"A doenza pode ser tan hereditaria como a culpa ou a literatura"

Berta Dávila, gañadora do premio de novela García Barros con 'Carrusel' CC-BY-SA Cedida

Hemeroteca

Berta Dávila gañou o XXXI premio de novela García Barros con ‘Carrusel’, que publicará Galaxia este outono e do que o xurado salientou a depuración estilística, o traballo lingüístico e o coidado das imaxes

O premio de novela García Barros, que convoca cada ano o Concello da Estrada, recaeu na súa XXXI edición, na autora compostelá Berta Dávila. O xurado elixiu gañadora a súa obra 'Carrusel' destacando no fallo "a depuración estilística, o traballo lingüístico e o coidado das imaxes" que contribúen á achega "dun mundo interior gobernado pola sensualidade e a autenticidade dos sentimentos".

A Editorial Galaxia publicará 'Carrusel' este outono, no que vai supoñer o agardado regreso ao mercado editorial dunha escritora que en 2014, con apenas vinte e seis anos, foi recoñecida autora do ano pola asociación galega de editores tras a publicación de dúas obras de indiscutible éxito de público e crítica: a súa última novela ata a data, 'O derradeiro libro de Emma Olsen' (Premio Repsol), e o poemario 'Raíz da Fenda', recoñecido co prestixioso Premio da Crítica Española.

Que nos podes avanzar sobre 'Carrusel'?

'Carrusel' é unha novela que pode inscribirse dentro do que ás veces se chama autoficción. Nese sentido, parte dunha voz narrativa en primeira persoa que, ademais, é unha escritora. En concreto unha escritora que enfronta unha etapa na que non é quen de escribir, que é unha situación complicada para calquera que escribe.

Experimentaches ti mesma esa situación? É certo que hai seis anos xa da túa última novela.

"Ningún futuro está escrito e, moito menos, o de quen escribe, e supoño que iso conta a novela"

Experimenteina, si, supoño que é o punto de partida da novela. A escritora protagonista decátase de que ten que encarar as súas sombras persoais para poder escribir, como se dalgún xeito esas sombras se interpuxesen entre ela e a escrita, e iso é o que fai no libro. Ela está afectada por unha doenza mental que se lle impón, e que é unha circunstancia que non tratou nunca nos seus outros libros. Decide facelo neste. A experiencia da maternidade e da doenza, así como a perda de seres queridos importantes, haberá de resignificar a vida que lle resta por vivir e tamén a que xa viviu, e daquela elabora unha reconstrución do seu percurso vital e da súa relación co tío Carlos, afectado pola mesma enfermidade, tratando de tender fíos cara unha historia familiar e persoal que a axude a entender e a entenderse no pasado e no futuro. Pero ningún futuro está escrito e, moito menos, o de quen escribe, e supoño que iso conta a novela.

Berta Dávila, gañadora do premio García Barros © Galaxia

O xurado destaca o uso na novela “da lóxica das matemáticas como ancoraxe racional do incomprensible”. Faise constante referencia a conceptos ou obxectos como: números perfectos, carruseis, caixas de música, eixes xeográficos de ida e volta que determinan percursos vitais... a propia novela ten en si mesma a necesidade de constituírse nunha sorte de engrenaxe perfecta. A que se debe isto?

"Hai algo moi neurótico no meu xeito de escribir e de medir as palabras e os textos. Non sei se é un rasgo de estilo ou se é o meu xeito de afrontar o traballo ou a vida en xeral"

Hai algo moi neurótico no meu xeito de escribir e de medir as palabras e os textos. Non sei se é un rasgo de estilo ou se é o meu xeito de afrontar o traballo ou a vida en xeral. Paréceme precisa a palabra engrenaxe. As matemáticas, os números, as cousas que funcionan cunha lóxica mecánica, como as caixas de música, son conceptos que me fan sentir a salvo de algo que me sobrepasa. Son ancoraxes. Funcionan así na novela, como lugares seguros.

A idea do carrusel tamén parece un pouco obsesiva

Ti cres? Por que?

Dá voltas sobre si mesmo unha e outra vez, sempre coa mesma melodía...

Todo o que se repite pode ser obsesivo, agás cando estás subida na roda, supoño. Daquela o que xira é todo o resto

"A doenza pode ser tan hereditaria como a culpa ou a literatura. Nese sentido aparece a idea do carrusel, como un xoguete perverso no que todos xiramos repetíndonos, os membros da familia, algúns destinos"

En todo caso este título, 'Carrusel', achéganos algunha outra pista acerca do libro?

