- 🟪🟧🟦EN VINTE | Vinte na rúa
A entidade xestora do dominio galego en internet e a Fundación Praza Pública, editora de Praza.gal e VINTE, renovan o seu convenio para a publicación do espazo no que a revista achega historias de xente coa que nos cruzamos a diario e merecen ser contadas, desta volta cun maior compoñente multimedia
Vinte na rúa é o espazo no que, dende a primavera de 2024, a revista VINTE nos achega a historias de xente coa que nos cruzamos a diario e que merecen ser contadas. Neste tempo virou en espello da vida cotiá de vilas e cidades galegas a través da ollada da súa veciñanza.
Dende o comezo Vinte na rúa conta co impulso de PuntoGal, a entidade xestora do dominio galego en internet, que vén de renovar o seu convenio coa Fundación Praza Pública, editora de Praza.gal e mais de VINTE, para este 2026. A colaboración consolídase para seguir ofrecendo historias en primeira persoa, achegando as distintas experiencias profesionais e vitais nun ano no que Vinte na Rúa será máis multimedia, con máis pezas en formato vídeo que procurarán chegar máis e mellor á audiencia desta revista de sociedade, cultura e tendencias.
Durante o pasado 2025 o Vinte na Rúa achegounos unha manchea de historias de persoas que, en ocasións, cruzamos pola rúa sen saber que ben merecen ser contadas. Un profesor e músico cun compromiso co alumnado que vai moi alén das aulas, unha fotógrafa galega con pegada internacional, xentes que sacan o mellor da nosa gastronomía, persoas multifacéticas que tanto che escriben un libro como che fan unha obra nun edificio público...
Con esta renovación PuntoGal e VINTE reafirman o seu compromiso coa visibilización do talento e das historias locais, coa difusión de contidos de calidade en galego e o fortalecemento dun ecosistema informativo dixital propio
O Vinte na Rúa tamén se mergullou no Atlántico cunha profesora surfeira ou coñeceu o mundo das orquestras dende a outra beira do campo da festa. Tamén nos permitiu saber máis do deporte de base coa presidenta dun club histórico do voleibol galego, de danza e uso do galego na mocidade cunha moza bailarina ou do traballo dun violinista da Orquestra Sinfónica de Galicia. "Todas elas amosaron a riqueza, pluralidade e dinamismo da sociedade galega", destaca PuntoGal.
Con esta renovación, PuntoGal e VINTE reafirman o seu compromiso coa visibilización do talento e das historias locais. Tamén o propósito conxunto da xestora do dominio.gal e da Fundación Praza Pública para contribuír á difusión de contidos de calidade en galego e ao fortalecemento dun ecosistema informativo dixital propio.