Os dous títulos cos que nace o novo selo editorial independente de Dávila e Meixide chegarán ás librarías o día 23 e presentaránse na Culturgal
No Día das librarías coñécese o nacemento dun novo selo editorial independente en Galicia. Rodolfo e Priscila, editora indecisa chega da man das escritoras (e editoras) Berta Dávila e Carlos Meixide. A partir do día 23 estarán nas librarías os dous primeiros títulos deste proxecto que non se pon límites, pois nace "sen compartimentos que determinen de maneira exacta o que cabe nela e o que non", aínda que os seus intereses "veñen determinados pola brevidade e o contemporáneo" na selección de obras.
A Culturgal, a feira galega das industrias culturais, que neste segundo ano de pandemia recupera a presencialidade no Pazo da Cultura de Pontevedra, acollerá a presentación da editora o sábado 27, ás 12.15 horas no Espazo Libro. Do 26 ao 28 de novembro, Rodolfo e Priscila terá na feira un stand cos seus libros á venda.
Con "lentitude" e "coidado persoal para cada título" afrontan o proceso de edición, que conta coa maquetación e mais o deseño de Roi Fernández. O primeiro libro que presentan é A poesía como arte insurxente do poeta, dramaturgo e novelista, libreiro e editor, xornalista e tamén pintor Lawrence Ferlinghetti, que se editou en 2007 e agora poderá lerse por vez primeira en galego grazas á tradución do poeta e xornalista Daniel Salgado.
Dende a editora indecisa detallan que a obra A poesía como arte insurxente é o depósito de aforismos co que Lawrence Ferlinghetti (Nova York, 1919) intenta comprender a poesía e, por extensión, a vida. É o manual de instrucións, a caixa de ferramentas, dun poeta moderno.
O Pequeno álbum de Nova York en inverno é a segunda proposta do selo independente, que ten como autores aos responsables da editora. O libro recolle as ilustracións de Berta Dávila acompañadas dos textos de Carlos Meixide. "Trátase dun relato da viaxe que serviu de sementeira para o proxecto ‘Rodolfo e Priscila, editora indecisa’, unha publicación concibida como carta de presentación do selo, que dá conta dunha historia de amor atravesada pola panorámica íntima da cidade", explican.
Berta Dávila gañou o Premio da Crítica en 2019 pola súa novela Carrusel, editada en galego por Galaxia e en castelán pola editorial Barret, pola que tamén recibiu o Premio de Novela Manuel García Barros. Carrusel mostra a convivencia dunha escritora coa súa doenza mental, e como encara o presente aprendendo das súas vivencias. En 2020 publicou Illa Decepción (Galaxia), co que acadou o Premio Narrativa Breve Repsol. Carlos Meixide recibiu en 2019 o I Premio de Novela Camino de Santiago con Camiño de paixóns (Galaxia). Entre as súas obras autoeditadas figuran os títulos Ons, Cans, Inge e Robbie, Guitiriz e Arousa.