Cústame moito poñer títulos. A novela afonda na familia como entidade primeira na que se asenta a identidade, e nesa identidade inicial, de estrea, está tanto o hereditario como ambiental. A doenza pode ser tan hereditaria como a culpa ou a literatura. Nese sentido aparece a idea do carrusel, como un xoguete perverso no que todos xiramos repetíndonos, os membros da familia, algúns destinos. Pareceume unha idea que empaquetaba ben este libro, o xiro, a roda e o xogo.

Había seis anos que non publicabas unha novela, dende a exitosa 'O derradeiro libro de Emma Olsen', gañadora do premio Repsol de Novela Breve en 2013. Daquel tempo é tamén o teu último poemario, 'Raíz da Fenda', que che valeu o premio nacional da crítica... Sentes vertixe por este regreso á exposición pública?

"O éxito é algo moi relativo. Non sinto vertixe no que se refire a ningunha desas cousas, o que sinto con este libro creo que é algo de medo por como o entendan os lectores"

O éxito é algo moi relativo. Non sinto vertixe no que se refire a ningunha desas cousas, o que sinto con este libro creo que é algo de medo por como o entendan os lectores. Non por ningunha desas cousas que mencionas, a verdade, senón polo que esta novela significa. Falo de corazón cando digo que significa moito para min, non é unha pose. Apetéceme moito que chegue a mans dos outros. Escribimos para que nos lean.

Que significa entón esta novela para ti?

Un lugar. Precisaba atopar o meu sitio no carrusel.

E atopáchelo?

Hai que ler o libro para sabelo.

Berta Dávila Dominio Público Praza Pública

Antes falabas da autoficción, un termo bastante habitual nos últimos tempos. Véñenme a cabeza autoras e autores como Annie Ernaux ou Emmanuel Carrère, que parten do persoal para crear ficción, como parece ser o teu caso en 'Carrusel'. Que achega de novo respecto a 'O derradeiro libro de Emma Olsen'? 

Interésanme moito os autores que comentas. Tamén, por outros motivos, algunhas cousas que fai Amélie Nothomb e algunhas cousas que fai Juan José Millás. Para min as novelas son artefactos que serven para contar cousas que me urxe contar por razóns que moitas veces me son esquivas. 'O derradeiro libro de Emma Olsen' é o xeito que atopei de falar de como ser capaz de trazar unha liña e pasar ao outro lado. 'Carrusel' conta outra historia, e creo que debía contala así. Non procuraba que fose novidosa, procuraba que fose honesta.

Falabamos de vertixe ante a inminente aparición da nova novela, pero polo de agora cando menos xa gañou un premio de prestixio. Que supoñen os premios nunha carreira literaria como a túa? 

Supoñen que o texto se converta en libro a curto prazo, e tamén comportan unha achega económica. Son dúas cousas se cadra evidentes pero non por iso deixan de ter importancia. Alén diso, son consciente de que os premios dependen de moitas cousas ás veces azarosas, e síntome moi afortunada nese aspecto.

Era o García Barros primeiro ao que te presentabas con 'Carrusel'?

Non, non foi o primeiro ao que presentei 'Carrusel'. Tamén foi finalista do Xerais en xuño.

'Carrusel' editarase antes de que remate o ano, e por esas datas está prevista tamén a aparición da novela gráfica que adapta Emma Olsen. que nos podes contar dese proxecto?

A novela gráfica sairá un pouco máis adiante. Eu estou particularmente contenta co traballo que está a facer Pablo Prado, creo que vai ser unha edición moi chula. É moi bonito que o que foi novela se adapte a outros formatos, amplía a experiencia do libro e do personaxe.

Empezaches a publicar moi nova polo que a estas alturas tes xa unha obra moi consistente, composta ademais por novelas, relatos, poesía... Botando unha ollada ao conxunto da túa carreira como escritora, como te ves?

"Unha vez dixéronme que hai que escribir os libros que non podemos evitar escribir. Iso é 'Carrusel'"

Son consciente de que son moi afortunada polas cousas que aconteceron arredor dos meus libros últimos. Eu entendo o traballo de escribir como un oficio, case como unha artesanía. Nese sentido para min é un proceso íntimo, case físico, de indagación, que se fai libro a libro, e diría que palabra a palabra, así que non me observo moito nun sentido global como escritora nin teño unha avaliación que facer sobre min que inclúa conceptos como "carreira". Escribo e trato de facelo de forma rigorosa. E faime moi feliz. Unha vez dixéronme que hai que escribir os libros que non podemos evitar escribir. Iso é 'Carrusel'.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.