"A grande historia de amor da vida de Jane Austen é a que tivo coa súa irmá Cassandra"

Raquel C. Pico na casa mortuoria de Jane Austen en Winchester © Raquel C. Pico

Raquel C. Pico vén de publicar 'O mundo de Jane Austen' (Sushi Books), un híbrido entre biografía e libro de viaxes que nos achega á figura da escritora británica no seu 250 aniversario

Este 2025 celebramos o 250 aniversario do nacemento dunha das máis destacadas escritoras da Historia, a británica Jane Austen. Unha autora capaz de interpelarnos hoxe, dous séculos despois do seu falecemento, coas súas historias cargadas de ironía e lixeireza. Entusiasta da súa obra, e do que representa como escritora, a xornalista Raquel C. Pico vén de publicar O mundo de Jane Austen (Sushi Books), un híbrido entre biografía e libro de viaxes que nos achega á súa figura.

A fascinación de Raquel C. Pico (Santiago de Compostela, 1984) coas mulleres que abriron camiño xa nos agasallou coa publicación de Noticias da modernidade (Editorial Galaxia, 2021), no que dá conta das mulleres galegas modernas de hai un século. Ademais, esta non é a primeira vez que traballa coa vida e obra de Jane Austen. Fíxoo man a man con Ana Bulnes e María Ramos Domínguez na edición de Emma especialmente anotada e prologada para público xuvenil que tamén publicou Sushi Books.

O venres 14 de novembro, no aniversario de Jane Austen, Raquel C. Pico presentará o libro xunto a Ana Bulnes na libraría Libraida de Gondomar, con torta e té para celebrar esta sinalada data, á partir das sete da tarde. O 25 de novembro, ás 19 horas, estará na libraría Berbiriana da Coruña; o 11 de decembro na libraría Cartabón de Vigo; e o 13 de decembro, ás 12h, na libraría Rosalía&cia de Redondela

Montaxe dun retrato de Jane Austen por enriba dunha fotografía da casa museo da autora en Chawton CC-BY-SA Raquel C. Pico/Dominio Público

"Como se trata dunha autora á que moitas descubrimos na adolescencia, medramos con ela; e só iso xa fai que a sintas moi próxima"

Fálenos da súa ‘amizade’ con Jane Austen, medrou mentres estaba a escribir este libro? Por que quixo tratala con esta proximidade?

A ver, a min sempre me produce moita manía cando a xente fala das escritoras e fala de Emilia, de Jane ou de Charlotte para referirse a Pardo Bazán, Austen ou Brontë; pero non falan de Benito en lugar de Pérez Galdós. Mais, tendo isto en conta, Jane Austen si que é Jane para min porque cando entras neste bucle sentes que está moi próxima e acabas falando dela como de Jane, como quen se refire á unha amiga máis.

Como se trata dunha autora á que moitas descubrimos na adolescencia, medramos con ela; e só iso xa fai que a sintas moi próxima. Despois, unha vez que entras neste bucle de ler sobre a súa vida e peregrinar aos lugares onde residiu xa comeza a ser adictivo. De feito, o difícil de escribir este libro foi decidir cando paraba.

"A Jane Austen que sentimos tan próxima é o que os ingleses chaman 'confort reading'. A xente xa a lía na Segunda Guerra Mundial, como volveu pasar na pandemia, para sentirse mellor"

Realmente, esa sensación de proximidade das súas novelas é fundamental para entender que siga sendo unha autora vixente 250 anos despois na literatura, mais tamén nun imaxinario pop que non deixa de crear pezas audiovisuais arredor das súas historias. Producións que seguiremos consumindo, non si?

Si, e en masa. No libro dou un dato, que xa quedou obsoleto, de que hai 105 producións audiovisuais realizadas sobre unha historia de Austen. Pero é que dende que rematei o libro Netflix xa anunciou unha nova adaptación. A Jane Austen que sentimos tan próxima é o que os ingleses chaman confort reading. A xente xa a lía na Segunda Guerra Mundial, como volveu pasar na pandemia, para sentirse mellor.

A Jane Austen que sentimos tan próxima é o que os ingleses chaman confort reading. A xente xa a lía na Segunda Guerra Mundial, como volveu pasar na pandemia, para sentirse mellor.

Ten moitas caras. Por suposto, está o feito de que é unha figura importantísima da historia da literatura; mais tamén é a máis rica do cemiterio, cunha industria derivada das súas novelas impresionante. Eu penso que Jane Austen é un pouco como Rosalía de Castro para nós. 

En Rosalía de Castro temos desde as interpretacións feministas máis modernas, que a ven como unha revolucionaria rompedora; ata as da señora chorona que non facía máis que estar laiándose pola terra. E un montón de cousas polo medio, pois con Jane Austen pasa o mesmo.

Cuberta do libro 'O mundo de Jane Austen', de Raquel C. Pico © Sushi Books

"É interesantísimo que ela está escribindo unhas novelas súper ancoradas no seu tempo, pero que agora vemos como atemporais"

Traza un paralelismo entre a situación das irmás Bennet en Orgullo e Prexuízo e a vida da propia Jane Austen e a súa irmá Cassandra, moito máis precaria do que intentaban proxectar na sociedade da época. As mulleres estaban moi limitadas, pero ás veces a súa propia pericia era o único que as podía salvar da ruína...

