"Isaac xa falaba dunha rede na que íamos quedar todos atrapados"

Composición con creacións cerámicas e mobiliario da fábrica de Sargadelos, impulsada por Isaac Díaz Pardo e Mimina Arias de Castro © Matriuska Producciones

Hoxe e o resto do mundo é a primeira longametraxe documental de Cecilia Díaz Betz, neta de Isaac Díaz Pardo e Mimina Arias de Castro, que consideraba que "faltaba" unha película para contar todo o que fixeron os seus avós agora que xa son eternos. 

O filme vén de participar no Festival Internacional de Cine de Xixón (FICX), dentro da sección Esbilla, coa presenza da directora, que acompañou a película ata Compostela para participar esta semana en Cineuropa. A cinta poderá verse tamén no Festival Rizoma de Madrid, antes da súa estrea na Coruña o vindeiro 3 de decembro, nos Cantones Cines, nunha sesión especial co equipo. Esa primeira fin de semana de decembro haberá pases tamén nos cines de Viveiro e na sala NUMAX de Compostela.

Cecilia Díaz Betz puido ver a película por primeira vez en pantalla grande en Xixón, onde tivo unha moi boa acollida por parte do público, entre o que había moitas persoas vinculadas á asociación cultural Gesto de Xixón, que remataron o visionado con moita emoción. "Había moitas preguntas sobre Isaac e o seu pensamento, que é moi interesante coñecer máis aínda nun momento coma este", sinala a cineasta, para quen a fábrica de Sargadelos en Cervo era a súa segunda casa, un lugar repleto de memorias infantís que se converteu a propósito do filme nun espazo ao que mirar con outros ollos para comprender todo o pasado.

Retrato de Cecilia Díaz Betz © Cecilia Díaz Betz

Foi azaroso, pero presentar esta película nun momento político e social coma este é un reto maior?

De feito, a medida que avanzabamos coa película iamos vendo que todo se estaba deteriorando moito no eido político, cunha regresión ao pasado moi perigosa e, incluso, terrorífica. Xa cando soubemos do adianto electoral, coa participación nos festivais confirmada... O que pensei foi que chegabamos a tempo coa película, que aínda podemos achegar o pensamento de Isaac a xente antes de que vaia votar.

Como foi o traballo co arquivo, volver escoitar o seu avó nas entrevistas, con esa idea tan clara que tiña do que era Galicia e do que quería facer polo país? Porque Isaac sempre foi idealista, non empresario.

Claro, un idealismo que ao final se materializou, en moitos aspectos, e contra vento e marea. Nós estamos agora mesmo nunha situación sociopolítica complicada, pero isto todo foi en pleno réxime franquista. Cando me atopo co que di nas gravacións non podo máis que pensar que era un visionario, el sabía perfectamente que iamos acabar así. Tiña moi claro que o neoliberalismo nos ía comer, e que a procura só da liberdade comercial traería moitísimos problemas. Que xa nos anos noventa estivera comentando todo isto era, definitivamente, dun home avanzado ao seu tempo, porque sempre o foi.

Ademais, súas ideas seguen vixentes hoxe.

Si, e necesitamos recuperar pensadores humanistas deste calibre, porque volvemos a estar nunha crise importante a nivel de ideais, e de cuestións políticas, claro.

Díaz Pardo tiña moi claro, vémolo na película, que un país precisa de referentes, pero el non se coloca aí, senón que busca de traer de volta aos exiliados, como é o caso de Luis Seoane, para que a sociedade galega o coñeza.

Si porque el despois da Guerra Civil, xa en plena ditadura, os primeiros anos pensaba que desaparecera todo o mundo, que non se salvara moita xente. Pero a primeira vez que pode saír de España, cando está estudando Belas Artes en Madrid e xa se convertera nun pintos recoñecido, viaxa a Londres por unha exposición –debeu ser en 1946 ou 1947– e alí entra en contacto con Luis Cernuda e unha serie de exiliados destacados. Ese encontro acende a chispa do que vai ser o resto da súa vida porque se decata de que non estaba todo perdido, e decide que esa recuperación da memoria sexa a súa teima e o seu obxectivo final en todo o que fai.

No proceso de creación do filme, sentiu paralelismos coa actualidade agora que temos unha Lei de Memoria Democrática?

