "non rematar nunca", un "autorretrato incómodo sobre o que significa o amor maternal". Destaca o xurado que a autora construíu un "magnífico discurso autoficcional sobre os afectos e os vínculos entre persoas" e "afonda no significado do amor maternal e as arestas controvertidas da maternidade" a partir da historia dunha muller que, cinco anos despois de ter un fillo, volve quedar embarazada e decide abortar.
No caso d'Un elefante na sala de estar, premio Jules Verne, Berta Dávila explica que quixo contar "sobre o terrible" a partir "dunha familia que ten que iniciar o dó e atravesar o camiño do loito co peso do estigma" polo suicidio dun ser querido. Para o xurado, o libro trata o tema "con sensibilidade a través dun estilo limpo e coidado", unha "lectura amable que engancha dende o primeiro momento" que agocha un "final sorprendente".
Estes dous premios engádense a recoñecementos anteriores á obra da autora. Así, por exemplo, en 2020 Berta Dávila gañou o XIV Premio Repsol de Narrativa Breve con Illa Decepción e, no 2019, levou o Premio da Crítica co Premio da Crítica na súa modalidade de narrativa por Carrusel, que tamén fora galardoado co XXXI Premio García Barros de novela. Asemade, tamén obtivera o Premio Repsol c'O derradeiro libro de Emma Olsen e o seu poemario Raíz da Fenda fora recoñecido co prestixioso Premio da Crítica Española.
O xurado do Premio Merlín, pola súa banda, elixiu a obra que resultou estar escrita por unha das referencias da literatura infantil e xuvenil (mais non só) do país, Ledicia Costas. No proceso de escrita d'O neno de lume, evocou, lembrou a "fascinación" que como lectora lle producira A nena dos mistos de Hans Christian Andersen e tamén reparou, explicara, que "nunca escribira un conto de fadas".
N''O neno de lume', Ledicia Costas constrúe unha obra de "extraordinaria sensibilidade" sobre "o valor das diferenzas, as inxustizas sociais e o incuestionable poder da amizade", destaca o xurado
"Ás veces hai máis literatura na vida de quen a constrúe que nos propios libros", reflexionou Costas ao recoller o premio que, explicou, tamén a fai "viaxar sete anos atrás", cando levou o mesmo galardón con Escarlatina, a cociñeira defunta "e a miña vida mudou dun día para outro". Este novo traballo segue a senda dos contos clásicos, é "unha historia de néboa, sopa e nenas e nenos singulares" a partir de Morgan, un neno peculiar que, sendo bebé, apareceu entro dunha cesta diante da casa da señora Culpepper xunto cunha nota: "Lévenme máis alá da néboa. Busquen a casa das tres irmás e dígalles que son o neno de lume".
Para o xurado, O neno de lume sorprende pola "súa eficacia narrativa" e mais "pola orixinalidade dos personaxes", tamén "pola plasticidade dos escenarios". O público infantil que se achegue ao libro, avanzan, atopará unha obra "salpicada de efectivas doses de humor, tenrura e irreverencia" que fala, "sen caer no didactismo", cunha "extraordinaria sensibilidade" sobre "a busca das orixes, do valor das diferenzas, das inxustizas sociais e do incuestionable poder da amizade".
Na entrega dos seus premios, Xerais evocou o recentemente falecido Darío Xohán Cabana
Este novo Premio Merlín alarga a xa prolongada listaxe de recoñecementos á obra de Ledicia Costas. A escritora, Premio da Cultura Galega 2021, gañou o premio Lazarillo en dúas ocasións, obtivo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil do Ministerio e Cultura por Escarlatina, a cociñeira defunta ou o Premio Kelvin 505 á mellor novela xuvenil. Tamén obtivo, entre outros, o premio Losada Diéguez por Infamia (2019).
Berta Dávila e Ledicia Costas foron galardoadas nun acto no que estivo moi presente a lembranza do recentemente falecido Darío Xohán Cabana a través do discurso do director de Xerais, Fran Alonso. Darío Xohán Cabana, lembrou, foi "un artesán desa lingua excelsa que fai posible que agora presentemos tres novas obras" e sexa posible seguir celebrando "a coraxe das letras" a través destes premios.