Ás veces caemos na trampa de pensar o feminismo desde os códigos de hoxe, pero é 1805 as circunstancias para as mulleres eran moi distintas. Podes coller agora unha novela de Jane Austen e reducila a unha historia sentimental de rapaz a coñece rapaza, e acaban xuntos. Mais en realidade, a trama matrimonial conténmoitos máis matices. Resulta moi interesante como ela lle dá ás súas protagonistas unha capacidade que na vida real terían moi limitada.

Sempre se di que ela escribe como fóra do tempo porque as cousas que vive na súa época, un período histórico cargado de revolucións, guerras e moitísimos cambios sociais, son moi interesantes e é doado situarse neles. Pero non é tan así, ela falaba do seu tempo para os seus contemporáneos, o problema é que a nós fáltannos as claves para decatarnos diso.

Penso que é interesantísimo que ela está escribindo unhas novelas súper ancoradas no seu tempo, pero que agora vemos como atemporais. Estamos lendo novelas que teñen 200 anos e estamos gozándoas como se fosen unha novela que se publicou antonte. É dicir, non nos custa seguir a historia nin empatizar con súas protagonistas.

"Sempre se fala dun montón de pretendentes homes ao longo da súa vida, pero eu creo que a grande historia de amor da súa vida é a que tivo coa súa irmá Cassandra"

No libro chega a destacar a solidariedade feminina, presente nas obras de Jane Austen mais tamén na súa vida real.

A sororidade é un concepto acuñado neste século, pero antes xa cabía a solidariedade feminina. Sempre se fala dun montón de pretendentes homes ao longo da súa vida, pero eu creo que a grande historia de amor da súa vida é a que tivo coa súa irmá Cassandra. Na súa carreira como escritora tiveron máis influencia súa irmá e Martha Lloyd, unha amiga delas que tamén quedou orfa. Decidiron xuntar os seus recursos e vivir todas xuntas, tamén coa nai de Austen, como nunha especie de comuna. Cassandra e Martha facían máis tarefas no fogar, o que lle permitiu a Jane centrarse na escrita. Se te fixas, nas súas novelas sempre hai moito peso das irmás ou de figuras semellantes. 

Á visión que temos dela contribuíu a súa propia familia. Que imaxe dela construíron os seus sobriños?

Temos a gran sorte de que Jane Austen é unha figura súper popular e coñecida que esperta moitísimo interese, por iso levamos durante todo o século XX e o que vai de XXI cun montón de historiadoras expertas en literatura facendo investigacións moi profundas apoiadas en fontes documentais que axudan a desmentir a visión que transmitiron os seus sobriños de que ela estaba illada do mundo e escribiu por casualidade, ou que a súa familia pertencía a unha clase social máis acomodada.

Raquel C. Pico en Southampton, nunha parada da súa ruta de turismo austeniano este verán © Raquel C. Pico

Non se pode esquecer, como sinala no libro, que as mulleres na época de Jane Austen non tiñan dereitos civís. Se non era considerada cidadá, como ía ser recoñecida como autora?

Isto é algo que me fascina cando leo sobre as escritoras desta época porque o dereito de autoría é un dereito inherente a túa condición de cidadá. Pero se para a lei non es realmente unha cidadá, pois que que pasa cos teus dereitos? Por iso eran os seus pais, irmáns ou maridos quen negociaban os dereitos de autoría. Ademais hai que ter en conta outra cuestión, e é que non estaba ben visto que unha muller de clase alta traballara porque no momento no que pasabas a ter un salario xa eras clase traballadora.

Entón, isto facía que a situación das escritoras fose moi rara. E podemos pensar que non había moitas, pero é que nesta época da literatura inglesa había un montón de escritoras, elas eran as que escribían as novelas, que eran o que máis se vendía.

"O dereito de autoría é un dereito inherente a túa condición de cidadá. Pero se para a lei non es realmente unha cidadá, pois que que pasa cos teus dereitos?"

Nesas circunstancias podemos incluso elucubrar con que Jane Austen puido sentir algo parecido á síndrome da impostora, pois o primeiro manuscrito de Orgullo e Prexuízo que remitiu a un editor a través do seu pai foi rexeitado.

Si, e antes diso fixéronlle algo feísimo. Mercaron os dereitos de A abadía de Northanger pero non publicaron a novela. Cando ela vendeu o libro supuxo unha gran ilusión, era o primeiro libro que lle mercaban, pero despois tivo que loitar moito para recuperalo. Non logrou xuntar os cartos para pagar de volta os dereitos de autor que lle pagaran nun inicio ata que xa tiña publicadas Orgullo e Prexuízo e Sentido e Sensibilidade. Pero claro, non podemos saber ata que punto ela sentía a síndrome de impostora porque as cartas que conservamos son moi limitadas. Na serie Miss Austen, producida pola BBC e que se pode ver en MovistarPlus+, vemos a unha Jane que dubida do seu talento e da súa condición de escritora. Imaxino que iso puido suceder, pero ela non foi unha escritora casual como indican algúns familiares. Está claro que si quería ser escritora, tiña unha vontade de contar esas historias e mantiña máis relación co mundo intelectual do que puidera parecer.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.