Si, é que o noso bisavó, o pai de Isaac, Camilo Díaz Baliño, segue aí nunha cuneta. Estamos comezando os trámites para poder exhumar o seu corpo porque, aínda que está localizado, creo que era algo que lle doía tanto que Isaac preferiu non remexer na terra. Eu creo que non se quería enfrontar a iso outra vez. E a xeración do meu pai e do meu tío, pois un pouco herdaron esa dor tan profunda, esa ferida. Entón, cremos que somos os netos os que temos que dar este paso e empezar este trámite tan importante. Tamén porque é unha forma de apoiar a Lei de Memoria, que é importantísima para este país porque as feridas non están pechadas e non houbo xuízo a ninguén.

Eu sinto que dalguna maneira coa vida de Isaac, todo o que lle pasou, todos os capítulos que atravesou, se pode contar a historia do século XX en Galicia, pero tamén en España. Escoitas a Isaac e ves agora a xente moi nova reivindicando que con Franco se vivía mellor cando non teñen ni puñetera idea do que supón iso... Hai unha entrevista que non sae no documental na que el comenta que van chegar tempos moi difíciles e moi escuros. Xa falaba dunha rede na que íamos quedar todos atrapados, dicíao así tal cal. Estaba falando de internet e das redes sociais. Dicía moito que esta sensación de estar comunicados tan facilmente entre todos nos ía dar unha sensación de que podemos facer unha revolución a través de internet, pero el dicía que non, que o que ía suceder era que de estar tan hipercomunicados e tan metidos nesa rede, iamos esquecer como ser doutra maneira.

Cerámica das fábricas de Sargadelos e O Castro no documental 'Hoxe e o resto do mundo' © Matriuska Producciones

Comezou con este proxecto xusto despois da pandemia, foi o empurrón que lle faltaba?

Sempre tiven a teima de que faltaba unha longametraxe das vidas de Isaac e Mimina, contar toda a complexidade que hai detrás do Laboratorio de Formas, pero sentía que non estaba preparada e ata que non o vin claro non puiden dar o paso, que foi xusto coa pandemia porque coincidiu co centenario do nacemento de Isaac. Fíxose unha gran exposición retrospectiva na Cidade da Cultura, en Santiago, cun percorrido por toda a súa obra, curada por meu pai e meu tío, que me deixaron facer unha peza audiovisual para que a xente puidera volver conectar con Isaac. Metinme no arquivo para esa videoinstalación e xa tiven que seguir para a película, e seis anos de traballo despois, aquí estamos.

Foi especialmente complexa a montaxe?

Si porque hai imaxes de arquivo de Televisión Española, da Filmoteca, do Nodo... Pero, á parte diso, atopei gravacións en dezaseis milímetros da inauguración de Sargadelos dos anos setenta, que foi un agasallo. Dixitalicei un montón de arquivo familiar en Super 8 tamén. Pero a maiores de todo este arquivo, rodamos non só as entrevistas, senón todo un universo visual que creei especificamente para a película.

Como conseguiron encaixalo todo para lograr tanta coherencia?

Conseguímolo porque o traballo con Diana Toucedo na montaxe foi máxico. Ela implicouse de maneira persoal, isto é algo que me pasou con toda a xente do equipo, e con moitas persoas que están vendo a película, que a xente non coñece nin un 10% de como foi esta historia. Para Diana coñecer todo isto foi moi iluminador e clarividente. Queremos reivindicar esa Galicia moderna na que se fixeron cousas moi importantes, non todo pasa en Barcelona e en Madrid, a periferia existe e houbo proxectos tan brutais como o Laboratorio de Formas, unha Bauhaus galega.

Traballamos sempre visualizando un quebracabezas no que encaixar todas as pezas, foi un traballo moi duro pero, á vez, moi bonito porque tiñamos un material de base moi interesante para crear este universo audiovisual diazpardiano. Unha das miñas teimas era que se meus avós tiveran que facer isto, como o farían. Pero para empezar, nunca o farían, porque tiñan un perfil moi baixo.

Porque non se colocarían no centro, non?

Non se colocarían no centro nunca, entón, non sei se me están odiando alí onde estean, pero creo que deben estar orgullosos.

No filme hai pintura, cerámica, o traballo editorial, teatro... E está o que creamos coa figuración, baseado nas xentes que ollan, nas series de debuxos de Isaac nas que pintaba ao pobo. E vemos tamén ese auditorio circular, que recorda a unha nave espacial visto dende arriba, porque na aldea tamén tiña que haber un auditorio para que puideran pasar cousas.

É que Cervo foi o centro da creación galega con Díaz Pardo.

Eu tardei en ser consciente, pero era moi pequena cando pasaba por alí de súpeto Oteiza, ou Cela, non sei... Pasou xente espectacular por alí. E todo o mundo quería ir, porque alí era onde sucedían as cousas.

Fotograma do documental de Cecilia Díaz Betz © Matriuska Producciones

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.